martes, 21 de abril de 2009

A candidatura da UPG de Guillerme Vázquez arrasa entre os nacionalistas ordenses

Un total de 18 delegados do BNG ordense acudiran á Asemblea Nacional por “Alternativa pola Unidade” de Vázquez, dous por “Mais BNG” de Aymerich e un polo “Encontro Irmandiño” de Beiras

Gonzalo Castro é o número tres dos da UPG pola comarca compostelá

A Asamblea Nacional do BNG que terá lugar o vindeiro 10 de maio do que sairá o novo Portavoz Nacional da formación, contará coa presenza de 21 delegados ordenses. Concretamente, 18 deles resultaron electos pola candidatura da UPG e Guillerme Vázquez, 'Alternativa pola Unidade'; dous pola corrente quintanista liderada por Carlos Aymerich, 'Máis BNG'; e unha polo 'Encontro Irmandiño' de Xosé Manuel Beiras.

Os concelleiros, tamén coa UPG
Os tres concelleiros da corporación municipal, Gonzalo Castro, María Xosé Raña e Ramiro Recouso formarán parte da comitiva da Unión do Povo Galego que tamén estará acompañada do responsable local ordense, Suso Ríos. Por parte das outras candidaturas, participan as tamén ordenses Charo Fernández ('Máis BNG') e Cristina Amor ('Encontro Irmandiño').

Os resultados locais coñecéronse despois da celebración da Asamblea Comarcal compostelana do pasado sábado 18, na que participaron 36 afiliados ordenses pola lista de Guillerme Vázquez, catro cos de Aymerich e un irmandiño. Os resultados globais da votación de delegados outorgou 111 delegados a 'Alternativa pola Unidade', 80 a 'Máis BNG', 40 a 'Encontro Irmandiño' e outros 13 a 'Máis Alá', candidatura formada por militantes da CIG, escindidos do Movemento pola Base.

Despois destes resultados, a candidatura do ex-Deputado no Congreso e concelleiro pontevedrés, Guillerme Vázquez, aparece como a mellor posicionada con 1124 delegados electos (47% do total). Síguelle Aymerich e “Máis BNG”, con 797 delegados electos (33% do total) e o “Encontro Irmandiño”, con 431 delegados (18% do total). Outras listas locais completan as listas ao sumar 44 delegados (2%).

Quen lidera as diferentes correntes na comarca compostelá?
'Alternativa pola Unidade' estará encabezada polo ex secretario xeral de Galiza Nova, Martiño Santos (membro da UPG), seguido da tenente de alcalde de Santiago de Compostela, Socorro García (independente) O ordense Gonzalo Castro (membro da UPG) ocupará o terceiro lugar entre os da UPG, seguido da concelleira de Medio Ambiente compostelá, Elvira Cienfuegos (independente).
.
'Máis BNG' levará á Asamblea Nacional, -o lugar de celebración está aínda por confirmar-, ao ex Director Xeral de Desenvolvemento Rural, Edilino López Iglesias na súa cabeza, seguido da concelleira amiense Olaia Alvite, e os profesores da USC, Xan Carlos Bascuas Jardón e Xulia Guntín.

Os irmandiños estarán encabezados pola profesora de Dereito Administrativo, Alba Nogueira, o economista Carlos Neira, a sindicalista agraria Lidia Serra e o portavoz municipal dos nacionalistas no Concello de Val do Dubra, Antonio Negreira.
.
Foto arriba: Grupo municipal do BNG de Ordes: María Xosé Raña, Gonzalo Castro (centro) e Ramiro Recouso.
.
Foto abaixo: As concelleiras compostelás, Elvira Cienfuegos e Socorro García (dereita).
*