lunes, 15 de noviembre de 2010

Manuel Regos clausurou o curso de atención a dependentes dirixido a desempregadas

No curso, posto en marcha polo Concello, participaron preto dunha vintena de mulleres ordenses



O alcalde Manuel Regos, acompañado polo edil de Servizos Sociais e Terceira Idade, José Manuel Tobío, clausurou o pasado sábado o curso de atención a persoas dependentes posto en marcha polo Concello o pasado 8 de novembro.

O curso estivo dirixido a mulleres desempregadas do municipio, sendo preto dunha vintena as que participaron nesta iniciativa. Tratouse de clases teóricas e prácticas nas que as alumnas aprenderon cuestións relativas ao coidado de persoas con algún tipo de dependencia.

As alumnas do curso tamén mostraron a súa satisfacción pola realización da iniciativa, que aseguraron poderá facilitarlles a súa incorporación ao mercado laboral.

Satisfacción mostrou tamén o primeiro edil pola realización desta actividade, que inisistiu unha vez máis, é mostra clara da aposta que o Concello de Ordes fai pola formación para combatir o desemprego, sumándose este curso a moitos outros levados a cabo no municipio, ou que todavía se están a desenvolver, dirixidos tamén a desempregados. O curso de atención a persoas dependentes contou co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.

A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Este tipo de cursos formativos, ademais de proporcionar coñecementos ás alumnas, dálles unha ferramenta máis á hora da busca dun traballo, ao tratarse dunha iniciativa dirixida a desempregados, e concretamente a mulleres, sendo este un colectivo moi castigado polo desemprego”

*

Os veciños de Mercurín-Lesta xa coñecen os detalles da súa concentración parcelaria

Momento da reunión informativa na Escola de Mercurín.
O Concello tamén informoulles da rede de camiños secundarios e os camiños de concentración

A Escola de Mercurín acolleu a pasada semana a celebración dunha reunión informativa sobre a concentración parcelaria da zona Mercurín- Lesta. Unha reunión á que asistiu o edil de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade do Concello de Ordes, Xesús Pedreira, e tamén un bo número de veciños e veciñas ordenses afectados por dita concentración.

Na reunión, organizada polo Concello de Ordes, tratáronse temas xerais da concentración parcelaria destas parroquias, así como se falou sobre a rede de camiños secundarios e os enlaces necesarios entre os camiños da nova concentración e os camiños da concentración anterior.

O obxectivo desta reunión foi informar aos afectados pola concentración parcelaria de Mercurín- Lesta sobre a situación na que se encontra dito proceso.

*

domingo, 14 de noviembre de 2010

Os nacionalistas pedirán no Parlamento 2,5 millóns de euros máis para Ordes

A proposta nacionalista: Centro de día, 900.000 euros; ampliación da ronda leste, 600.000 euros; remate das concentracións parcelarias, un millón de euros

Castro: "O Concello de Ordes no existe para o PP ao quedar excluído dos Orzamentos da Xunta para o ano 2011"

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou onte a presentación no Parlamento de Galicia por parte do BNG dun conxunto de emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2011, “para paliar a grave situación derivada do feito de que o concello de Ordes non exista para o Goberno do PP, ao quedar excluído dos Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2011”, segundo manifestou o propio Castro.

“Con estas emendas”, aseguro o nacionalista, “propoñemos cubrir as principais necesidades do noso concello, con investimentos que suman un total de 2,5 millóns de inversións para o Concello de Ordes”.

Un centro de día con 900.000 euros
O portavoz do BNG salientou, no tocante aos servizos sociais, que “o BNG propón a inclusión dunha partida de 900.000 euros destinada á construcción dun centro de día, co obxectivo de atender a demanda dun concello onde preto de 3.000 veciños superan os 65 anos”.

En canto ás infraestruturas, Castro manifestou que “propoñemos incluir unha partida de 600.000 euros para prolongar a Rolda Leste até o Cano de Leira, para dotala dunha saída alternativa á do polígono industrial e evitar o caos circulatorio e a inseguridade vial que se xenerará nese punto.”

