domingo, 5 de abril de 2009

700 corredores: Récord de participación na Carreira Popular

.
Uns setecentos atletas de toda Galicia competiron nas catorce categorías establecidas

O ferrolán Julián Bernal, de 90 anos, levou o premio ao máis veterán

Máis de setecentos atletas de toda Galicia, entre adultos e rapaces, participaron este domingo na XIV Carreira Popular Concello de Ordes, no que supón un récord de participación nesta proba. O tempo acompañou durante toda a xornada e animou a que case setecentos atletas, case 500 adultos e máis de 200 nenos, participasen nesta competición que foi seguida tamén por numeroso público disposto na Alameda.

A carreira foi gañada polos dous máximos favoritos: o santiagués Pedro Nimo del Oro (Club Piélagos Inelecma) e a canguesa María Xesús Gestido (Playas de Jandía), que encabezaron a clasificación xeral absoluta de homes e mulleres.

Por equipos, o triunfo foi para o “Coruña Comarca”, seguido polo Atletismo Milladoiro, o Atletismo Sar Gexpa, o Ría de Ferrol e o Pinar de Doniños. Así mesmo, a organización premiou tamén ao Atletismo Ordes, á Asociación Lusco e Fusco e ao CEIP Castelao por ser os que máis atletas aportaron ao evento.

Benxamíns e veteranos
Os premios aos atletas máis xóvenes foron para Mario Uzquiaga Escourido e Sofía Penas Lorenzo, de apenas uns meses de idade; mentras que os premios aos atletas máis veteráns en completar os 9,5 quilómetros de percorrido foron para Francisca Romasanta (de 60 anos e gañadora tamén da categoría Veteráns D) e Julián Bernal Medina, atleta ferrolán de 90 anos de idade.

6.500 euros en metálico
Os premios foron entregados polo alcalde de Ordes, Manuel Regos; o concelleiro de Deportes, Ramón Vázquez Raña; o tenente de alcalde, Xesús Pedreira; a concelleira de Educación, Silvia Marín; o concelleiro de Urbanismo, Roberto González; e o concelleiro de Feiras e Mercados, Luis Gómez. Todos eles entregaron 3.600 euros en metálico aos gañadores, así como trofeos para os tres primeiros clasificados das catorce categorías.

A XIV Carreira Popular Concello de Ordes estivo organizada polo Concello de Ordes e contou coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Club Atletismo Ordes, Sogama e das empresas Ferralla Lois, Reale Seguros, Coca-Cola, Feiraco, Caixanova, Día, Jaime Castro asesoría-seguros, Moure Villaverde SL e Carnicería Enrique.
*