Silvia Marín traballa na implantación dunhas xornadas de deporte adaptado e dunhas clases matinais para discapacitados para os vindeiros meses
Un total de 13 persoas participan, dende hoxe luns e ata o vindeiro 30 de xullo, nun curso gratuito de 104 horas de iniciación á informática para discapacitados organizado pola Concellería da Discapacidade de Ordes. Nesta iniciativa, pioneira na comarca, participan trece alumnos con distintas discapacidades: físicas, con deterioro cognitivo, xente con problemas sensoriais (sobre todo con problemas graves de visión) e con trastornos psicolóxicos.
De cara ao próximo futuro, a Concellería da Discapacidade de Ordes de Silvia Marín traballa na organización dun curso de deporte adaptado e dunhas clases matinais para discapacitados, que terían lugar entre os meses de setembro e maio. Así, o Concello de Ordes está a ultimar a posta en marcha dunha actividade de deporte adaptado para persoas con discapacidade, que sería impartido inicialmente unha vez á semana por licenciados en INEF. Unha iniciativa que podería concretarse nas vindeiras semanas.
As frases de Silvia Marín, concelleira de Discapacidade de Ordes
"O curso pretende dotar dos coñecementos básicos da informática a un colectivo que está en desvantaxe social fronte ao resto de persoas e que poden adquirir unha formación axeitada para traballar nas mesmas condicións co resto dos traballadores"
"Non quedou ninguén en lista de espera, incluso poderían anotarse se o desexan un par máis. O único requisito para participar neste curso é estar empadroado en Ordes e ter unha discapacidade recoñecida pola Xunta non inferior ao 33%"
*