.
Manuel Regos: "Hoxe damos o primeiro paso para acadar definitivamente esta infraestrutura"
A Casa Cuartel acollerá ata a 30 axentes e estará ubicada no Paraíso
Segundo Gonzalo Castro, "o goberno municipal leva desde o inicio do seu mandato enganando aos veciños cos investimentos no Cuartel"
O pleno ordinario de onte solventou todos os trámites administrativos necesarios para a cesión dunha parcela de 1.350 metros cadrados ubicada no barrio do Paraíso (Ordes) á Dirección Xeral da Garda Civil, que construirá nela unha Casa Cuartel con capacidade ata para 30 axentes. Un proxecto no que se van investir uns 1,6 millóns de euros e que o Concello de Ordes agarda que sexa licitado a finais de 2009, de xeito que as obras poidan comezar o vindeiro ano 2010.
300 propietarios implicados
Segundo explica o alcalde de Ordes, Manuel Regos, “trátase dun día moi importante para o Concello neste longo e proceso complexo que implicou a máis de 300 propietarios e preto de 1.000 fincas, pero hoxe damos o primeiro paso para acadar definitivamente esta infraestrutura”. Regos fixo fincapé, ademais, en que existe consignación presupostaria para esta obra en Madrid. “Temos o compromiso adquirido para logo proceder á cesión dos terreos e comezar os traballos en 2010”, anunciou o alcalde.
A parcela que o Concello de Ordes vai ceder para a construción da casa cuartel ten unha extensión de máis de 1.350 metros cadrados, está ubicada no barrio do Paraíso e albergará un edificio de dúas plantas que constará de dous bloques: un administrativo e outro de vivendas. Entre ambos bloques ubicarase un patio de armas.
Acollerá ata a 30 axentes
A casa cuartel ordense será do “Tipo C”, é dicir, estará adaptada para acoller ata 30 axentes. O edificio de vivendas albergará seis vivendas de 3 dormitorios e catro vivendas dun dormitorio. Na parte administrativa haberá unha oficina de atención á muller, unha oficina de dilixencias, outra de intervención de armas, dous calabozos (coas súas dependencias anexas) e outros departamentos dacordo coas necesidades dos axentes.
Se embargo, esta aprobación foi acollida polo BNG con "escepticismo" xa que, segundo o seu portavoz, Gonzalo Castro, “o goberno municipal leva desde o inicio do seu mandato enganando aos veciños cos investimentos no Cuartel”, Castro lembrou que o Alcalde anunciou que o Ministerio do Interior tiña previstos investimentos para o Cuartel da Garda Civil de Ordes, tanto nos Orzamentos Xerais do Estado do ano 2008, como do ano 2009, o que finalmente, a xuizo do portavoz nacionalista, “resultou ser falso, o que constitue un engano inadmisible aos veciños de Ordes”.
"A día de hoxe se teñen destinado 500.000 euros dos orzamentos municipais", di Castro
Castro manifestou que “o BNG lamenta que o alcalde non trouxese a este Pleno o anuncio do compromiso do Ministerio do Interior para a realización de investimentos que permitisen executar o cuartel nun prazo de tempo creible”. Pola contra, “o único que saben os veciños de Ordes, a día de hoxe, é que se teñen destinado case 500.000 euros dos Orzamentos Municipais a costear un baixo para a Garda Civil, en detrimento doutras necesidades que si precisan atención do Concello, máis nesta época de crise, como é o caso da remodelación da praza de abastos ou a creación dun viveiro de empresas”, tal e como se expresou Castro no Pleno.
A voltas co PXOM
Por outra banda, o Grupo Municipal do BNG presentou unha iniciativa onde reclamou ao Goberno Municipal que “abordase coa maior celeridade a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal”, xa que, a xuizo dos nacionalistas, “o PXOM de Ordes leva paralizado dous anos sen que se teñan realizado actuacións que supuxeran un avance na súa tramitación”.
A este respecto, Manuel Regos puxo de manifesto a intención do goberno local de crear unha comisión para determinar as necesidades de crecemento de Ordes, toda vez que se poida contar coa nova planimetría. En relación ás obras de Gundiboo, o goberno local tamén explicou que todas aquelas vivendas que teñan o nivel suficiente poderán enganchar coa rede de sumidoiros instalada recentemente mediante arqueta.
Pola súa banda, Manuel Astray foi o encargado de respostar ás cuestións dos nacionalistas sobre os cambios na programación de Radio Ordes. Astray respondeu que “nunca se fixera unha programación tan aberta como a actual” e lembrou que “da ampliación, que non modificación, da programación xa se deu conta no anterior Consello da Emisora Municipal”.
*