O portavoz popular asegura que o Concello pretende que os propietarios paguen 1.253 euros sen pedir orzamentos alternativos
Sospeitan que o Concello poida pretender beneficiar supostamente a unha empresa concreta
O Partido Popular de Ordes informou hoxe de que a proposta de reforma dos panteóns do cemiterio municipal do Balado presentada polo Concello de Ordes aos propietarios dos nichos "incrementa artificialmente o custe real das obras", feito que, a xuízo dos populares ordenses, "ten provocado un notable malestar entre os veciños afectados". Aseguran que o feito de que o Concello non presente ós propietarios presupostos alternativos leva ao Partido Popular a sospeitar "que o Goberno de Regos poida pretender beneficiar supostamente a un construtor determinado mediante unha adxudicación a dedo e cun presuposto inflado deliberadamente".
De prosperar a proposta municipal de adxudicar a obra a unha empresa concreta, sen estudiar alternativas, o Concello estaría trasladando aos veciños unha débeda que mantería coa empresa construtora desde hai tempo, pero á que non lle pode facer fronte polos problemas de tesourería que presenta, aseguran dende o Partido Popular.
Malestar veciñal
Segundo o PP, dous concelleiros do equipo de Goberno celebraron o pasado venres unha reunión cun primeiro grupo de propietarios dos panteóns nos que pretenden acometer as obras. Na xuntanza vivíronse momentos de tensión dado o malestar causado entre os propietarios polo elevado prezo proposto polos representantes do Concello (1.253 euros por columna).
José Luis Martínez Sanjurjo, voceiro municipal do Partido Popular de Ordes, adianta que levará este asunto ao vindeiro pleno municipal por entender que o Concello pretende cometer inxustiza cos veciños, “unha inxustiza dobremente grave, por inflar artificialmente un presuposto a sabendas de que eses cartos saen dos petos dos veciños, pero tamén porque pretenden ´sablear´ a persoas de escasa capacidade económica, moitas delas con pensións mínimas coas que lles custa chegar a fin de mes”.
Proposta do PP
O Partido Popular esixe ao Concello que para informar con garantías ós propietarios, presente alomenos tres presupostos alternativos de outras tantas empresas, e que unha representación dos propietarios dos nichos participe en todo o proceso de contratación das obras para que este se efectúe con absoluta transparencia.
A proposta presentada polo Concello de Ordes aos propietarios para executar as obras de cubrición dos panteóns e dos patios e as recollidas de pluviais ascende a 1.253 euros por cada columna de panteóns (máis de 100.000 euros por cada mazá de nichos). Pola contra, un primeiro estudo valorado estimativo encargado polo Partido Popular cifra ese orzamento en torno ós 650 euros.
*