lunes, 14 de febrero de 2011

Conta atrás para o Entroido 2011!

Momento do pasarrúas do Carnaval 2010 polas avenidas e prazas da vila de Ordes.
O Concello repartirá máis de 4.000 euros en premios aos mellores disfraces

Abertas as inscripcións no departamento de Cultura do Concello de Ordes (Tlf. 981 680002 / 981 680157)

O Concello de Ordes ten preparado o programa de actividades que se desenvolverán no municipio con motivo da celebración do Entroido 2011.

Aínda que como é costume, o día grande destes festexos será o 12 de marzo, Sábado de Piñata, o martes de Entroido día 8 de marzo tamén terá lugar unha gran “Tarde de Entroidada” a partir das 16:30 horas na Alameda. Unha festa na que os máis pequenos poderán disfrutar cun bo número de obradoiros, entre eles, os de maquillaxe, disfraces, globoflexia, ademais de xogos cooperativos e animación de rúa. En caso de choiva a festa realizarase no pavillón Campomaior.

Uns días máis tarde, o sábado 12 de marzo “Sábado de Piñata”, terán lugar os actos que centrarán a festividade do Entroido no municipio, co tradicional desfile e concurso de disfraces para nenos e maiores.

Un concurso no que haberá diferentes categorías, a de carrozas, a de comparsas infantís e de adultos, e a individual tamén diferenciada entre nenos e maiores. En canto ás caracterísiticas de cada unha das categorías, na de carrozas non haberá límite de idade ou número de integrantes, aínda que sí se limitarán as dimensións da carroza.

A categoría de comparsas estará dirixida a grupos de persoas de máis de cinco integrantes, sendo o apartado de adultos para maiores de 16 anos e o de infantís ata os 16 anos. Por último na categoría individual poderanse presentar disfraces de ata un máximo de cinco integrantes coa mesma diferenciación que a anterior en canto a adultos e infantís.


Máis de 4.000 euros en premios
O Concello de Ordes repartirá máis de 4.000 euros en premios aos mellores disfraces deste concurso que estarán repartidos da seguinte maneira:

Categoría de carrozas: haberá un primeiro premio de 700 euros e un segundo de 500 euros.

Categoría de Comparsas: para adultos haberá un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 300 euros. Para o apartado de infantís os premios serán de 250, 200 e 175 euros respectivamente.

Categoría Individuais: para adultos haberá tres premios, o primeiro de 200 euros, o segundo de 150 euros e o terceiro de 100 euros. Para o apartado de infantís o primeiro premio será de 150 euros, o segundo de 100 euros e o terceiro de 90 euros.

Ademais a estes galardóns sumarase tamén outro premio á simpatía dotado de 200 euros, e un premio especial do Concello de Ordes á mellor comparsa municipal dotado de 300 euros.


Inscripcións ata o 9 de marzo
Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar no concurso xa poden realizar a súa inscrición ata o vindeiro 9 de marzo no departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes en horario de 9 a 14 horas, ou ben chamando aos teléfonos 981 680002/ 981 680157.

Dende o goberno local ordense, o alcalde, Manuel Regos, anima aos veciños e veciñas de Ordes a que participen nesta festa adicada ao entroido que, ano tras ano, se ten convertido xa en todo un referente na comarca.

*