"No BNG de Ordes temos un equipo renovado e con potencial de futuro"
"Resulta urxente a creación en Ordes dun Consello Municipal de Cultura"
Analizamos co portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, este primeiro trimestre da lexislatura municipal 2011-2015.
O BNG alcanzou nas pasadas eleccións locais un dos peores resultados da súa historia no noso municipio. A que atribúe este feito?
É evidente que un resultado electoral, para ben e para mal, sempre se debe a unha suma de factores. Neste sentido, no BNG de Ordes temos analizado o resultado electoral e as posíbeis causas do mesmo, que pode obedecer tanto a dinámicas políticas nacionais como á excepcional situación política que vive Ordes.
Sen embargo, quería facer unha reflexión, o BNG atópase en plena fase de construcción dun proxecto político de futuro, renovado e capacitado para gobernar Ordes. Se me permite o símil futbolístico, o proceso de construcción do actual F.C. Barcelona, un equipo gañador, levou varios anos e unha das claves do seu éxito foi consolidar un equipo sen tomar decisións apresuradas levado polas urxencias dos resultados a curto prazo. Nesta fase estamos no BNG de Ordes, temos un equipo renovado e con gran potencial para o futuro, agora só queda acoplalo para que funcione como unha máquina ben engrasada. Era díficil “gañar a liga” ao primeiro envite, mais o futuro goberno de Ordes atópase no BNG, por xuventude e capacidade, diso estou seguro.
"So hai un causante da falta de acordo co soldo do alcalde"
Ainda así, cos seus dos concelleiros, o grupo nacionalista foi quen de paralizar dúas dedicacións exclusivas e outra parcial e forzar a aprobación dunha auditoría externa do Concello. Por que deixou o BNG ao alcalde sen o seu soldo de 29 000 euros anuais?
O BNG ten iniciado esta nota etapa con ilusións renovadas, mais coa seriedade e coherencia de sempre, como puxo de manifesto nos primeiros plenos deste mandato, onde se defendeu a reducción dos gastos en retribucións do goberno municipal, a aprobación dunha normativa contra o transfuguismo e a realización dunha auditoría externa das contas do Concello. Tendo claramente a iniciativa política na corporación municipal e defendendo as propostas ás que nos comprometimos en campaña electoral.
Con respeito aos soldos aos que fai referencia, o BNG presentou unha emenda á proposta da alcaldía, esta emenda contemplaba só unha dedicación exclusiva para o alcalde de Ordes, porque consideramos que o Concello de Ordes precisa dun alcalde que se dedique en exclusiva as tarefas de goberno, mais entendíamos que eran excesivas as outras dúas dedicacións propostas polo alcalde, xa que, debido á ausencia de maiorías absolutas, será o pleno quen deba adoptar as decisións de grande importancia e calado para a gobernabilidade de Ordes. Diante disto, o alcalde retirou a súa proposta da orde do día do pleno, evitando o debate e aprobación deste punto, e descartando un posíbel consenso. Só hai, por tanto, un causante da falta de aprobación efectiva do soldo do alcalde, o propio alcalde pola súa actitude despótica e pouco dialogante.
O alcalde Manuel Regos sorprendíanos, no mesmo acto de toma de posesión, coa futura implantación dun viveiro de empresas en Ordes, algo que foi moi reclamado por vostede ao longo da pasada lexislatura. Moitos pensamos, naquel momento, na existencia dun principio de acordo de gobernabilidade entre UxO e o BNG...
Descoñezo as intencións do alcalde con este anuncio, mais sendo sinceiro, desde o BNG somos moi escépticos con respeito ás que exista a verdadeira votade de cumprir con este compromiso. Como ben di, durante catro anos, desde o BNG propuxemos a posta en marcha dun centro de promoción económica e un viveiro de empresas para frear o aumento do desemprego en Ordes, mais unha e outra vez esta proposta foi rexeitada polo goberno municipal, cando os recursos a disposición do Concello eran bastantes máis dos dispoñíbeis na actualidade, de aí o noso escepticismo, mais oxalá nos equivoquemos, polo ben dos veciños e veciñas de Ordes.
No tocante, ao pacto de gobernabilidade, creo que a día de hoxe, despois do acontecido nos dous plenos da Corporación Municipal que levamos celebrado, non será necesario nen desmentilo...
Gonzalo Castro, de 38 anos, é avogado de profesión. |
"Faltan o diálogo e o consenso no goberno de Ordes"
Pregúntolle xa como ordense. Que é o que lle preocupa especialmente dun goberno en minoría no noso Concello?
Quero aclarar que non me preocupa a existencia dun goberno sen unha maioria absoluta estábel, ese non é o verdadeiro problema. Existen moitos gobernos municipais sen maioría absoluta que funcionan perfectamente porque teñen actitude dialogante e capacidade para chegar a acordos en beneficio dos veciños.
