Organizado pola Cámara de Comercio de A Coruña, coa colaboración de Acordes e o Concello de Ordes
O concelleiro de Comercio e Industria do Concello de Ordes, José Manuel Tobío, acompañado por Ángel Noguerol, técnico de comercio interior da Cámara de Comercio de A Coruña e a presidenta da Asociación de Comerciantes de Ordes, Natalia Barreiro, fixeron entrega onte dos diplomas acreditativos do curso titulado “Programa de apoyo al pequeño comercio”, celebrado en Ordes dende o mes de abril ata xullo e no que participaron 17 comerciantes do municipio e a comarca.
Tratouse dunha acción formativa da Cámara de Comercio e a Fundación Incyde, que contou coa colaboración do Concello de Ordes e a Asociación de Comerciantes de Ordes (Acordes) e que estivo subvencionada polo Fondo Social Europeo.
No acto de entrega dos diplomas, que tivo lugar na Casa da Cultura ordense onte pola noite, o edil José Manuel Tobío mostrou a total dispoñibilidade do Concello neste tipo de iniciativas que non teñen outro obxectivo que servir de axuda e apoio ao comercio local, así como agradeceu tanto a colaboración e o traballo da Asociación de Comerciantes de Ordes, como da Cámara de Comercio de A Coruña, na posta en marcha desta iniciativa.
Novas estratexias comerciais
O curso, que constou de 320 horas, tivo como obxectivos facilitar a adaptación dos profesionais do sector que se enfrentan a esixencias laborais derivadas, en especial, das innovacións xurdidas polas novas estratexias comerciais; desenvolver redes de cooperación entre produtores, proveedores e clientes; a consolidación do empresario no mercado; a expansión no mercado; a mellora da súa competitividade e o coñecemento da súa propia empresa e das súas posibilidades.
As materias que se trataron durante o curso foron dirección de proxectos, marketing, finanzas, cuestións xurídicas e fiscais, internet e comercio electrónico, calidade e medio ambiente, recursos humanos e prevención de riscos laborais, arquitectura de interiores e escaparatismo e igualdade de oportunidades.
*