Tratará de evitar que os concelleiros que abandonen o seu grupo municipal poidan obter beneficios económicos e políticos
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou hoxe que a súa formación política defenderá no pleno ,que se celebrará este xoves, ás 20:00 horas, unha reforma do regulamento orgánico do Concello de Ordes co obxectivo de evitar que os concelleiros tránsfugas poidan obter beneficios económicos e políticos polo abandono do seu grupo político.
Gonzalo Castro manifestou que “o actual regulamento orgánico do Concello, que foi impulsado polo actual alcalde, permite a existencia de situacións nas que os tránsfugas poden ver incrementadas as súas percepcións económicas e os seus dereitos políticos con respecto aos que tiñan cando estaban no seu grupo político”.
O portavoz do BNG lembrou que “o pacto antitransfuguismo, asinado por todos os partidos políticos, estabelece que os dereitos económicos e políticos dos concelleiros tránsfugas non poderán ser superiores aos que lles corresponderían de permanecer no seu grupo político, mais o alcalde de Ordes, facendo oídos sordos a ese pacto, aprobou un regulamento orgánico que segue a permitir que o tránsfuga poida beneficiarse da súa situación”.
Castro anunciou que a proposta do BNG para a reforma do Regulamento Orgánico estabelecerá “a prohibición de que os concelleiros que abandonen o seu grupo político poidan ver mellorados os seus dereitos económicos e políticos”.
*