Finalmente, o portavoz do BNG ordense informou de que “noutra emenda propoñemos a inclusión dunha partida dun millón de euros destinada a impulsar o remate das concentracións parcelarias que se atopan abertas en Ordes, xa que o goberno do PP na Xunta non ten contemplado ningún investimento para as parcelarias nos Orzamentos para o 2011”.

*

O Concello organiza unha excursión a Portugal para a Terceira Idade

Terá lugar os dias 25, 26 e 27 de novembro e o prazo para inscribirse remata o día 17

O Concello de Ordes organiza unha nova excursión dirixida aos membros da terceira idade do municipio. Unha excursión que terá lugar os próximos días 25, 26 e 27 de novembro e que levará aos maiores ordenses ata terras portuguesas.

Concretamente os participantes poderán visitar as cidades de Aveiro, Porto e Fátima, nunha excursión coa que dende o Concello se pretende contribuir co ocio dos nosos maiores.

A viaxe inclúe réxime de pensión completa, seguro de viaxe e un guía- acompañante durante toda a viaxe. O prezo por persoa é de 135 euros.

Información no Concello ou no teléfono 981 680000
Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar terán aberto o prazo de inscrición ata o próximo 17 de novembro no departamento de Servizos Sociais e Terceira Idade do Concello de Ordes ou chamando ao teléfono 981680002, onde tamén poderán recibir máis información.

*

viernes, 12 de noviembre de 2010

Respostas ao encontro dixital con José Luis Martínez Sanjurjo

José Luis Martínez Sanjurjo, onte durante a súa presentación oficial. 
Finalmente recibimos sete correos electrónicos que quixeron trasladarlle ao candidato popular as súas cuestións.

Estas son as preguntas dos lectores e as respostas de José Luis Martínez Sanjurjo:

01. ISABEL pregunta… Está a favor ou en contra da movida no Campo da Feira?

Estou a favor de "unha movida" de calidade.


02. EDU pregunta… Se chegara a gobernar, encargaría unha auditoría sobre as contas do Concello?
Rotundamente, si.

03. ANÓNIMO 1 pregunta...Nas parroquias rurais de Ordes estase a levar a cabo unha campaña contra o canon da lei de augas que aprobou o goberno do PP na Xunta, polo que se cobrará o consumo de auga aos propietarios de pozos particulares e de traidas veciñais. Que opinión ten deste asunto?
O BNG está a confundir os veciños. Primeiro, que non se trata dun novo canon, sustitúe ao de saneamento, e implicará unha mellora na xestión dos recursos hídricos de Galicia. Segundo, que a lei contempla que a dedución do 90% da cota do canon se aplicará a todolos usuarios domésticos de fontes propias e traídas veciñais, de xeito que esa cota super-reducida posibilitará que na practica, estes usuarios queden exentos do canon. E terceiro, non é obrigatoria a instalación de contadores- Tal e como se recolle na lei, os usuarios terán opción de acollerse a outros sistemas de estimación obxectiva. A falta de contador non implicará sancións.

Vertedoiro da Areosa
04. ANÓNIMO 2 pregunta... En Ordes está a desenvolverse unha campaña con recollida de sinaturas contra a a ampliación do vertedoiro de Sogama, que vai supoñer a acumulación dun millón de toneladas de lixo perto de Ordes, que opinión ten deste asunto o candidato do PP?
Ainda que non estivese de acordo, a ampliación do vertedoiro de Areosa xa é unha realidade. O que se deberá garantir é un control medioambiental adecuado. No futuro haberá que intentar ampliar a pranta de tratamento de resíduos de Sogama, e evitar tanto volume de soterramentos.

05. ANÓNIMO 3. Parará as obras de ampliación da Casa do Concello se gaña a alcaldía?
Desta obra non entendo a sua necesidade, menos ainda en tempos de crise. Pero, visto o ritmo ó que van as obras, coido que se o PP acada a alcaldía e o goberno, o unico que tocará será pagala.

