sábado, 9 de mayo de 2009

O BNG busca o compromiso do Pleno na mobilización en defensa da lingua galega do 17 de maio

.
Os nacionalistas presentan unha moción en defensa do idioma galego

Piden que o Pleno apoie o Manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística

Castro: “Estamos asistindo á negación, por parte do novo Goberno do PP na Xunta, da igualdade e convivencia entre as dúas linguas”

O BNG ordense ven de presentar unha moción en defensa do idioma galego para o seu debate no próximo Pleno que se celebrará o próximo mércores, 13 de maio. Concretamente, os nacionalistas reclamarán do Pleno a adopción dos seguintes acordos:

1. Manifestar a vontade da Corporación Municipal de Ordes na defensa da nosa lingua e, especificamente, nos acordos unánimes adoptados polo Parlamento Galego para instrumentar as medidas de normalización do galego nos diversos ámbitos sociais.

2. Apoiar o ‘Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego’.

3. Secundar as campañas e iniciativas que se promovan en defensa do idioma galego e, concretamente, a convocada para o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela.

As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"O proceso de normalización de usos do galego ten sido lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir na nosa lingua, de xeito que o galego poida gozar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán no seu"

"Asistimos nos últimos tempos a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores políticos que pretenden trasladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo en Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua"

"A realidade é claramente á inversa: non só non gozamos dunha realidade que permita a existencia e normalidade dos usos do noso idioma no día a día, senón que se pretende que as persoas galegofalantes non teñan dereitos lingüísticos, e que os únicos deberes para as administracións públicas queden referenciados ao uso do castelán"


*