sábado, 19 de febrero de 2011

"Quero darlle a Ordes a visión dun concello para vivir e traballar"

Gonzalo Castro, candidato á alcaldía de Ordes.
Respostas ao encontro dixital con Gonzalo Castro, candidato do BNG á alcaldía de Ordes

"Estou en política por valores, por ideas e por principios"

"O asunto de Carrumeiro constitúe un bó exemplo do meu compromiso polos veciños e veciñas de Ordes"

Pregunta ANONIMO 1: É a nova Lei de Augas de Galicia unha medida con afán recadatorio?
É o único afán que ten. A única consecuencia práctica da lei para a xente, é que a Xunta do PP vai cobrar máis pola auga a máis persoas.

Pregunta XABIER I. LOUZAO: Que é o que leva a unha persoa xoven e moi preparada como vostede a meterse en política? Recoméndallle a xente nova que tome máis interese pola política?
É sabido que levo participando en política desde moi novo, xa na organización xuvenil do BNG e nas organizacións estudantís nacionalistas. Móveme o mesmo que me movía daquela, o compromiso co meu país e o compromiso social. Recoméndolle a toda a sociedade, tamén á xente nova, máis interese pola política. Sobre todo hoxe, cando estamos vendo que, ou manda a sociedade ou mandan os banqueiros. No BNG cremos na democracia, na política ao servizo da maioría social, e, sinceiramente, creo que na política de Ordes fai moita falta vocación e principios.

Pregunta PITONISO MAN. ¿Se vostede é alcalde visitará as parroquias e terá reunións cos veciños durante o mandato ou só se acordará delas durante a campaña?
Xa o fixen sin ser alcalde. Gústame dar a cara e estar coa xente nas duras e nas maduras. Estivemos nas parroquias por cuestión de suma importancia para a xente, polas concentracións parcelarias, pola Lei de Augas, e por moitos problemas concretos. Non poderei estar en doce sitios a un tempo, pero non vai ser difícil falar comigo. Todo o mundo sabe xa que un dos meus compromisos será escoitar a todos os vecinos e veciñas.

"O exercicio dun cargo público debe vir acompañado dun escrupuloso respecto ás normas máis esenciais da ética"
Pregunta ANÓNIMO 2. ¿Teme que a polémica do Carrumeiro na que se involucrou o seu nome vaia pasarlle factura agora nas eleccións municipais?
Mais ben todo o contrario, ese asunto constitue un bo exemplo do meu compromiso cos veciños e veciñas de Ordes, un compromiso de transparencia e de adicación plena a Ordes, como supón o feito de ter deixado as miñas lexítimas e legais actividades profesionais antes de acceder ao cargo público de concelleiro do BNG en Ordes, a pesar de que non tiña ningunha obriga legal de facelo, mais, ainda así, decidín deixar a miña actividade profesional antes de ser concelleiro polo meu compromiso co pobo de Ordes e cos seus veciños e veciñas, e porque considero que o exercicio dun cargo público debe vir acompañado dun escrupuloso respecto ás normas máis esenciais da ética.

Este compromiso constitue tamén unha das principais características do proxecto do BNG, e estou convencido de que os vecinos e veciñas de Ordes xa coñecen con claridade quen é a alternativa do BNG, con transparencia e sen anonimatos, e escollerán o seu futuro en liberdade, sen deixarse manipular.

Pregunta MARIA SUÁREZ. Ante a barbaridade que supón a obra de ampliación do Concello, se vostede goberna, ¿vai replantexar o uso de todo o complexo municipal ou tamen o destinará todo a oficinas admistrativas? En canto ao persoal municipal, ¿qué política de persoal municipal vai seguir?, ¿reducción de empregados públicos, consolidación do emprego temporal, redistribución...ect? ¿qué pensa de toda a política de gasto en festas, certames, feiras e demais que leva a cabo este goberno?. ¿suprimiría algunha?
É o compromiso do BNG impulsar unha transformación do noso concello. Trátase de prioridades e coincido en que a ampliación do Concello non era unha prioridade, por esta razón redefiniremos tamén este proxecto, no tocante aos empregados públicos: o respecto á negociación colectiva e a estabilidade das condicións laborais serán obxectivos básicos.

Asi mesmo, comprometémonos a abrir un proceso de diálogo cos sectores sociais para definir as prioridades da acción do goberno do BNG, partindo de tres premisas: impulsar o desenvolvemento económico de Ordes como cabeceira de comarca; mellorar os servizos sociais básicos para atender as necesidades das persoas; e facer do Concello a casa de todos os veciños e veciñas por igual, para facilitar dereitos a todos, non para vender favores a uns poucos. Ordes precisa ter norte, precisa ter rumbo. Todo o demáis debemos organizalo en función de avanzar nese rumbo. A reforma que precisa o Concello de Ordes é ter un alcalde e un Goberno que atenda realmente as necesidades dos seus veciños.

