De esq. a der. Xesús Pampín, Ana María Álvarez (candidata de CideGa á alcaldía de Ordes), e Adolfo Reymóndez. |
Foi concelleiro do Partido Popular (1995-2003), e mesmo candidato ao Parlamento Europeo por ese partido en 1994
Esta fin de semana, os ordenses fomos testemuñas do nacemento dunha nova formación política que concurrirá ás eleccións municipais de maio na noso municipio. Trátase de Cidadáns de Galicia (CideGa), un partido fundado e presidido polo médico do centro de saúde ordense, José Adolfo Reymondez Collazo. Ordessiete falou esta mañá con el.
Pregunta. Por que Cidadáns de Galicia se presenta en Ordes?
Resposta. Bueno, creemos que Cidadáns de Galicia pode ter o seu espazo político en Ordes. Somos un partido de centro transversal, abarcamos dende o centro esquerda ao centro dereita. Ademais cremos que as ideoloxías é algo xa trasnoitado.
P. A quen teñen previsto chamar para participar nas súas listas, a antigos membros da política ordense ou a xente nova?
R. Ese vai ser unha das nosas características, queremos dar a oportunidade de participar na política á xente que ainda non tivo ocasión de participar nela.
P. Cando presentarán a súa formación?
R. Neste momento estamos aínda conformando a lista electoral. Logo a mediados de marzo faremos a presentación oficial á cidadanía, con Ana María Álvarez de candidata á alcaldía de Ordes por Cidadáns de Galicia.
P. E concretamente en Ordes, que carencias considera que existen e van ser correxidas por Cidadáns de Galicia unha vez cheguen ao Concello?
R. En Ordes é evidente que existen múltiples deficiencias, a principal delas e que en Ordes non hai un posto de traballo, vivimos sempre á sombra de Cerceda, e isto ten que ser correxido. A actividade política de Cidadáns de Galicia centrarase nas políticas de creación de emprego.
"As listas electorais deberían ser abertas"
P. Considera que deben gobernar sempre as listas máis votadas? Como ve os pactos de goberno, os considera lícitos?
R. Si, eu penso que si debería gobernar a lista máis votada, pero tamén considero lícitos os pactos de goberno. Realmente o que considero máis necesario sería que as listas electorais foran abertas e ademais que existira un límite de tempo no goberno municipal. Ninguén debería permanecer no poder máis de oito anos seguidos.
P. Cales son os seus obxectivos electorais en Ordes?
R. Pois acadar un resultado suficiente para poder gobernar a través de pacto ou como sexa. Nós non imos a descartar a ningún partido para isto, falarase con todos, porque esa ademais será uha das nosas premisas, o diálogo.
Que vai saber aportar Cidadáns de Galicia aos veciños de Ordes?
Cidadáns de Galicia vai saber darlle participación aos veciños na política municipal, vai ofrecer un Concello aberto a todos y vai saber crear políticas dirixidas á creación de emprego.
Quen son Cidadáns de Galicia?
Cidadáns de Galicia (CideGa) é un partido político fundado e presidido por José Adolfo Reymondez Collazo. Foi constituído como tal o 22 de setembro de 2006 e o seu enderezo social está na Rúa do Vilar 43, 1º de Santiago de Compostela. Nas eleccións de maio de 2007 preséntanse en A Estrada (Pontevedra) e acadan 1.390 votos (9,69%), o que tradúcese en dúas actas de concelleiro que finalmente ocuparían José Manuel Reboredo e Juan Antonio Torres. Ambos edís causarían baixa deste grupo político durante o pleno de 3 de setembro de 2010 para constituírse en grupo municipal de non adscritos e solicitar á vez a disolución de CideGa no municipio. Tal decisión fai reaccionar a Reymóndez ata o punto de denunciar á Consellería de Presidencia unha revisión deste acordo plenario e instar a súa nulidade.
Pouco despois, o 9 de setembro de 2010, o presidente do PP local de A Estrada, Juan Constela, confirma a fichaxe dos dous ex CideGa para as listas populares. “Volven á casa de onde nunca tiveron que marchar”, declararía o líder local do PP á prensa. Este municipio sería o único pontevedrés no que CideGa presentaría candidatura en 2007.
Na nosa provincia, a formación presentaríase nas Municipais de 2007 en Melide, onde alcanzarían 213 votos (3,98%), aínda que peor sorte correrían en Noia, onde acadaría un total de 157 votos (1,67%). En ámbolos dous casos, votos insuficientes para formalizar acta de concelleiro.
En Lugo probarían sorte no concello de Monterroso, onde CideGa foi a forza menos votada das catro que concurrentes, acadando tan só 34 votos (1,09%). En Ourense non presentarían ningunha candidatura ás Elección Municipais de 2007.
Quen é o seu presidente?
Adolfo Reymóndez Collazo nace en Touro (A Coruña), o 15 de maio de 1959. En 1983 licénciase en Mediciña pola Universidade de Santiago de Compostela, e na actualidade exerce coma médico na sanidade pública, concretamente na praza en propiedade que dende 2006 posúe no centro de saúde de Ordes.
Foi candidato á alcaldía e concelleiro do Partido Popular (1995-2003) en Rianxo, e mesmo presidente do PP desa localidade arousá. Foi subdirector do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), e director xerente do Hospital Comarcal de Valdeorras. Nas eleccións ao Parlamento Europeo de 26 de maio de 1994 forma parte da lista do Partido Popular no posto 50º que encabezaría Abel Matutes.
En setembro de 2006 funda Cidadáns de Galicia e se presenta nun simbólico posto (suplente 3º) na lista por Melide (A Coruña).
*