martes, 2 de agosto de 2011

"Que non conten con nós para amaños que permitan que tal ou cal persoa saque tallada"


José Luis Martínez Sanjurjo.
"A situación financieira do Concello é tan delicada que carece de cartos para cofinanciar obras que se poderían acometer a través de convenios con outras administracions. Sucedeu no pasado mandato e sucederá, lamentablemente, no actual" 

O portavoz municipal do Partido Popular en Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, analiza con Ordessiete a situación actual de bloqueo ao grupo de goberno comandado por Manuel Regos por parte da oposición municipal da que forma parte

Cal é a súa valoración da labor do goberno de Regos nestes dous primeiros plenos da lexislatura?
Véxoos moi, pero moi perdidos en todos os aspectos. Non sei nin a que xogan, nin o que é peor, ao que queren xogar. O resultado electoral e as negociacións sen froitos, levaronos a apegarse a unha minoría, situación diferente a que se atopaban afeitos. Todo sumado tenos moi tocados, o que conleva moita presa ou desexo de abandonar o salón de plenos en cada sesión.

O que parece evidente é que tal e como está configurado o goberno a día de hoxe, resulta imposible a gobernabilidade e en consecuencia, ponse en serio risco a efectividade da labor do Concello de Ordes.
Asi é. Un goberno municipal, e máis neste caso, no que se atopa en minoría, de ninguna maneira se debera manter afastado do diálogo e do consenso, como está a suceder en Ordes. Ademais, non é que só existan discrepancias na forma de abordar os diferentes temas durante as sesión plenarias. O traballo do Goberno municipal no día a día, e tamén nas comisións, ofrece constantes mostras da súa incapacidade e da falta de medios para gobernar.

Dende o Partido Popular prantexamos preguntas sobre as cuestións prioritarias para os cidadáns, as que me plantexa a xente pola rúa, e a resposta mais común, é  que ‘xa se verá, xa se verá’. O Goberno municipal  demostra unha evidente incapacidade para asumir as súas responsabilidades, pero tamén  pon de manifesto un talante pouco democrático ao impedir que fagamos oposición co rigor que os veciños merecen. Dende o goberno expoñen a súa proposta e pretenden que nós votemos a favor, en contra ou nos absteñamos, iso é todo. Prefiren que non haxa diálogo nen debate. Logo, as iniciativas dos grupos chegan aos plenos e existe total consenso entre a oposición, como quedou demostrado o pasado xoves.

Apoio ao BNG
Efectivamente, o xoves pasado o grupo popular votou a favor das medidas restrictivas de dereitos económicos e políticos para os tránsfugas presentado polo grupo do BNG. Por qué deron ese apoio aos nacionalistas?
Medidas coma estas xa foron difundidas e defendidas por nós durante a campaña electoral. Tamén a necesidade dunha auditoría externa formaba parte do programa electoral do PP de Ordes, como eu me encarguei de repetir en cada reunión e en cada mitin.

No momento en que somos coñecedores da presentación das mocións do BNG, o grupo popular decide apoiar a urxencia e os acordos propostos, coas enmendas que se incluíron e aprobaron no debate plenario.
Somos xente de palabra e o que defendemos durante a campaña electoral defenderémolo tamén agora, xa celebradas as eleccións. A nosa coherencia demóstrase deste xeito.

Faltan arredor de 100 días para que o goberno presente o seu proxecto de orzamentos municipais para o exercicio 2012. Nesta escenario que a día de hoxe existe, que pasará chegado o día da súa votación no pleno da corporación?
Haberá que agardar a que chegue ese momento.  A día de hoxe, ou axustan os orzamentos ás necesidades reais dos veciños de Ordes e os consensúan coas da oposición, ou non haberá forma de que os saquen adiante.

Dende o goberno teñen dous camiños, ou intentan achegarse á maioría absoluta [o grupo de goberno está a dous concelleiros dela] co mercadeo que existiu sempre; ou tratan de chegar a acordos claros e transparentes cos outros grupos municipais. Ó meu entender non vale unha xuntanza UxO-PP ou UxO-BNG ou UxO-PSOE-Cidega; eu sempre propuxen unha reunión de conxunto, que claro está, foi rexeitada por Regos.

Reunión de portavoces
En que consistiría esa reunión de conxunto?
Falo dunha reunión formal de portavoces na que se aclaren as cousas, e se deixe de pensar unicamente en intereses partidistas. Se se tivese celebrado unha reunión deste tipo,  poderían acordarse asuntos retirados do anterior pleno, pero dende o goberno non pensaron no conxunto das representacións políticas dos veciños de Ordes e decidiron negociar individualmente con cada grupo. Á vista está o resultado desta estratexia. Díxeno antes das eleccións e repítoo agora: Non quero compoñendas nin acordos que beneficien a este ou aquel. Estamos en política para servir ao conxunto dos veciños, non para que tal ou cal persoa saque tallada. Co Partido Popular que non conten, desde logo, para eses amaños.

Logo a que cre que se debe esta táctica?
Máis que a una estratexia, a situacion actual é a consecuencia do seu xeito de actuar, da opacidade que caracteriza ao equipo de Regos. Por iso, dubido que sexan capaces de lograr un apoio explícito e continuado de calquera grupo, porque foi o propìo equipo de Goberno o que, durante moito tempo, se encargou de crear enemizades a conciencia.

