Os membros do pleno da Mancomunidade con Manuel Regos de presidente, no centro. |
O alcalde de Ordes asume a presidencia da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
Regos: "Para os concellos nestes momentos é fundamental mancomunar servizos para superar a situación de crise económica xeral”
O pleno constituínte da Mancomunidade de Municipios de Ordes celebrado esta mañá acordou por unanimidade nomear a Manuel Regos Boquete como novo presidente da entidade e aos sete alcaldes da comarca como membros de pleno dereito do pleno, tal e como se acordou nos plenos municipais dos seus respectivos concellos. Deste xeito, o pleno da Mancomunidade queda composto por: Manuel Regos Boquete (presidente e alcalde de Ordes), Xosé García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo).
Manuel Regos toma así o relevo de Miguel Prado Patiño, quen anunciara durante a súa toma de posesión como alcalde de Frades que renunciaba a calqueroutro cargo que non fose a alcaldía fradense. Un nomeamento que é efectivo dende hoxe e polos próximos catro anos.
Mancomunar servizos
Manuel Regos agradeceu o apoio e a confianza amosados polos alcaldes da comarca de Ordes e asegurou que “para os concellos nestes momentos é fundamental mancomunar servizos para superar a situación de crise económica xeral”. Por iso, Regos Boquete anuncia xa unha reunión o vindeiro mes de setembro “para traballar en temas concretos e poder levar a cabo medidas importantes mancomunadas”.
“Hoxe falamos en xeral”, explica o novo presidente da Mancomunidade de Ordes, “pero quedou patente que todos os alcaldes estamos dispostos a mancomunar servizos para que sexan máis rentables e operativos. Estamos falando dunha das mancomunidades máis antigas que existen e o que pretendemos é seguir ofrecendo servizos a menor coste polo ben de todos os nosos veciños e veciñas”.
Neste sentido, Regos Boquete agradece especialmente “o compromiso e a disposición amosada hoxe por todos os alcaldes da comarca de Ordes, que están dispostos a intentar que todo isto se leve adiante e a mancomunar o maior número de servizos posible para superar estes tempos de crise”. Uns servizos que se determinarán na vindeira reunión plenaria da Mancomunidade de Municipios de Ordes, que terá lugar en setembro.
Traslado da sede
O pleno constituínte de hoxe tivo lugar nos baixos da Alameda de Ordes, que se converterá na sede de todos os servizos que ofrece a Mancomunidade de Municipios de Ordes e que actualmente estaban espallados por varios inmobles como o Concello de Ordes ou o centro comarcal ordense. Manuel Regos Boquete explica que “dentro da reforma de espazos que estamos levando a cabo en Ordes co gallo da posta en servizo da ampliación da Casa do Concello, imos destinar todos os servizos e persoal da Mancomunidade aos baixos da Alameda para que teñan un espazo común de traballo e gañen en operatividade”.
O traslado ás novas dependencias nos baixos da Alameda de Ordes terá lugar ao longo das vindeiras semanas, xa que aló será preciso aloxar non só as dependencias administrativas da Mancomunidade, senón tamén o servizo de atención psicolóxica ou o propio Centro de Información á Muller.
*