martes, 5 de julio de 2011

O alcalde retira as mocións das dedicacións exclusivas e dos soldos

Momento do pleno municipal de esta tarde que rexistrou unha alta participación de veciños.
Non se sabe aínda se o alcalde cobrará ou non e canto, pero si que os concelleiros cobrarán 150 euros por cada asistencia ao pleno

Silvia Marín xa é a primeira tenente de alcalde

En apenas 45 minutos despachouse o primeiro pleno da corporación municipal saída das eleccións do 22 de maio. Un pleno que tivo como protagonista ás mocións retiradas polo alcalde Manuel Regos e que en consecuencia non foron debatidas. Así, non se coñece polo de agora nin o número de dedicacións exclusivas nin os soldos que estes concelleiros poideran ter.  

Plenos: xoves ás 20:00 horas
O primeiro dos puntos aprobados foi o de fixar a periodicidade das sesións do pleno, sesións que se acordou celebrar os últimos xoves de cada mes ás 20:00 horas, trala aprobación por unanimidade dunha enmenda presentada polo PP, xa que a proposta da alcaldía propoñíaos para os martes ás 19:30 horas aínda que finalmente todos os grupos apoiaron a proposta popular.

Catro comisións informativas
Tamén se aprobou a creación de catro comisións informativas, unha de Contas e Facenda, outra de Urbanismo, Obras e outros, unha terceira de Persoal, Servizos, Réxime Interior, Seguridade Cidadá, Tráfico, Medio Ambiente e Medio Rural; e por último a comisión de Educación, Discapacidade, Cultura, Xuventude, Deportes, Servizos Sociais, Terceira Idade, Sanidade, Turismo, Industria e Comercio, comisións que estarán integradas cada unha por catro membros de UxO, tres do PP, un do BNG e outro do grupo mixto, que estará formado polo edil do PSdeG- PSOE e a concelleira de CideGa. 

O consello da radio municipal estará tamén composto por dous representantes de UxO, un do PP, un do BNG e outro do grupo mixto.

Órganos colexiados
O pleno aprobou tamén o nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados, nomeando á concelleira Silvia Marín como representante nos diferentes centros educativos do municipio, e como vogal da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes ao alcalde, Manuel Regos Boquete.

Asistencia a plenos: 150 euros
Por outra banda acordouse tamén que os concelleiros que non exerzan os seus cargos en réxime de dedicación exclusiva nin dedicación parcial percibirán asistencias pola asistencia ás sesións dos órganos colexiados da Corporación. Así por asistencia aos plenos percibirán 150 euros, pola asistencia á xunta de goberno 190 euros, pola asistencia a comisións informativas 105 euros, e por último outros 105 euros pola asistencia a sesións do consello da radio municipal.

Tenencias de alcaldía
En canto ao nomeamento de tenentes de alcalde, noméanse cinco, a primeira tenente de alcalde será a concelleira Silvia Marín, o segundo Roberto González, o terceiro José Ramón Vázquez Raña, o cuarto José Luis Gómez Candal e o quinto, Roberto Iglesias.

Da orde do día retiráronse dous puntos, o punto relativo á determinación dos cargos que conleven dedicación exclusiva ou parcial e das retribucións dos mesmos; e o relativo á delegación de atribucións do pleno na xunta de goberno local, por falta de acordo. Sobre a primeira moción, que fora presentada polo grupo municipal do BNG, propoñíase só a aprobación de unha dedicación exclusiva para o alcalde de Ordes. Esta emenda dos nacionalistas reduce significativamente a proposta do Goberno Municipal, que constaba de dúas dedicacións exclusivas, unha para o alcalde, cunha contía de 43.000 euros anuais e outra para o concelleiro de obras e urbanismo, cunha contía de 29.000 euros anuais, así como unha dedicación parcial, cunha contía de 16.220 euros anuais.


O portavoz nacionalista, Gonzalo Castro, xustificou a presentación desta proposta manifestando que “desde o BNG consideramos que o Concello de Ordes precisa dun alcalde que se dedique en exclusiva as tarefas de goberno, e do mesmo xeito, atendendo á situación económica, defendemos que se conxele a súa retribución no presente exercicio económico”. 

*