Momento do pleno municipal de febreiro celebrado onte no salón de plenos da Casa do Concello de Ordes. |
Habilitarase nos baixos da Alameda un local de ocio xuvenil
Astray convocará o Consello de Administración de Radio Ordes antes de que remate a lexislatura
O pleno da corporación municipal aprobou na sesión ordinaria celebrada onte, o novo regulamento municipal da Praza de Abastos. Un regulamento co que, como xa explicara o grupo de goberno, se pretende actualizar o existente que ten máis de 30 anos, e regular o réxime de explotación do mercado.
Así, entre outras cuestións, a través desta nova normativa o Concello establecerá como zona para os postos de venda a planta baixa da praza, ofertando os diferentes postos a través dunha concesión administrativa. Ademais dos postos de venda permanentes, poderanse ofertar produtos da horta de xeito puntual, abrindo así ó mercado os produtos típicos de cultivo na comarca.
Praza de abastos: enmendas rexeitadas
No pleno rexeitáronse tres enmendas ao regulamento propostas polo BNG pero redactadas polos comerciantes que foron acollidas polos grupo municipal nacionalista, en palabras de Castro porque, "ademáis de ser lóxicas e necesarias, defendemos que se debe escoitar aos veciños e veciñas de Ordes e non gobernar de forma despótica como está a facer o alcalde”. Estas enmendas propoñían destinar toda a praza a locais comerciais e non só a planta baixa como é a proposta o goberno municipal, ampliar o prazo da concesión dos postos até 15 anos renovables por períodos de cinco, e eliminar a posibilidade que prevé o Regulamento de decretar o peche dun local de forma unilateral por parte do goberno, e sen alternativa para o comerciante, no caso da realización de obras na praza.
Á primeira das cuestións o edil de Comercio e Industria, José Manuel Tobío insistiu en que non existe unha demanda suficiente para a ocupación da primeira planta, explicando ademais que nos 30 anos da praza nunca foi ocupado este espazo. Ademais volveu a lembrar que durante o ano pasado se mantiveron contactos con cadeas comerciais para a súa posible implantación nesta zona, proposta rexeitada dado á necesidade dun espazo maior por parte de ditas superficies comerciais. Aínda así, indicou que se nalgún momento houbese unha maior demanda bastará cunha simple modificación puntual do regulamento para facer uso comercial desta primeira planta.
A segunda das enmendas presentadas polos nacionalistas solicitaba aumentar o prazo de concesión que establece o regulamento. Aquí, o concelleiro ordense explicou que baseándose nun estudio do interventor, os dez anos establecidos no regulamento son suficientes.
En canto á terceira das enmendas do BNG, na que pedían suprimir un apartado do regulamento no que se especificaba que en caso de obras poderíase pechar a praza ou os postos, Tobío explicou que “evidentemente en caso de que houbese obras proporíanse alternativas e solucións aos afectados, iso cae de caixón”.
"Houbo un periodo de exposición pública"
Por outra banda, o edil de Comercio e Industria tamén quixo desmentir as acusacións dos nacionalistas respecto a que “o alcalde presente unha modificación do regulamento da praza de abastos sen falar antes coa asociación de comerciantes, que se teñen enterado da existencia deste regulamento polos xornais”. Tal e como explicou Tobío, houbo un período de exposición pública do regulamento, un período de alegacións, unha comisión informativa e falouse coa Asociación de Comerciantes de Ordes.
Finalmente o novo regulamento da Praza de Abastos foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno, os edís do Partido Popular e os do grupo dos non adscritos.
Local para a mocidade
Por outra banda o pleno ordense abordou tamén dúas mocións presentadas polo BNG, das que non se aprobou a urxencia. Unha delas na que se solicitaba a dotación dun local para a xuventude no centro do municipio. O portavoz nacionalista Gonzalo Castro lembrou que “esta moción é consecuencia do compromiso adquirido nunha conversa mantida polo BNG coas promotoras da recollida de máis de 1.000 sinaturas que piden un local social xuvenil para os adolescentes de Ordes” saíndo na defensa dunha inicitativa que “resulta máis que necesario fomentar actividades de ocio entre os rapaces entre 12 e 17 anos, que son uns dos grandes esquecidos na actualidade, o que constitue un grave problema para a formación integral das persoas, nun tramo de idade que é especialmente sensíbel”.
A concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín, explicou que non se aprobaría a urxencia desta moción, xa que o tema xa estaba tratado e solucionado. Así, indicou que tras manter conversas cos pais e nais que presentaron un escrito no Concello para solicitar este local para a mocidade, acordouse habilitar para este fin un dos locais dos baixos da Alameda que próximamente serán inaugurados.
Ademais Marín quixo destacar o gran número de alternativas dirixidas á xuventude coas que conta o municipio, como a biblioteca municipal con diferentes postos informáticos ademais do fondo bibliográfico, as instalacións deportivas, a escola de música municipal, ou o amplo abano de actividades que organiza o Concello, ademais da existencia de asociacións xuvenís que contan co seu espazo no municipio.
Ao rematar o pleno, as declaracións da concelleira respecto do encontro co grupo de pais e nais, fixo que unha portavoz do mesmo fixera pública unha declaración polo que negaban ese encontro, tanto con ela coma con calquera outro membro do goberno municipal. Asimesmo, tamén exixen a aclaración da expresión vertida durante a sesión plenaria de "estar utilizando os fillos con fins políticos" por parte deste grupo de veciños.
Radio Ordes, no punto de mira dos nacionalistas
A segunda das mocións presentada polos nacionalistas fixo referencia á radio municipal. Durante o debate, o concelleiro nacionalista Ramiro Recouso manifestou que “nos últimos anos tense evidenciado a utilización de Radio Ordes por parte do goberno de forma manifestamente partidaria e vulnerando as normas máis elementais do respecto ao pluralismo político e social existente no noso concello”.
Recouso sinalou como exemplos disto “o feito de que haxa dous anos que non se celebra un debate con participación dalgún dos membros dos grupos políticos municipais da oposición, ou a ausencia na páxina web de radio ordes de noticias relacionadas coa actividade política dos grupos políticos municipais que forman parte da oposición, limitándose a incluir as noticias relacionadas coa acción do goberno municipal”.
O edil incidiu en que unha mostra desta transparencia no tratamento dos contidos da radio municipal, é a emisión en directo de todos os plenos, e lembrou tamén que tal e como solicitara o BNG no pleno anterior, o próximo xoves celebrarase un debate sobre a Lei de Augas na emisora municipal. Astray calificou as acusacións dos nacionalistas como infundadas. Finalmente a proposta foi rexeitada cos votos en contra do goberno e dun concelleiro non adscrito do PP.
*