Ordessiete continúa coa serie de biografías de destacados veciños de Ordes
Manuel Astray Rivas naceu en Ordes en 1924. Foi avogado e escritor. Na súa faceta xurídica foi subdirector da Oficina da Administración Pública de Ordes. Como escritor, destacouse como colaborador xornalístico e literario nas páxinas de La Noche, onde compartiu espazo con Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Fernández del Riego ou Álvaro Cunqueiro. Posteriormente seguiría escribindo en El Correo Gallego e en La Voz de Galicia. É autor dun opósculo autoeditado, Caída programada, sobre o presidente de Chile, Salvador Allende. A obra que o inmortalizaría sería Síndrome del 36: la agrupación del ejército guerrillero de Galicia (Edicións do Castro, 1992), unha memoria persoal e testifical da actividade do grupo do exército guerrilleiro galego. Finado en 1992, deixou inédita unha obra teatral, A Pouleira, traxedia sobre o mundo rural galego. É pai de Manuel Astray Mariño, avogado e político ordense, histórico membro do PSdG-PSOE de Ordes ata 2007, ano no que abandoa esa formación política.
Se ben nunca chegou a publicar a súa obra poética, o diario vespertino La Noche publicou unha moi meritoria composición súa en galego, Saudades, o 19 de decembro de 1949.
Saudades
Está frieir'a noite,
encolleit'o corazón,
teño saudades,
e ánseas d'amor
Tenebras d'abatemento,
pousono sospirar
amargoso sofrimento...
de te recordar;
n'aquelas tardes quentiñas,
d'o mes de San Joán,
en qu'as anduriñas,
viamos voar;
moi arrechegadiños,
collidos d'a man.
Mariquiña, Mariquiña
labros de caravel,
olliños de merlo,
boquiña de mel,
anxo d'o ceo...
pra min, és.
Silvestre mapoliña,
tristeiro amañecer,
douce melanconía,
estimada joíña...
pra min, és.
Adiós, adiós, queridiña,
canto che vou a chorar,
almibre tés n'a boquiña...
quen'o volver'a probar.
Fonte bibliográfica: Plumas e letras en La Noche (1946-1949). Ed. a cargo de Luis Alonso Girgado. Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias. Santiago de Compostela, 1996.
*