A Unidade Móbil do Centro de Tranfusión de Galicia estará detrás da Casa do Concello os vindeiros días 18 e 19 de xullo
Galicia necesitará 500 doazóns diarias durante este verán 2011
O Concello de Ordes e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) impulsan unha iniciativa que ten como obxectivo promover a participación dos veciños nas campañas de doazón de sangue e, deste xeito garantir o correcto desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos, que van precisar preto de 30.000 doazóns de sangue nos meses de verán para cubrir todas as necesidades.
As persoas que desexen participar poderán acudir á unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia que estará instalada detrás da Casa do Concello de Ordes os vindeiros días luns 18 e martes 19 de xullo. O horario de atención será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.
Mediante esta iniciativa que se está a desenvolver este verán preténdese mellorar a información sobre este acto altruísta, para que a participación solidaria dos veciños de Ordes chegue aos hospitais co obxectivo de compartir a nosa saúde e salvar vidas.
O pasado ano 2010 houbo 841 doazóns no municipio ordense, polo que o alcalde Manuel Regos anima aos veciños a que nesta ocasión se incremente a participación para que Ordes continúe sendo un dos concellos máis solidarios de Galicia.
*