"O BNG nunca participou en ningún dos pactos e cambalaches políticos de Ordes"
Pregunta DESASTRINHO. Non parece claro que o BNG poida acadar a alcadía en Ordes por si mesmo, e por outra parte, todo apunta a que o PSOE vaia ter unha importante caída de votos como castigo a ZP. Logo, estaría disposto a pactar entrar nun goberno municipal con partidos da dereita?
Estamos preparados e dispostos para gobernar en Ordes, para asumir as maiores responsabilidades que os veciños nos queiran dar. O BNG leva anos facendo traballo e propostas, e mesmo conseguindo melloras para Ordes. Agora ímonos esforzar en explicar o noso proxecto de futuro, no convencemento de que pode ser merecente do maior apoio. Polo demais en Ordes temos visto todo tipo de pactos e de cambalaches, pero nunca vimos ao BNG en ningún. Temos unha traxectoria e unha coherencia aquí e en todo o país que nos dá credibilidade, con esa credibilidade é coa que nos presentamos ás eleccións, e podo asegurarle que, por coherencia, o BNG traballará porque en Ordes haxa o cambio que demanda a xente, un cambio que só ten unha opción segura: o BNG. Iso sábenno todos os veciños e veciñas de Ordes.

Pregunta ANA. ¿Por qué en Ordes sempre hai tantos partidos e tantos concejales que cambian dun partido para outro? Vostede tamén vai facer iso se tivera ocasion para formar parte do goberno?
Sigo no BNG desde rapaz e seguirei mentres sexa alcalde de Ordes. Estou en política por valores, por ideas e por principios. As miñas necesidades persoais cubrinas co apoio dos meus e co meu propio esforzó e traballo. Ser alcalde non é unha necesidade persoal, é unha responsabilidade que estou disposto a asumir por conviccións. O exemplo de Teo, de Arzúa, de Allariz, de Carballo, de Pontevedra e tantos outros reafírmame na convicción de que para Ordes tamén será mellor un alcalde e un goberno do BNG. Eu sigo no mesmo sitio no que empecei, e aí seguirei.

"A miña ilusión é ser alcalde do meu pobo"
Pregunta A.A.: ¿Está usando a política municipal en Ordes como trampolín para maiores metas? Pode confirmar que ser alcalde de Ordes é a gran aspiración da súa carreira política?
Se me permite a broma, coa miña idade, agardo que non me teñan que aguantar de alcalde até a xubilación, sobre todo agora que a amplían aos 67. Asumirei esa responsabilidade o tempo razoábel que dure a confianza dos veciños e das veciñas. A vida pode dar moitas voltas, pero teño que dicir que a miña ilusión é ser alcalde do meu pobo, e ese é o meu obxectivo político.

Pregunta Ordessiete. Pensa que o problema do paro xuvenil en Ordes débese en boa parte á falta dun espazo físico idóneo? Que esperanzas alberga respecto a isto coa construcción dun viveiro de empresas, tan reclamada por vostede nesta lexislatura?
Non hai unha soa causa do paro xuvenil. Tampouco a formación parece ser o único problema, ¿canta xente nova formada está en paro ou ten que emigrar? Creo que os gobernos, tamén os municipais, deben impulsar a actividade económica. Os viveiros de empresas acompañados de asesoramento e orientación contribúen en moitos concellos a que a xente nova se anime a materializar ideas e proxectos para gañarse a vida sen ter que marchar, xa que permiten asegurar os primeiros anos de inicio da actividade empresarial ou profesional, que son os máis difíciles. Hai que dicir tamén que os mercados equidistantes de Santiago e A Coruña fan de Ordes un lugar estratéxico con potencial para moitas actividades económicas, e esa vantaxe debese explotar.

Pregunta Ordessiete. Que é o que vostede como candidato á alcaldía pode ofrecer aos veciños de Ordes e os demais candidatos non?
A visión de Ordes como parte dun país, que contribuirá a erradicar o noso aillamento. A visión de Ordes como un concello para vivir e traballar, con desenvolvemento económico e sensibilidade social e ambiental. A visión do Concello como un ben comunitario e non particular. A visión da política desde a honradez e os principios. E moito, moito traballo e cercanía aos problemas dos vecinos e veciñas.

*