viernes, 4 de febrero de 2011

Gonzalo Castro: "O BNG gobernará para todos os veciños e veciñas de Ordes sen discriminacións"


O BNG de Ordes presentou a súa lista para as municipais de maio nun abarrotadísmo El Túnel

As prioridades do BNG para Ordes: Creación de emprego, servizos sociais e participación cidadá

Guillerme Vázquez: "Galiza leva cinco meses destruíndo máis emprego que o resto do Estado"

O BNG de Ordes celebrou onte xoves o acto de presentación das 17 persoas que formarán parte do primeiro tramo da candidatura ás próximas eleccións municipais, candidatura encabezada por Gonzalo Castro e que conta nos primeiros postos coa presenza de Monserrat Rei, Ramiro Recouso, Pablo Vidal e Rosa Neira, e que contou coa participación do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez. A presentación, que se celebrou no restaurante O Túnel, congregou a un numeroso público de veciños e veciñas de Ordes, tanto que o recinto quedou pequeno para acoller a toda axente que se achegou ao acto.

Así mesmo, o BNG de Ordes contou neste acto co respaldo dunha ampla representación da executiva nacional do BNG, onde destacaba a presenza de Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, e Carlos Aymerich, portavoz do BNG no Parlamento de Galicia.

Os salóns do restaurante El Túnel rexistraron un cheo absoluto de xente para coñecer a lista do BNG de Ordes.
"Co goberno do PP o paro en Galiza medra máis que no conxunto do Estado"
Na súa intervención, o portavoz nacional do BNG denunciou que “en Galiza levamos xa cinco meses destruíndo máis emprego que o resto do Estado”. Ante esta situación, manifestou que “o BNG está en condicións de frear o PP porque só o BNG ten políticas verdadeiramente alternativas ás políticas da dereita”.

Guillerme Vázquez asegurou que o PP vai levar a Galicia a liderar as listas do paro en España.
"A candidatura do BNG, a única que representa un cambio real para Ordes"
Os integrantes dos primeiros postos da candidatura do BNG de Ordes interviron salientando que só o BNG representa unha alternativa de cambio real para Ordes. Rosa Neira, membro do comité de empresa de viriato e candidata nº 5, manifestou que o BNG pretende convertir Ordes no verdadeiro motor socioeconómico da comarca.

Pablo Vidal, arquitecto técnico e candidato nº 4, incidiu en que para o próximo goberno do BNG será prioritario adoptar medidas para paliar o desemprego da xente nova, así como fomentar o asociacionismo xuvenil. Ramiro Recouso, empresario e candidato nº 3, animou aos veciños e veciñas de Ordes a dar o paso e apoiar ao BNG para erradicar de Ordes aos políticos que só se presentan para “encher e bandullo e por intereses persoais”. Montse Rei, candidata nº 2, salientou que o BNG “mellorará os servizos sociais no noso Concello, que están a sufrir un grave deterioro e abandono”.

Momento da intervención de Gonzalo Castro, candidato do BNG á alcaldía de Ordes.
“O BNG gobernará para todos os veciños e veciñas de Ordes sen discriminacións”
Pola súa parte, o candidato Gonzalo Castro situou como un compromiso fundamental o de “gobernar para todos os veciños e veciñas de Ordes sen discriminacións, para todos por igual”.  E é que, segundo salientou “nas vindeiras eleccións municipais o BNG é a única alternativa de cambio real en Ordes”.

Ademais, o cabeza de lista do BNG marcouse “como prioridade do BNG no próximo goberno a creación de emprego, de servizos sociais e a participación cidadá”. Neste sentido, Castro anunciou o compromiso do BNG de elaborar uns orzamentos participativos, a construción e impulso dun viveiro de empresas, a modernización da praza de abastos e o impulso do tan necesitado e demandado centro de día de Ordes. O candidato concluíu afirmando que “o BNG é a alternativa da xente que quere que en Ordes haxa un cambio real”.

Foto arriba: De esquerda a dereita, Carlos García, Mónica Pedreira, Paula Castenda, Manuel Beiras, José Antonio Raña, Gonzalo Álvarez, Pablo Vidal, Ramiro Recouso, Rosa Neira, Gonzalo Castro (candidato á alcaldía), María Xosé Raña, Guillerme Vázquez (portavoz nacional do BNG), Paula Costa, Lino Gaudeoso, Óscar Martínez, Gonzalo Veiras, Pilar Rivera e Monserrat Rei.

*