Pretende potenciar a súa autonomía e terá lugar todos os días laborais entre setembro e febreiro, en horario de 09:30 a 13:30 horas
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de abrir o prazo de solicitude para o Curso de Habilidades Sociais para Persoas con Discapacidade da comarca ordense. Un curso no que poderán participar 25 persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% e que pertenzan aos municipios de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia ou Trazo.
O curso, totalmente gratuíto, impartirase entre o 1 de setembro de 2011 e o último día de febreiro de 2012 nunha aula adaptada situada no Mesón do Vento. As clases terán lugar de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:30 horas.
Con este curso, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes pretende potenciar a autonomía das persoas con discapacidade. Para iso, están programadas distintas actividades e obradoiros como: alfabetización de adultos, motricidade, obradoiros de traballos manuais e reciclaxe, clases de cociña e tarefas do fogar, obradoiros de atención e memoria, etc.
As persoas interesadas en participar poden anotarse nos Concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia ou Trazo antes do 28 de xullo. As prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición ata completar as 25 prazas. Posteriormente elaborarase unha lista de espera por se houbese algunha baixa imprevista.