O Camiño Inglés a Compostela atravesa a parroquia ordense de Buscás. |
Os polideportivos ordenses albergaron a centos deles no que vai de ano
Chegados de diferentes partes de Galicia, e sobre todo, do resto de España e do extranxeiro
Ordes, municipio polo que pasa unha das rutas do Camiño de Santiago, recibiu no que vai deste ano a centos de peregrinos, que en moitos dos casos pasaron a noite nalgún dos polideportivos que o Concello de Ordes pon a disposición dos camiñantes.
Así, dende o pasado mes de abril, os pavillóns polideportivos ordenses, albergaron arredor de 300 peregrinos, que ou ben en grupo ou ben sós elixiron facer o Camiño Inglés para peregrinar a Santiago de Compostela.
Uns peregrinos que veñen de diferentes partes tanto de Galicia como do resto de España. Así, no mes de abril, pasaron por Ordes un grupo de 40 persoas do colexio Compañía de María de Santiago e outro grupo de 70 persoas chegados dende Porto en Portugal. No mes de xullo tamén pernoctaron nos polideportivos do municipio medio cento de rapaces e adultos do colexio Santa Victoria de Córdoba, e outras 50 persoas do colexio San Ignacio de San Sebastián. A estes grandes grupos sumáronse ademais peregrinos que ben en solitario ou en grupos máis pequenos tamén escolleron Ordes como unha das súas paradas nesta ruta xacobea, así como aqueles que aínda que non pernoctaron pasaron polo municipio.
De cara ao vindeiro mes de agosto está prevista xa a chegada doutros dous grupos de peregrinos, un composto por 30 persoas do colexio Santa Victoria de Córdoba que repite experiencia, e outro da Fundación Marcha Universal de Santiago.
Para todos os peregrinos que o soliciten previamente, o Concello de Ordes pon á súa disposición para pasar a noite dous pavillóns polideportivos, o pavillón de Mesón do Vento e o pavillón Castelao.
*