domingo, 17 de mayo de 2009

Banda Curta, de A Galega, dedica o seu programa ao noso rock


Ordes e Cerceda conforman un dos máis importantes puntos neurálxicos do rock en galego

Son as bandas Zënzar, Machina, O Chícharo Psicótico e Kastomä

O programa musical de A Galega, Banda Curta, mantén unha relación moi estreita coa nosa vila de Ordes. Ademáis de gravarse en LP45, esta mesma fin de semana dedicaba un espazo ao rock de Ordes e Cerceda, concretamente ás bandas Zënzar, Machina, O Chícharo Psicótico e Kastomä.

Zënzar. Eles son Manolo García, Mario Grela, Paco Cerdeira, José Antonio Regueiro Tabe e Xosé Antón Bocixa. Empezaron chamándose Mördor, coma a terra escura do señor Sauron, na novela de O Señor dos Aneis de J.R.R. Tolkien, pero coas proteccións legais toparon e tiveron que cambiar o seu nome no verán de 1993. Dende 1987 estes cercedenses practican un rock puro e incombustible que non se vería materializado nun disco até 1997 cando editan 'Disparados o futuro'. Tras este album lle seguirían 'Todo vai ben', en 2001; 'Rockanrol', en 2002; e 'Sigue...e dalle', en 2006. Agora veñen de editar, unha vez máis baixo a direción técnica do vigués Xavier Abreu, o seu novo album 'A Tribu'.

Podes ver un dos seus vídeos facendo clic baixo estas liñas:



Machina. Defínense como 'post-bravú'. Gonzalo, Angel, Anxo e Martín son catro cercedenses que agora inician a súa aventura roqueira cun primeiro disco de encontro co metal, rock, punk e hardcore. O seu estilo lembra dende o metal alternativo de Rage Against the Machine ata o hard rock de Faith No More.

Puedes ver unha actuación de Machina facendo clic baixo estas liñas:



O Chícharo Psicótico. Guilho, Santónic, Mario, Prego e Suite son de Ordes. Aseguran que as súas influenzas son The Clash, Joy Division, Sonics, AC/DC.. "e todo o puto rock and roll do mundo". Aínda así, o estilo do Doutor Cotomondongo faise moi presente en maquetas coma 'Dalhe senhor'.

Podes coñecer aos 'chícharos' facendo clic baixo estas líneas:



Kastomä. Rock and roll galego. Formado no ano 2000 por Soneira, Oscar, Xurxo, David e Sito. No ano 2008 incorpórase ó grupo desde Os Gin Tonics de Sigüeiro, Antonio Pazos, na batería. Compartiron esceario con figuras coma Boikot, Def Con Dos, Loquillo ou Banda Bassotti. Veñen de gravar o eu primeiro longa duración autoeditado, 'Almas da noite' gravado na Coruña. Podes descargar gratuítamente o album dende o portal A Regueifa.

Podes velos facendo clic baixo estas liñas:





Banda Curta grávase na sala Lp 45 de Ordes e quen queira asistir a unha gravación ou queira enviar información de festivais, actuacións, discos ou maquetas pode contactar co programa na dirección de correo electrónico bandacurta@crtvg.es

* * *

Brotes verdes na cultura ordense
Opinión por R. A. Landeira

Cáusame lástima ler coma estas catro bandas e outras máis coma os rapeiros ordenses Dios ke te Crew se resignan á autoedición dos seus traballos musicais. Que significa iso? Pois que son eles mesmos quenes financian e distribúen, moitas veces no propios concertos que ofrecen, os seus álbumes. Noutras palabras, sería como se Iván Raña correra, se entreara a sí mesmo, se estimulara a sí mesmo e máis se financiara traballando fora a súa carreira deportiva nunha sorte de onanismo esquizofrénico. Nin que dicir ten que propostas empresariais coma estas nacerán condeadas ao fracaso.