Como veciño de Ordes o que me preocupa é a falta de capacidade e de talante do alcalde para chegar a acordos en beneficio dos veciños e veciñas de Ordes. Desde o BNG sempre tivemos unha actitude constructiva en beneficio dos veciños e veciñas de Ordes, tivémola durante catro anos, cando o goberno de Regos tiña maioría absoluta, e seguímola tendo agora, mais é evidente que o alcalde non está á altura das circunstancias, as palabras diálogo e consenso parece que non figuran no seu vocabulario, tal e como nos teñen demostrado os dous plenos celebrados até o de agora.
O que parece evidente, tras estes dous primeiros plenos municipais, é que o goberno municipal non poderá sacar adiante as súas políticas sendo vetado polo conxunto da oposición en pleno. Non cre que haberá que atopar entre toda a corporación unha solución inminente a isto?
Se analiza ben os plenos, a conclusión é ben distinta. O que demostraron estes plenos é que existe unha formación política, o BNG, con capacidade para sacar adiante as súas iniciativas no pleno. Analicemos o acontecido nos plenos, obviando o que podería pasar co debate dos soldos, ao ter sido retirado da Orde do Día, o que ten acontecido no último pleno puxo de manifesto a capacidade do BNG para sumar os apoios necesarios para sacar adiante unha reforma do regulamento orgánico que poñerá freo ao transfuguismo e unha auditoria externa que permita aos veciños coñecer a situación económica real do Concello. Dúas propostas que pretenden unha rexeneración democrática e unha maior transparencia no noso Concello.
O goberno municipal nen sequera tivo a iniciativa de presentar propostas de calado ao pleno. O que acreditan estes plenos é a capacidade do BNG para chegar a acordos en beneficio dos veciños e veciñas de Ordes, pola contra o problema para Ordes que teñen evidenciado estes plenos, foi a ausencia de iniciativa dun goberno paralisado e en estado de “shock”. En canto á solución: talante, diálogo e consenso. Esas son as tres palabras claves para que Ordes poida ter estabilidade.
Pasaría unha destas solucións por un pacto estable de goberno entre o BNG e UxO?
É evidente que os proxectos políticos e as concepcións que posuen do exercicio do goberno o BNG e UxO atópanse nas antipodas, fronte ao clientelismo e o trato de favor deste goberno, no BNG propoñemos participación dos sectores sociais e transparencia, fronte ás obras faraónicas e de dubidosa necesidade, e a xestión arbitraria dos recursos públicos deste goberno, no BNG propoñemos a priorización dos recursos para a mellora dos servizos públicos e a atención dos máis necesitados...e podería continuar con diferencias de fondo importantes que virían a reforzar a idea de que o BNG e UxO representan proxectos políticos antagónicos.
Como pode comprobar, moito terían que cambiar as cousas para que ese pacto fose posíbel, mais teño que repetir que o problema de Ordes non é a ausencia dunha maioría de goberno mecánica e estábel, o problema de Ordes é a ausencia dun goberno á altura das circunstancias e con iniciativa para chegar a acordos puntuais en beneficio dos veciños e veciñas de Ordes. Fagome unha pregunta, se o BNG, con dous concelleiros, foi capaz de sacar adiante iniciativas tan importantes como as que citei anteriormente, que impide que UxO, con sete concelleiros, poida facer o mesmo?
Ronda leste
Cal é a súa postura sobre a paralización das obras da ronda leste que esta semana está enfrentando a goberno municipal e PSOE contra o grupo municipal popular?
Temos asistido a un espectáculo dantesco e bochornoso, semella que ninguén lembra que a realización desta obra depende da correcta execución dun convenio asinado entre o Concello de Ordes e a Xunta de Galiza.
Tanto o alcalde como o PP, facendo gala dunha utilización totalmente partidista das institucións que gobernan, en lugar de resolver os problemas que teñen provocado a paralización das obras da segunda fase da Rolda, o único que se adicaron foi a facerse críticas públicas eludindo as súas obrigas e provocando que os veciños de Ordes sufran as consecuencias da súa irresponsabilidade, especialmente os veciños de Buscás, que levan desde hai tempo padecendo uns accesos deplorábeis á súa parroquia, mentres nen o alcalde nen o PP fan nada para que se reinicien e se rematen canto antes as obras. O lamentábel é que esta actitude do alcalde e do PP non sorprende, xa que a utilización das institucións de forma partidista é algo moi característico da dereita e neste caso é lóxica a coincidencia no discurso destas “duas franquicias da mesma matriz”, o peor é que, mentres tanto, os perxudicados son os de sempre: os veciños e veciñas de Ordes.
Moi pronto celebraremos unha nova edición das festas patronais de Ordes. Cal é o seu modelo de festas e cultura para o noso concello?
Un modelo participativo, onde as entidades veciñais e culturais teñan moito que dicir con respecto ás festas, un modelo que teña moito máis en conta as manifestacións culturais populares do noso concello e da comarca, e un modelo de festas que integre aos barrios na celebración das festas patronais, organizando actividades lúdicas e culturais nos barrios do concello durante as xornadas festivas.
De xeito máis estrutural, resulta urxente a creación dun Consello Municipal de Cultura que xenere sinerxias entre as distintas entidades culturais do noso concello, como instrumento que promova e facilite a iniciativa destas entidades, e a organización de eventos e actividades culturais.
*