Nenos participantes da festa de clausura da Escola de Verán. |
Centos de rapaces e rapazas ordenses participaron na Escola de Verán e os cursos de natación da piscina de O Muíño
O Concello de Ordes clausurou esta mañá as actividades de verán que se programaron dende o consistorio para os meses de xullo e agosto. Concretamente tratouse, por un lado, da Escola de Verán, unha iniciativa promovida polo Concello co fin de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias durante as vacacións escolares dos seus fillos. Unha actividade na que participaron preto de 200 rapaces e rapazas nas diferentes quendas celebradas e que ten xa unha importante tradición no municipio, celebrándose en diferentes épocas vacacionais como o Nadal, a Semana Santa e o verán.
Por outro lado tamén se puxo hoxe fin aos cursos de natación que se celebraron durante estes dous meses na piscina municipal de O Muíño, coa entrega de diplomas e medallas conmemorativos aos participantes dos mesmos. Uns agasallos que foron entregados aos pequenos polo concelleiro de Deportes e Mocidade do Concello de Ordes, Roberto Iglesias, que estivo acompañado polos monitores dos cursos.
Aínda que estaba prevista unha festa con inchables na piscina para despedir estas actividades, o mal tempo provocou que tivese que suspenderse, aínda que para os nenos e nenas da Escola de Verán houbo xogos e obradoiros na polideportivo Campomaior, e para os participantes nos cursos de natación celebrouse a entrega de medallas e diplomas na piscina.
*