miércoles, 20 de mayo de 2009

Según Galiza Nova, o Concello segue a política lingüística do PP


A mocidade nacionalista lamenta que o goberno de Manuel Regos se negase a apoiar o Manifesto pola convivencia lingüistica

Galiza Nova: "A actitude de Regos é deplorable, xa que non dubida en antepoñer os seus intereses, achegándose á política lingüistica do novo goberno do PP na Xunta"

No último Pleno da corporación municipal, o BNG presentou unha moción en defensa da lingua galega na que se solicitaba o apoio ao Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego. Según Galiza Nova de Ordes, este texto "non fai máis que lembrar a necesidade de respectar os acordos adoptados unánimemente polo Parlamento galego para normalizar a nosa lingua nos diversos ámbitos sociais". Máis de 600 entidades e 20.000 persoas en toda Galicia, ademáis dos concellos de A Coruña, Ames ou Melide, entre outros, xa amosaron o seu compromiso co seu contido.

Acusan a Regos de "cambiar de postura"
Agora, tras a negativa do Pleno ordense que Galiza Nova identifica co “total desinterese do goberno de Ordes pola normalización da lingua galega e o recoñecemento do mesmo status legal que o castelán”, as mocidades nacionalistas acusan ao alcalde Manuel Regos de "cambiar a súa postura" con respecto á normalización lingüistica "xa que no 2008 apoiou o Manifesto e a mobilización convocada pola Mesa pola Normalización Lingúistica con motivo do 17 de maio, negándose, sen embargo, a apoialo este ano".

Este cambio de postura, a xuizo de Galiza Nova, demostra que “o goberno de Manuel Regos está tentando facer xestos para achegarse ao novo goberno do Partido Popular na Xunta, xestos que só obedecen a un sinxelo cálculo de interese persoal, xa que agora lle resulta máis rendíbel apoiar e compartir as posicións reaccionarias do Partido Popular con respecto á normalización do galego”.
As frases de Galiza Nova de Ordes
"A actitude do alcalde ordense, Manuel Regos, é deplorable, xa que non dubida en antepoñer os seus intereses, achegándose á política lingüistica do novo goberno do PP na Xunta, en lugar de defender a nosa lingua e a posibilidade da convivencia en igualdade dos dous idiomas"

"É lamentábel que o goberno municipal de Ordes se teña negado a respaldar o manifesto pola convivencia lingüistica, apoiando a política do Partido Popular, que pretende o desmantelamento de puntos básicos da oficialidade do galego"

(Foto: Imaxe da manifestación do domingo 17 de maio na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística)

*