martes, 12 de julio de 2011

Castro denuncia o veto de Regos á emisión do último pleno por Radio Ordes

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes / Arq.

Castro: "O alcalde pretendeu ocultar aos veciños que tivo que retirar do pleno os soldos do Goberno pola presentación dunha enmenda do BNG"


O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, acusou esta semana ao alcalde Manuel Regos, “de ordear a non emisión do pleno de organización celebrado o pasado martes”.

Segundo o concelleiro nacionalista, “coa falta de emisión por parte da radio municipal do último pleno, o alcalde pretendeu ocultar aos veciños e veciñas de Ordes que se viu na obriga de retirar do pleno a súa proposta de dedicacións para o goberno municipal, debido á presentación dunha emenda polo BNG, que propoñía a aprobación só da dedicación exclusiva do alcalde, e que contaba co respaldo de todos os grupos políticos da oposición”.

Castro lembrou que esta emenda dos nacionalistas que propoñía a  aprobación só da dedicación exclusiva do alcalde reducía significativamente a proposta do alcalde, que constaba de dúas dedicacións exclusivas, unha para o alcalde, cunha contía de 43.000 euros anuais e outra para o concelleiro de Obras e Urbanismo, cunha contía de 29.000 euros anuais, así como unha dedicación parcial, cunha contía de 16.220 euros anuais.

O portavoz do BNG considerou que “a actitude do alcalde ordeando a non retransmisión do Pleno pola radio municipal constitue un desprecio e unha burla aos veciños de Ordes, e unha mostra do seu talante despótico e antidemocrático, ao privar aos veciños e veciñas de Ordes dunha información especialmente relevante”.

As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“De forma intolerábel, o alcalde pretendeu evitar que os portavoces municipais se enterasen da non retransmisión do Pleno, xa que os técnicos encargados da emisión da radio municipal estaban presentes no pleno e instalaron todos os micrófonos para a súa emisión, que foron utilizados polos portavoces municipais con total normalidadedurante o Pleno, cando o certo é que en lugar do pleno pola radio municipal estaba a emitirse unha gravación musical”.

"Emplazamos ao goberno de Ordes a realizar unha reflexión e entender que o diálogo e o consenso deben presidir a vida política de Ordes, porque así o quixeron os seus veciños e veciñas, e o BNG sempre participará responsablemente do dialogo e dos consensos en beneficio dos veciños e veciñas de Ordes” 

*