Afirma que o BNG ten un compromiso firme cos veciños para liderar o cambio en Ordes
O candidato do BNG á alcaldía de Ordes, Gonzalo Castro, afirmou, en resposta ao Partido Popular, que “o PP e o alcalde non evitarán que en Ordes haxa o cambio real que demandan os veciños e veciñas”. Castro reiterou que “os veciños de Ordes saben que o BNG é a única alternativa que garantirá un cambio real en Ordes, e iso é o que pretenden evitar tanto o alcalde como o PP”.
O nacionalista salientou que “o único causante da inestabilidade política de Ordes é o PP e os continuos casos de transfuguismo nacidos de intereses persoais dentro deste partido, como no caso das próximas eleccións municipais, onde parece que concurrirán tres candidaturas vinculadas no pasado e na actualidade co PP”.
A este respeito o candidato do BNG afirmou que “cada día resulta máis evidente que o PP e o alcalde, se poden, non dubidarán en unir as súas forzas para tratar de evitar que o BNG lidere o cambio que queren os veciños e veciñas de Ordes”.
"Non se precisa ningún pacto preelectoral"
Gonzalo Castro fixo fincapé en que “o BNG non precisa asinar un pacto preelectoral con ningún partido, nós xa temos un compromiso inquebrantábel cos veciños, que é o de liderar o cambio en Ordes e gobernar para todos sen discriminacións, para todos por igual”.
O candidato do BNG á alcaldía finalizou manifestando que “mal que lle pese ao PP e ao alcalde, cada día máis veciños e veciñas confían en que o BNG é a única alternativa para que haxa un cambio real en Ordes, unha alternativa que será a que gañe as vindeiras eleccións municipais”.
*