Reuniuse coa presidenta e o delegado da ONCE en Galicia para coñecer de primeira man as novas tecnoloxías ao respecto
O alcalde Manuel Regos, acompañado pola concelleira de Discapacidade, Silvia Marín, reuniuse esta semana co delegado da ONCE en Galicia, Eugenio Ferradás, e a presidenta autonómica de dita entidade, Dolores Venancio, na sede da ONCE na cidade de A Coruña.
O motivo da visita do rexidor ordense ás instalacións da ONCE foi coñecer de primeira man as novos aparellos tecnolóxicos, ferramentas, así comor recibir asesoramento por parte de profesionais, para a futura adaptación da Biblioteca Municipal de Ordes, co fin de facilitar o uso dos seus servizos a persoas con diferentes discapacidades de carácter visual.
O alcalde de Ordes e a concelleira de Discapacidade coñeceron as novidades tecnolóxicas para discapacitados. |
Agora e tras esta primeira toma de contacto, tal e como explicou o alcalde ordense, farase un estudio das necesidades e as prioridades para a adaptación da biblioteca, e posteriormente, levaranse a cabo as actuacións e a adquisición do material necesario.
Hai que recordar que o Concello de Ordes foi pioneiro na creación dunha concellería adicada específicamente á Discapacidade, así como dunha Oficina Integral da Discapacidade a disposición de todos na Casa do Concello. Ordes conta cun importante número de veciños con algún tipo de discapacidade, sendo na actualidade arredor de 1.000 os casos rexistrados.Este tipo de actuacións súmanse ás outras iniciativas e actividades levadas a cabo polo Concello dirixidas a este colectivo, como cursiños formativos para persoas con diferentes diversidades funcionais, xornadas informativas ou actuacións de eliminación de barreiras arquitectónicas, que tal e como explicou Regos, teñen como único obxectivo “facilitar a integración deste colectivo nos diferentes ámbitos da sociedade”.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“A nosa intención é poder facer accesibles os servizos da nosa biblioteca a persoas con diferentes tipos de discapacidades"
"Contamos cunhas novas instalacións nas que xa se superan as barreiras físicas, e agora queremos ir un paso máis aló adaptando o servizo a persoas con discapacidades visuais, para que poidan utilizar este servizo municipal sen encontrarse con ningún tipo de barreira”
*