José Luis Martínez Sanjurjo, candidato do PP á alcaldía de Ordes. |
O candidato do PP tamén informou da tramitación do PXOM, a lei de augas e as concentracións parcelarias
O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, remata no día de hoxe unha rolda de reunións cos veciños das parroquias do municipio nas que, ademais de presentarse, está a recoller propostas que serán incorporadas ao programa co que concorrerá aos comicios do vindeiro 22 de maio.
Un cambio no Goberno local
Os populares destacan as ansias de cambio que detectan nas diferentes reunións, nas que os veciños amosan o seu desencanto coa política de gastos inútiles, fastos e endebedamento que practicou o Concello de Ordes neste mandato, mentres se desentendeu de servizos básicos como o mantemento da rede viaria, a creación de emprego, a aprobación do PXOM, ou a mellora dos equipamentos dirixidos aos nenos e á terceira idade, como colectivos máis vulnerables, tanto no medio rural como no núcleo urbano.
Nas reunións con veciños e diferentes colectivos mantidas nos pasados días, Martínez Sanjurjo ofrece tamén información sobre aspectos como as explicacións reais sobre a nova Lei de augas, a tramitación do PXOM de Ordes, retrasado inexplicablemente desde o Concello, segundo os populares por intereses escuros aínda non aclarados, ou as diferentes fases nas que se atopan os procesos de concentración parcelaria abertos e pendentes de concluír nas Parroquias do municipio.
Ata o de agora, Martínez Sanjurjo ten celebrado reunión cos veciños de Ardemil, Pereira, Lesta, Leira, Mercurín, Bean, Buscás, Poulo, Barbeiros, Parada, Vilamaior e no día de onte, Montaos.
Acto público sobre a lei de Augas
Este sábado día 5, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura de Ordes, contarán coa presencia do presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez Iglesias, nun acto público de información sobre a nova Lei de Augas.
*