Isto quedou claro durante a pasada campaña, na que confiaron en acadar a maioría absoluta empregando todo tipo de artimañas e presións, e saiulles mal. Daquelas choivas saen agora estes lodos no Concello de Ordes. De todos os xeitos, supoño que a súa intención será a de conseguir a maioría.

Conseguir a maioría significa seducir alomenos a dous concelleiros…
Claro está! Os integrantes do grupo mixto serán a súa prioridade, xa estiveron no goberno anterior 2007-2011. Só espero manteñan ata o fín a palabra dada diante dos veciños durante a campaña.

E que me di dun pacto UxO-BNG?
Eu vexo moi difícil a día de hoxe que o BNG poida entrar nun goberno lidarado por Manuel Regos. Pero esta é só unha percepción persoal; non teño máis elementos de xuízo.

Situación financieira
En qué perxudica toda esta situación aos vecinos de Ordes?
Absolutamente a todos os niveis. Regos non se decata de que a situación mudou radicamente e que as prioridades discorren por outros derroteiros, Malgastou moitísmos cartos que agora temos que pagar entre todos. Recursos que ben administrados, permitirían atender necesidades reais dos veciños, pero que foron destinados a alimentar delirios de grandeza. Poño un exemplo: A situación financieira do Concello de Ordes é tan delicada que carece de cartos para cofinanciar obras que se poderían acometer a través de convenios con outras administracions. Sucedeu na pasada lexislatra e sucederá, lamentablemente, na actual. A política é en boa medida un exercicio de diplomacia, relacións públicas e contactos aos que o goberno de Ordes está renunciando pola súa propia soberbia e ficticia autosuficiencia.

Existe algo que lle preocupe especialmente?
Preocúpame moito o que está a pasar co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Ou mellor dito, o que non está a pasar. A xente xa empeza a estar cansa de que pase o tempo sen ter unha resposta convincente para tanto retraso. Levamos demorando o PXOM máis dun ano e medio, e así non se avanza en recurtar os prazos mínimos da tramitación e aprobación. Concellos limítrofes como Tordoia ou Mesía fixeron os deberes, sen preocuparse nin amolarse por estar ás portas dunhas eleccións municipais, e gracias a esta iniciativa teñen os seus plans xa moi avanzados. Do caso de Oroso ou O Pino mellor nin falar, a vantaxe de ter aprobado o seu PXOM fai anos é inmensa e poida que irrecuperable, en tódolos niveis que poidamos plantexar analizar.

Guarda Civil
E que pasa co cuartel da Guarda Civil?
Si, estase a falar moito na rúa estes días dese tema, especulase con que Regos levou un portazo na cara no Ministerio do Interior, en Madrid, que non o recibiron...Á pregunta formulada polo Partido Popular no pasado pleno, o alcalde respostou que todo avanza polo bo camiño, e que precisa voltar a Madrid a acabar de pechar os acordos.

Para nós, este é un exemplo máis dos erros nos que ten incorrido este Goberno. Malgastaron centros de miles de euros -a cifra real, seguramente non a saberemos- nun asunto que non é competencia do Concello de Ordes, mentres outras necesidades que si son de competencia municipal, foron aparcadas por falta de cartos.

Logo cal vai ser o traballo do grupo municipal popular no Concello no corto prazo?
Imos levar iniciativas ao pleno de setembro e ós seguintes, logo de telas consensuado primeiro dentro do noso grupo, un equipo de mais de 30 persoas con grande valía e coñecementos, non únicamente polos concelleiros electos. Non obviaremos transmitilas ao resto dos grupos da oposición. Estou seguro de que moitas das nosas propostas coincidirán no contido cos programas de estes, e as apoiarán. Co peso dos seis concelleiros do PP na corporación municipal, a intención, dende logo, será sacar adiante as nosas propostas, e en consecuencia unha vez aprobadas velar por que se leven a cabo.

Logo, a día de hoxe é máis factible o acordo cos diversos grupos da oposición que co goberno municipal de Manuel Regos?
Á vista está que si. Comenzando con tratar os asuntos co sentido común, e levando ben preparadas as iniciativas, será factible conseguir o consenso do PP coa práctica totalidade dos grupos da oposición.

Eleccións xerais 20-N
Cambiando xa de tema, o presidente do Goberno ven de convocar eleccións xerais para o 20 de novembro. Como se vivirán dende o seu partido en Ordes?
Trataremos de percorrer todas as parroquias de Ordes facendo chegar a mensaxe de cambio, confianza e prosperidade ante o futuro que encabeza Mariano RajoyA día de hoxe é cedo de máis para concretar que actos se celebrarán en Ordes. Temos en mente un cronograma de traballo e todo se decidirá e anunciará cando proceda. Trataremos de contar con algún dirixente destacado do Partido Popular para que se achegue a Ordes e participe nalgún dos nosos actos de campaña.

Pedirá Regos o voto para Alfredo Pérez Rubalcaba?
(Rí). Eu penso que non, pero quen sabe.... Se tanto tiña que agradecer, ó mellor algo queda. Él verá, pero algo me dí que Regos non voltará a beber nin mergullarse nunhas augas que lle causaron, ao apoiar públicamente ao candidato do PSOE á presidencia da Xunta de Galicia en 2009, o máis grave erro da súa vida política.

***