sábado, 23 de mayo de 2009

Oroso será a sede da II Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes

.
A Gala premiará a 35 deportistas e entidades deportivas da nosa comarca

Terá lugar o venres 29 de maio e á que asistirán máis de catrocentas persoas

Oroso será a sede este ano da II Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes, que premiará a 35 deportistas e entidades deportivas dos concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. Uns premios que serán entregados este venres 29 de maio, ás 20:00 horas, no transcurso dunha gran gala que terá lugar no Hotel Os Carballos (Oroso) e que estará presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e polo presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño.

Tres galardóns para os tres mellores
Unha gala á que está prevista a asistencia de máis de catrocentas persoas, entre autoridades e xente relacionada co mundo do deporte. Durante o transcurso do evento, cada un dos concellos que conforman a Mancomunidade de Ordes fará entrega de tres galardóns aos tres mellores deportistas ou entidades deportivas do curso 2008-2009. Así mesmo, cada municipio entregará tamén outros dous premios: á mellor promesa e un recoñecemento especial á traxectoria dun deportista ou clube deportivo.

Entre os premiados estarán representados todas as modalidades deportivas: fútbol, baloncesto, atletismo, judo, hockei, tenis de mesa, rallies... A gala pecharase cunha exhibición de baile de salón por parte de Álvaro Seoane e Laura Moure, os dous rapaces premiados polo Concello de Oroso.

Os premiados ordenses
Os ordenses premiados nesta segunda Gala do Deporte da Mancomunidade de Ordes son:
1º Premio-AC Ordes, equipo senior (hockei)
2º Premio-CF Mesón do Bento
3º Premio-Roberto Faya Cerqueiro (Atletismo)
Promesa-Equipo benxamíns AC Ordes
Recoñecemento especial-Victorino Cores Liste (atletismo)

Foto: AC Ordes de Hockei


*