martes, 5 de julio de 2011

O Concello promove un novo ciclo de charlas de prevención do consumo do alcol

Enmarcada no programa Faro, terán lugar os vindeiros 7, 14 e 21 de xullo na Casa da Cultura

O Concello de Ordes organiza un novo ciclo de charlas informativas enmarcadas dentro do programa Faro de prevención no consumo de alcol. Unhas charlas que terán lugar os vindeiros 7, 14 e 21 de xullo e que están dirixidas á poboación en xeral, e especialmente a colectivos afectados ou en risco de estalo, familias e profesionais que traballan no ámbito desta problemática.

Concretamente, a charla do vindeiro xoves día 7 titulada “Que podo facer cando sei que alguén ten problemas de alcol?”, terá lugar ás 11 horas no auditorio da Casa da Cultura e estará impartida por Brígida Arnáiz Carnota, traballadora social da Unidade de Tratamento de Alcoholismo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Alcol e coche
A charla do día 14 de xullo, baixo o título “Alcohol e conducción”, terá lugar ás 19:30 horas sendo o conferenciante José Ignacio Vázquez Rodríguez, psicólogo experto en drogodependencias, que será tamén o encargado de impartir a derradeira das charlas o día 21 de xullo, no mesmo lugar e hora e que versará sobre a Lei de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

Os interesados en recibir máis información poden facelo no departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes ou chamando ao 981680002.

*