lunes, 29 de agosto de 2011

Un encontro folclórico animará este sábado a parroquia de Poulo


Organizado pola Asociación cultural Camiño Real de Poulo

Pinchos e foliada a partires das 17:00 horas xunto ao seu local social  

A Asociación cultural Camiño Real de Poulo celebra este sábado 3 de setembro o seu VI encontro folclórico coa actuación das agrupacións da Asociación cultural Faragullas, de Teixeiro, a Asociación cultural O Castro da Meda de Sada, a Asociación folclórica Sementes da Arte de Ordes, ademais da actuación da Asociación cultural Camiño Real de Poulo na súa calidade de anfitrións. Como convidado especial, contarán ademais coa gaita do veterano Flor da Maquía, de Poulo.

O encontro festivo terá lugar a partires das 17:00 horas xunto ao local social da asociación na parroquia de Poulo e contará con bar, un posto de venda de artículos varios feitos por nenos, e outro de venda dos deliciosos bolos preñados. Ao final da festa haberá pinchos e foliada con todos os membros das asociacións asistentes.

Historia da A. C. Camiño Real
A Asociación cultural Camiño Real comezou a súa andaina no ano 2003 pola iniciativa de oito homes e mulleres da parroquia ordense de Poulo. Co tempo fóronse engadindo novos membros tanto de fora como da nosa comarca ata chegar aos 60 cos que conta na actualidade, divididos entre as seccións de baile, pandeireta e gaita. A asociación organízase en tres grupos establecidos por idades: “As reberetiñas”, ”Falcatrúa” e “Algueirada”.

Ao longo da súa historia, a Asociación cultural Camiño Real ten participado en numerosas foliadas de diversas localidades galegas. Poulo, Leira, Busto, Deixebre, Monterroso, A Coruña, Pontraga, A Gracia, Oleiros, Sada, Paraíso, Muros, Ordes, Vilamaior, Rois ou Gandarío son só algunhas delas, nas que xa coñecen o bo facer artístico da asociación ordense. Tamén diversos programas de televisión, coma “Nunca tal vin” ou “Na punta do pé”, ambos da Televisión de Galicia, fixéronse eco das súas actividades.


A asociación ten por obxectivo a divulgación da cultura galega en xeral e da súa música popular en particular co obxecto de servir como vehículo de ledicia para os amantes, cativos ou maiores, das artes musicais galegas.

A asociación cultural Camiño Real de Poulo convida a todos os lectores de Ordessiete a acompañalos nesta celebración que prométenos facer pasar unha magnífica xornada cantando e bailando coa nosa música tradicional.

*