miércoles, 20 de mayo de 2009

Ti tamén podes ser un 'voluntario verde'


Xesús Pedreira: "Fago un chamamento a todos os veciños e veciñas independentemente da súa idade, para que participen como voluntarios, xa que disfrutarán do seu entorno e ademais colaborarán na súa conservación”

Este sábado 23 de maio podería haber unha segunda sesión
Chama ao Concello e infórmate: 981 680002

Un total de oito rapaces e rapazas de Ordes participaron esta fin de semana na primeira das actividades organizadas polo Concello de Ordes dentro do novo programa medioambiental “Voluntariado Verde”. Unha primeira iniciativa que consistiu nunha primeira análise do estado de saúde do río Cabrón, ao seu paso por Buscás (Ordes).

A primeira saída tivo lugar o pasado sábado. Unha ducia de rapaces xuntouse diante da casa do concello para desprazarse ata Buscás, concretamente ata o entorno da Estación de Tratamento de Auga Potable. O mal tempo e a chuvia botaron finalmente atrás a catro dos “Voluntarios Verdes”, que de seguro participarán en vindeiras semanas.

Os oito rapaces que aguantaron as inclemencias climatolóxicas estiveron guiados por un técnico da Concellería de Medio Ambiente e por un dos coordinadores do Proxecto Ríos, de Adega, quen lles ensinou a realizar mostraxes na auga para a análise dos bioindicadores do río. Unhas mostras nas que, por exemplo, se recolleron larvas de invertebrados para a súa posterior análise.

Programa de Defensa dos Ríos
Durante un par de horas, os técnicos explicáronlles aos rapaces en que consiste o Programa de Defensa dos Ríos posto en marcha polo Concello de Ordes dentro da iniciativa “Voluntariado Verde” e todo o que terán que facer para seguir o estado de saúde dos ríos ordenses.
.
De feito, é máis que posible que este próximo sábado, 23 de maio, teña lugar unha segunda sesión, na que os rapaces percorrerán uns 500 metros do cauce fluvial do río Cabrón dende a ETAP elaborando unha análise de fauna e flora da zona. O obxectivo final é que estes voluntarios se fagan responsables da vixianza ou adopción destes ríos.

Ti tamén podes ser voluntario
Nestes primeiros pasos do Programa “Voluntariado Verde”, o Concello de Ordes oferta aos veciños e veciñas a posibilidade de colaborar en catro actividades diferentes, permitindo que participen naquela ou naquelas que máis lles apetezan. Ademais do Programa de Defensa dos Ríos, iniciado esta fin de semana, a Concellería de Medio Ambiente tamén ten previsto por en marcha un Programa de Seguemento Ambiental. Esta iniciativa pretende que os veciños e veciñas de Ordes coñezan a riqueza da biodiversidade do municipio, para o que se farán actividades para poñer á xente en contacto coas distintas paraxes do municipio.
.
A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente
"Fago un chamamento a todos os veciños e veciñas de Ordes, independentemente da súa idade, para que participen como voluntarios nesta iniciativa, xa que disfrutarán do seu entorno e ademais colaborarán na súa conservación"

*