O nacionalista lembra que o alcalde aceptou esta petición durante o último Pleno
Recouso: "Os veciños teñen dereito a ser informados desta lei que lles afectará de forma moi grave"
O concelleiro do BNG, Ramiro Recouso Liste, emprazou hoxe ao alcalde de Ordes, Manuel Regos, a “organizar un debate sobre a Lei de Augas na radio municipal, un asunto de grande importancia para os vecinos e veciñas de Ordes”. Recouso lembrou que “no último Pleno o BNG formulou unha solicitude ao alcalde para a realización deste debate, solicitude que foi aceptada por éste”.
O concelleiro nacionalista salientou que “os veciños de Ordes teñen dereito a ser informados desta lei que lles afectará de forma moi grave, por iso desde o BNG realizamos 16 actos informativos nas parroquias rurais do concello, coa asistencia de máis de 800 persoas aos actos e a recollida de máis de 2.000 sinaturas en contra desta lei, o que demostra o rexeitamento dos veciños a unha lei inxusta, que incrementa o custo dun servizo básico nun contexto de forte crise económica”.
Veciños "ben informados"
Ramiro Recouso demandou do alcalde que “actue con responsabilidade e en lugar de trasladar informacións erróneas aos veciños, organice un debate sobre este importante asunto, para que os veciños poidan estar ben informados do mesmo”.
*