Inchables para un fin de verán na piscina municipal de O Muíño / Arq. |
Terá lugar na piscina municipal de O Muíño dende as 10:00 ás 13:00 horas con inchables e xogos para os pequenos
O Concello de Ordes despedirá o vindeiro 31 de agosto as actividades de verán dirixidas aos máis pequenos da casa cunha gran festa de clausura. Se ben a semana pasada se daba por finalizada a programación do Verán Cultural, nesta ocasión tócalle o turno para despedirse á Escola de Verán e aos cursos de natación da piscina do Muíño, ambas actividades realizadas durante os meses de xullo e agosto.
O escenario elexido para a celebración desta festa de clausura será a piscina municipal de O Muíño, na que se instalarán inchables para as diferentes idades, así como xogos cos que se pretende que os nenos e nenas participantes nestas actividades pasen unha xornada chea de diversión cos seus compañeiros. A festa celebrarase de 10:00 a 13:00 horas.
Ademais de despedir a Escola de Verán, unha iniciativa promovida polo Concello co fin de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias durante as vacacións escolares dos seus fillos, iniciativa na que participaron preto de 200 rapaces, tamén se porá fin con esta festa, aos cursos de natación celebrados na piscina aos que acudiron máis de 80 nenos e nenas de Ordes que recibirán uns diplomas e medallas conmemorativos do curso.