06. JUAN pregunta...Que é o peor que fixo Manuel Regos como alcalde? E o mellor?
O peor, a mala xestion dos recursos publicos. O mellor...deixame que pense... o paseo do río Mercurín.

Investimentos 2011
07. ANÓNIMO 4. Que lle parece que a Xunta de Galicia, gobernada polo PP, non vaia investir nin un só euro en Ordes en todo 2011?
Polo de agora estamos no ano 2010. No ano 2011 a Xunta de Galicia xa ten previsto e comprometidos, entre outros a execución dos plans de cooperación, recentemente asinada co conselleiro de Medio Rural; e a contratación de diversas partidas para a continuación e remate das concentracións parcelarias abertas no noso concello. Tamén a Xunta de Galicia  pagará a segunda fase da rolda leste. De todos xeitos, de cara á segunda metade do ano 2011, se o PP goberna Ordes, terá un interlocutor válido para incrementar as achegas autonómicas.

*

O Concello organiza catro cursos formativos dirixidos a inmigrantes

Trátase de dous cursos de español, un de orientación académica e laboral e outro de fomento das redes sociais para os que está aberto o prazo de inscrición

As persoas interesadas poden inscribirse no Centro de Información á Muller ou chamando ao teléfono 981680002

O Concello de Ordes porá en marcha unha serie de cursos dirixidos á poboación inmigrante, uns cursos realizados en colaboración coa ONG Ecos do Sur, e que contan co financiamento da Secretaría Xeral de Emigración e o Ministerio de Traballo e Inmigración.

Trátase concretamente de dous cursos de español, un curso de orientación académica e laboral e outro de fomento das redes sociais.

En canto aos cursos de español, o primeiro deles, de nivel básico estará dirixido a mulleres inmigrantes, tendo lugar as clases dende o 16 ao 24 de novembro de 10 a 13 horas na Casa da Cultura de Ordes.

O outro dos cursos de español será de nivel intermedio, dirixido á poboación inmigrante en xeral, e desenvolverase do 19 ao 29 de novembro de 18:30 a 21:30 horas no local social de ADISCORDES, ao lado da Casa da Cultura.

Por outra banda, o curso de orientación académica e laboral, dirixido ás mulleres inmigrantes, celebrarase do 19 ao 29 deste mes en horario de mañá, e tamén para este colectivo estará dirixido o curso de fomento de redes sociais, que contará con clases presenciais os días 20 e 27 de novembro de 10 a 14 horas e o 26 do mesmo mes de 17 a 21 horas, no local social de ADISCORDES.

A frase de Xosé Manuel Tobío, concelleiro de Servizos Sociais e Terceira Idade de Ordes
"O obxectivo que se persigue coa celebración destes cursos “é conseguir e facilitar a integración sociolaboral do colectivo inmigrante residente no noso municipio”.

*

O candidato popular Martínez Sanjurjo asinará un contrato con Ordes, tal e como fixo Núñez Feijóo con Galicia nas Autonómicas de 2009


Preto de 500 persoas encheron o salón do restaurante El Túnel para coñecer o discurso do xa candidato popular á alcaldía 

Negreira: "Temos o mellor candidato que o PP poidera desexar para Ordes"

Martínez Sanjurjo: "Crearemos, coa axuda de todos, un Plan Estratéxico Ordes 2011-2019 que executaremos coma se dun contrato se tratara"

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo presentou esta noite as súas credenciais para loitar pola alcaldía de Ordes ante un abarrotado salón comedor do céntrico restaurante El Túnel. Ante preto de 500 persoas, moitas delas quedaron sen poder entrar, o enxeñeiro estivo acompañado por algún dos membros máis destacados do actual PPdG coma o presidente provincial de A Coruña, Carlos Negreira; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o secretario de Organización do PPdG, Manuel Álvarez Campana; as deputadas nacionais Belén Do Campo e Ánxeles Vázquez Mejuto, e a deputada autonómica María Seoane, entre outros. Por parte dos populares ordenses, a presidenta da xestora do PP de Ordes, Estrella Vázquez foi quen de abrir as intervencións facendo unha laudatio do candidato, a quen definiu coma unha persoa “de fortes valores humanos” e “traballadora”, sendo “seria e accesible á vez”.

