lunes, 11 de mayo de 2009

¿Te atacan? Deféndete co Wing Tsung


Ana Álvarez: “É imprescindible que as mulleres aprendamos a reaccionar en situacións de risco e que nos vexamos capaces de dominalas”

Cincuenta mulleres de Ordes participan no obradoiro gratuito de autodefensa persoal, organizado polo Concello de Ordes a través do Centro de Información á Muller (CIM), e que este fin de semana celebrou a súa primeira sesión. Unha primeira clase de catro horas de duración nas que as participantes aprenderon a reaccionar ante situacións de ataque, xirando a parte práctica sobre como defenderse ante unha agresión no chan.

Wing Tsun
Os monitores plantexaron a xornada cunha pequena introdución teórica e unha sesión eminentemente práctica. Unhas clases que están baseadas na Escrima, un sistema de defensa, e no Wing Tsun, unha arte marcial con máis de 300 anos e que foi deseñada por unha muller. O obxectivo final é que as mulleres participantes melloren a súa autoestima e seguridade en si mesmas, adquirindo nocións básicas para saber como actuar correctamente diante dunha situación crítica, defendéndose co seu propio corpo ou con calquera obxecto que poida ter a man.

O Local da Terceira Idade acollerá o vindeiro sábado, 16 de maio, entre as 9:30 e as 13:30 horas, a segunda e última sesión deste obradoiro de defensa persoal organizado polo Concello.

As frases de Ana Alvarez
“É moi importante que as mulleres aprendan a defenderse de maneira activa nas situacións nas que se sintan atacadas”

“É imprescindible que as mulleres saibamos reaccionar en situacións de risco e nos vexamos como seres capaces de dominar este tipo de situacións”

*