Pero e que a autoedición, na mayoría das veces, non obedece exclusivamente a un amateurismo dos músicos, senón tamén a un moi común e indesexado abandono de calquera circunstancia que non sexa exclusivamente a interpretación e composición músical por parte deles. As bandas ordenses deben ser conscientes, ao igual que a empresa e industria dos nosos polígonos, da competitividade e a excelencia nas súas propostas.

Pertencemos agora a un limbo de indefinición, mediocreidade empresarial e abandono que non conseguirá nada bó con estes grupos. Xa o AGADIC (ex IGAEM) denunciara fai tempo o desinterese na industria musical dos empresarios mediante un experimento chamado “crédito cultura”, coma foi a convocatoria dunha liña de crédito para as industrias culturais para o 2008. Resultado? Unha única solicitude...

Quen non lembra aquilo que cantaban The Refrescos de ‘Movida promovida por el ayuntamiento’…? Tamén e labor do Concello de Ordes estimular e mimar os nosos talentos culturais, dotalos de hourizontes e conducilos cara ao éxito. Eu, que pertencín á industria musical en Madrid, pronto aprendín que un músico valora dúas cousas: os cartos (tanto coma calquera outro de nós), e o recoñecimento. É isto último o que o Concello ten nas súas máns para ofrecer aos nosos talentos: Recoñecimento, insuflar autoestima, facerlles ver que non están sós e que con duro (durísimo) traballo, pódese saír adiante nun negocio tan complicado coma é o musical, tanto a nivel galego e tamén nacional.

Un exemplo a seguir: Esan Ozenki
Un exemplo de éxito de xestión independente é o selo vasco Esan Ozenki, fundado en 1991 por Fermin e Iñigo Muguruza, Kaki Arkarazo e Angel Valdés (Negu Gorriak), quenes antes formaran a lexendaria banda de rock radical vasco, Kortatu. A distribución do selo corría a cargo da madrileña BOA. Á súa fronte está o galego Fernando Luaces, quen xa falara con vergoña allea, da situación da música caseira galega ["Los artistas gallegos están autoeditándose en una situación muy precaria. El sector está castigado por la piratería. Eso es lo que hace que las compañías de música dejen de invertir en los artistas porque no pueden, no les es rentable", confesara]. Unha vez Negu Gorriak se disolvera, o selo transfórmase en Metak, creando á súa vez o subselo de Gora Herriak (‘Vivan os pobos’).

Esan Ozenki nacera coma editorial onde os Negu poideran editar o seu material e o dos grupos que cantaran en euskera e que ademáis tiveran afinidade política (abertzale) cos fundadores. Á súa vez, o modelo a seguir polos Muguruza fora o californiano Alternative Tentacles, casa editora dos Dead Kennedys. O funcionamento? O máis sinxelo posible dentro da profesionalización: A produtora pagaba a gravación, produción e masterización do álbume; o grupo, a cambio, se deixaba a pel na composición, execución e posterior interpretación en directo.

Esan Ozenki creaba así ao seu arredor un verdadeiro circuíto musical, estimulaba ás bandas e deulles a todos eles un motivo para existiren. Xestionaban un catálogo de 200 artistas, entre eles, ademáis de Fermin Muguruza, os italianos Banda Bassoti ou ao noso paisano Antón Reixa (Nación Reixa). Resultado? Un éxito de crítica, calidade...e ventas até 2006, ano no que se pechaba o selo pola baixada de ventas de discos causada pola canceríxena piratería.

Fagámoslles ver que nos importan
Hai ‘brotes verdes’ na cultura ordense. Estimulémolos, fagamoslle ver que nos importan, que falamos deles, que os admiramos, que estamos orgullosos deles. Animémolos a que as súas propostas musicais sexan competitivas. Merquemos os seus discos e abandoemos esa gran metira e estafa que é o Creative Commons. Impulsemos o directo na nosa 'Movida' nocturna.

Señor alcalde, convírtase un pouco no que foi Tierno Galván para a Movida madrileña ou Manoel Soto para a viguesa, e baixe a falar con eles, atenda as súas preocupacións e fagamos de Ordes un orgullo musical, cultural e creativo para toda Galicia, que é coma xa empezan a mirar para nós por Galicia adiante.


*