Grupo de socialistas de Ordes xunto ao secretario xeral, Xesús Pedreira e o parlamentario Pablo López Vidal. |
Xesús Pedreira: "A Consellería perxudica gravemente a calidade de vida dos veciños por non darlle saída ao tráfico pesado ao seu paso pola vila"
Faltan 1,1 millóns de euros por pagar do convenio
Os socialistas de Ordes esíxíronlle esta mañá á Xunta de Galicia que dea explicacións sobre a paralización das obras da segunda parte da rolda leste de Ordes, correspondente á unión, a través da parroquia de Buscás, entre a estrada AC-524 (Ordes-Lanzá) e ao acceso norte na N-550 á altura do polígono industrial. A empresa á que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lle contratou o proxecto tivo que parar os traballos hai un par de meses ao constatar que a administración autonómica incumpría os seus compromisos e non lle certificaba a parte das obras xa feita, de modo que aínda non a cobrou.
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, compareceu co portavoz de Infraestruturas do Grupo Parlamentario Socialista, Pablo López Vidal, e varios militantes locais, para explicar as iniciativas que van presentar. No ámbito municipal, os socialistas de Ordes presentarán unha moción para que a corporación ordense inste á Xunta a retomar os traballos. No ámbito da cámara autonómica, presentan unha pregunta oral en pleno ao conselleiro Agustín Hernández e seis preguntas orais en comisión para a directora xeral de Infraestruturas.
Os socialistas instan á Xunta a que explique por que non asume o pago correspondente ás certificacións de obra que periodicamente presenta a empresa que executa os traballos, cales cre que son as causas da paralización das obras, se efectuou os pagos correspondentes a 2010 e se vai asumir os de 2011, se vai variar o proxecto da variante e en que data entrará en funcionamento todo o trazado da rolda leste de Ordes.
O secretario xeral do PSdG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira. |
Xesús Pedreira manifestou que “os socialistas de Ordes queremos que este vial se acabe dunha vez porque é fundamental para retirar o tráfico pesado do centro da vila”. O concelleiro ordense explica que a conclusión da rolda leste “facilitaría o desenvolvemento de Ordes e favorecería a mobilidade na vila, fronte aos problemas de tráfico actuais”. Por eso, conclúe que a decisión da Xunta supón un grave prexuízo á calidade de vida dos veciños.
Pedreira indica tamén que a paralización das obras foi tan precipitada que hai puntos como o enlace da AC-524 coa estrada interior de Buscás nos que antes o vial estaba asfaltado e agora quedou cun firme de zahorra que presenta “uns socavóns considerables nos que os veciños arriscan a diario a súa integridade a a dos seus vehículos”. Por eso, demanda que o goberno autonómico dea unha solución inmediata e retome o proxecto.
López Vidal: “Os dous anos e medio de Feijóo son tempo perdido”
O parlamentario Pablo López Vidal afirmou que a paralización da rolda leste de Ordes “é un claro exemplo de abandono e deixadez de responsabilidades do goberno da Xunta” presidido por Núñez Feijóo. “É unha pequena actuación para a Consellería, pero necesaria e imprescindible para o concello de Ordes e os demais habitantes da comarca”, sinalou López Vidal, quen incidiu tamén na situación en que queda a empresa adxudicataria das obras, forzada a enviar aos seus traballadores ao paro por mor dos impagos da Consellería.
Podes ver o vídeo facendo clic baixo estas liñas:
López Vidal contrapuxo a xestión do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño coa da actual Xunta: “a primeira parte desta rolda, na que nós tiñamos responsabilidades de goberno, está aí e co tráfico circulando por ela, mentras os dous anos e medio do goberno do PP está demostrado que son tempo totalmente perdido”. Coa situación actual, tal como indicou o voceiro socialista de Infraestruturas no Parlamento de Galicia, a Xunta de Feijóo converte “nun gasto non produtivo” o millón de euros que xa se leva investido na rolda leste.
O deputado autonómico acusou tamén ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de “preocuparse unicamente por darlle patadas a Madrid e poñerlle deberes a Fomento cando teñen a súa casa sen varrer”. O voceiro socialista de Infraestruturas lembrou que o ministro José Blanco “responde a cada crítica e desprezo cunha licitación no BOE” e empraza á Xunta a xestionar e a gobernar.
López Vidal (no centro) presentou preguntas á Comisión e ao Pleno do Parlamento de Galicia sobre a ronda leste. |
A rolda leste de Ordes constrúese en virtude dun convenio asinado en febreiro de 2009 pola anterior conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a socialista María José Caride, e o concello de Ordes. Un convenio negociado e xestionado persoamente por Xesús Pedreira cando era tenente de alcalde de Ordes. Naquel acordo, estableceuse un investimento de 2,1 millóns de euros, a pagar en dúas anualidades: un millón en 2010 e 1,1 millóns en 2011. Esta última é a que agora está incumprindo a Xunta.
Deste xeito, está rematada a primeira parte da rolda, o treito que comunica a N-550 ao sur de Ordes nas inmediacións da piscina climatizada co inicio da estrada AC-524 (Ordes-Lanzá) á altura do IES número 1. A segunda parte é a que se paralizou cos traballos a medio facer. É un treito de algo máis de dous quilómetros que atravesa a parroquia de Buscás desde a AC-524 á súa saída de Ordes ata a N-550 no norte da vila, á altura do polígono industrial de Merelle.
*