Xesús Pedreira, do PSOE de Ordes // Arq. |
O concelleiro socialista reclama un convenio coa Xunta de Galicia que posibilite eliminar riscos coma o acontecido fai uns días á beira da piscina cuberta
Pide tamén a apertura da caseta de vixianza de Tordoia
O concelleiro socialista Xesús Pedreira explicou hoxe que solicitará mañá xoves ao pleno municipal a adopción dun acordo para instar ao Concello de Ordes a que solicite a sinatura urxente dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para garantir a protección e a seguridade fronte aos lumes dos veciños dos núcleos rurais ordenses. Pedreira denuncia que nos últimos dous anos “a Xunta só fai convenios para o desbroce das vías municipais, que non só non cubren o custe dos traballos senón que deixan sen convenio aos núcleos rurais”.
O concelleiro considera que esta situación é un risco para os veciños de Ordes e para os seus bens, “como ben se demostrou hai uns días nun incendio acontecido á beira da piscina municipal cuberta, na que os veciños e os seus bens quedaron expostos ao lume”. O concelleiro socialista denuncia os recortes en materia de xestión forestal e de prevención de incendios por parte da Xunta, que acada os 22 millóns de euros nos exercicios 2010 e 2011 e que supuxo “o abandono das políticas de ordenación forestal e de prevención de incendios para o rural de Ordes”.
Apertura da caseta de vixianza
Polo tanto, os socialistas ordenses esixen a sinatura urxente dun convenio de colaboración co Concello de Ordes que inclúe unha dotación económica para a protección dos núcleos rurais e a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal. Asimesmo, solicitan a apertura da caseta de vixianza do Distrito 3 de incendios forestais de Río do Sol, ubicada no veciño concello de Tordoia.
“Esta caseta é moi importante para a detección dos lumes no municipio de Ordes e limítrofes, xa que as outras casetas deste distrito non vén os lumes no concello de Ordes e iso fai que cando se dean as alarmas xa os incendios sexan de difícil control”, explica Xesús Pedreira. Finalmente, os socialistas tamén instarán á Deputación Provincial a que tome as accións precisas para controlar as faixas de xestión da biomasa vexetal ao longo da rede viaria provincial en Ordes para garantir a seguridade fronte aos lumes forestais.
Cruce na CL-4130 Ordes-Carballo
Por outra banda, o concelleiro socialista presentará tamén na sesión plenaria de mañá unha moción para instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a que resolva os problemas de circulación ocasionados aos veciños de Castenda e Cestaños como consecuencia da remodelación realizada pola Xunta á altura do quilómetro 14,300 da estrada comarcal CL-4130 Ordes-Carballo. Unhas obras que anularon o antigo cruce da CL-4130 coa pista de circulación Castenda-Cestaños.
Xesús Pedreira explica que a eliminación deste cruce fai que os veciños de Castenda e Cestaño teñan que desviarse por unhas pistas moi estreita que “no caso de conducir un tractor articulado fan inevitable invadir o sentido de circulación oposto para a súa incorporación á CL-4130, pois esta pista remata en pico de frauta e supón un grave risco para a integridade física destes veciños”. Por iso, o concelleiro socialista solicitará a elaboración dun estudio técnico que permita dar unha solución de garantías para estes veciños.
*