Vázquez considerou que Martínez Sanjurjo reflecta os valores dunha “alternativa de experiencia e madurez”, e que será o próximo alcalde de Ordes “que trate a todos por igual”, onde “todo sexa para todos os ordenses”. A presidenta da xestora avalou a candidatura de José Luis Martínez Sanjurjo por ser esta unha persoa “disciplinada” e “traballadora”, cunha disposición á cidadanía de “24 horas ao día”.

Preto de 500 persoas abarrotaban o salón comedor de El Túnel.
 Negreira: "O mellor candidato que o PP de Ordes pode ter"
Pola súa banda, o presidente provincial, Carlos Negreira felicitouse de ter fronte a el “ao mellor candidato” que os populares poideran desexar para gobernar Ordes. “Temos un candidato de verdade”, aseguraba Negreira. “José Luis xenera confianza non só no Partido Popular de Ordes, senón tamén entre o resto de compañeiros na provincia, e tamén no noso presidente Alberto Núñez Feijóo”, confirmaba o coruñés ante os aplausos dos alí presentes. Negreira remataba a súa intervención para dar paso ao candidato cunha reveladora declaración: “Nos va a ir a todos mellor con José Luis e o Partido Popular”.

Chegaba o momento máis agardado da noite ao escoitar por vez primeira a José Luis Martínez Sanjurjo como candidato oficial do Partido Popular á alcaldía de Ordes. Comezou nervioso, falando rápido, pero así como foi capaz de comprender a importancia da súa primeira mensaxe ante a cidadanía, soubo reaccionar e articular un discurso pausado e interrompido até en oito ocasións polos aplausos. Comezou saudando a todos os presentes e disculpándose por non poder ofrecer espazo suficiente para as cerca de cincuenta persoas que se quedaron ás portas do salón comedor por falta de espazo no interior.

Martínez Sanjurjo deu a entender que non está en política para ir por libre. Pediu a “colaboración” e a “intervención de todos” na política municipal. “Comprométome a non fallarvos”, aseguraba. “Necesítovos para co respaldo da maioría liderar un cambio de rumbo que faga de Ordes o que sempre foi e non o é agora, un concello punteiro na provincia de A Coruña”.

"Comprométome a que goberne a lista máis votada"
Un dos momentos máis intensos da presentación tivo lugar cando Sanjurjo ofreceu un desafío aos demais candidatos á alcaldía de Ordes. “Reto aos demais aspirantes”, dicía, “a que asuman o compromiso de que Ordes sexa gobernado por quenes os ordenses decidan, e dicir, que se comprometan a recoñecer que aquela lista máis votada sexa quen goberne”.

Martínez Sanjurjo definiu á política do actual goberno municipal como de "despilfarro e ostentación”, criticando as “reviravoltas ideolóxicas” de Manuel Regos, os incumprimentos de pago a proveedores do Concello e a recenté subida de impostos municipais. “Os ordenses temos futuro”, recoñecía. “Pero ninguén vai vir para arranxar os nosos problemas. Somos nós quenes debemos traballar por nós mesmos. Traballar, traballar e traballar. Pagar as débedas, apretarse o cinto e inspirar confianza”, recoñecía entre os aplausos o xa candidato popular.

José Luis Martínez Sanjurjo, candidato do PPdG á alcaldía de Ordes.
 Un contrato con Ordes
Xa por último e cun auditorio entregado, José Luis Martínez Sanjurjo fixo a súa oferta de goberno á cidadanía ordense. O Partido Popular de Ordes, dixo, “creará, coa aportación e a axuda de todos, o Plan Estratéxico Ordes 2011-2019” tal e como fixera en 2009 o por aquel entonces candidato popular Alberto Núñez Feijóo co Plan Galicia. E como tamén fixera este, “asinaremos un contrato con Ordes que nos obrigará a executar todos e cada un dos compromisos adoitados en periodo eleitoral".

