Trala aprobación do mesmo, o Concello ofertará os postos de venda da planta baixa da praza
Tamén poderase comercializar produtos de horta de xeito puntual
O goberno local do Concello de Ordes proporá no pleno que terá lugar o vindeiro martes, a aprobación dun novo regulamento municipal para a Praza de Abastos. A necesidade de modificar o actual regulamento, que ten máis de 30 anos, xorde de adecualo ás necesidades que requiren as estruturas comerciais de Ordes, normalizando ademais a situación dos praceiros.
Trala aprobación deste novo regulamento o Concello establecerá como zona para os postos de venda a planta baixa da praza, ofertando os diferentes postos a través dunha concesión administrativa.
Que sucederá coa primeira pranta
En canto á primeira planta, o concelleiro de Comercio e Industria, José Manuel Tobío, explicou que non existe unha demanda suficiente para a ocupación de dito espazo, indicando ademais que durante o ano pasado se mantiveron contactos con cadenas comerciais para a súa posible implantación nesta zona, proposta rexeitada dado á necesidade dun espazo maior por parte de ditas superficies comerciais.
Aínda así, dende o goberno local, indicaron que no momento no que haxa unha maior demanda bastará cunha simple modificación puntual do regulamento para facer uso comercial desta primeira planta.
Con este novo regulamento preténdese promover a concorrencia e aumentar a variedade de postos de venda de xeito que se preste un servizo máis amplo que beneficie a toda a poboación, poñendo a disposición dos cidadáns os produtos de consumo na mellor calidade posible e os prezos máis razonables.
Ademais dos postos de venda permanentes, poderanse ofertar produtos da horta de xeito puntual, abrindo así ó mercado os produtos típicos de cultivo na comarca.
*