“Traballo, traballo e traballo”, foi o consello que Manuel Fraga lle deu recentemente ao candidato ordense. Martínez Sanjurjo tivo claro que por ahí pasa a clave do éxito dos ordenses, e asumiu que unha vez sexa nomeado alcalde, será o primeiro en “traballar arreo” por todos nós.

A presentación rematou dando paso a unha sesión fotográfica da familia popular ordense para a continuación tomar un aperitivo con todos os veciños e visitantes que non quixeron perderse a presentación de José Luis Martínez Sanjurjo como candidato do Partido Popular á alcaldía de Ordes.

*

jueves, 11 de noviembre de 2010

O Concello participa mañá como poñente nun seminario da Fegamp sobre o certificado EMAS

Os expertos do noso Concello explicarán a súa experiencia en limpeza viaria e xestión de residuos 

O Concello de Ordes, a través da concellería de Medio Ambiente participará mañá como poñente nun curso organizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O seminario versa sobre a implantación dun sistema de xestión e auditoría EMAS e está destinado a personal técnico e político das Administracións local, provincial e autonómica.

O Concello de Ordes foi invitado pola Fegamp a participar neste curso para relatar a súa experiencia na implantación do EMAS no municipio, no relativo a limpeza viaria e xestión de residuos, ao ser un dos poucos concellos que conta con esta certificación.

Coincidindo coa participación do Concello neste seminario, tamén cabe destacar que recentemente o Concello de Ordes recibiu a comunicación por parte do comité de AENOR, da renovación do certificado e validación da declaración medioambiental.

*

A Mancomunidade acepta quedarse en propiedade con Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, viaxará o vindeiro 21 de novembro a Bos Aires para realizar os trámites precisos

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aceptará a cesión das propiedades do Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires, tal e como ofrecera a súa directiva nunha visita realizada o pasado mes de agosto. Así o decidiron os alcaldes dos sete municipios da comarca ordense (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo), quen acordaron tamén designar ao alcalde de Oroso, Manuel Mirás, como o seu encargado de recibir a devandita sesión.

Así, Mirás Franqueira viaxará o próximo 21 de novembro a Bos Aires para asistir á inauguración da nova piscina climatizada do Centro Galego da Comarca de Ordes e para cumplimentar todos os trámites administrativos precisos para a cesión das propiedades deste centro na capital de Arxentina. Unha cesión que se produce despois de que a directiva do Centro Galego da Comarca de Ordes, encabezada polo seu presidente José Luís Durán, propuxera a cesión dos bens deste centro á Mancomunidade “para estar más tranquilos sobre su futuro”.

Contan con máis de 750 asociados
O Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires conta con máis de 750 asociados. Dispón dunhas importantes instalacións en Lomas Valentinas (Bos Aires) nas que o vindeiro 21 de novembro inaugurarán oficialmente unha piscina climatizada. Ademais, contan cun amplo salón de actos con capacidade para máis de 600 persoas e cunhas amplas zonas verdes que utilizan como merendeiro para albergar actos sociais. Entre as súas actividades contan cun grupo folclórico conformado por 25 personas, entre músicos y bailarines, e imparten clases gratuitas de gaita e baile galego.

A relación entre o Centro Galego da Comarca de Ordes en Bos Aires e a Mancomunidade de Municipios de Ordes é moi estreita e materializouse últimamente na cesión, por parte da Mancomunidade, dun cruceiro para o centro bonaerense e no aloxamento do grupo folklórico arxentino durante a súa visita a Galicia o pasado mes de agosto.

Foto: A comitiva arxentina-ordense que nos visitou o pasado agosto. O seu presidente, José Luis Durán no centro con camisa azul e perilla.

*

O delegado do Goberno Antón Louro, coñeceu de primeira man as obras do plan estatal en Ordes


O Goberno de España inxecta 1,3 millóns de euros no noso municipio a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade

Acompañado polo alcalde, membros da corporación e o subdelegado do Goberno, realizou unha visita ás obras máis destacadas do municipio

O Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, realizaba esta mañá unha visita ao Concello de Ordes para coñecer de primeira man algunhas das obras que o Concello leva a cabo a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade.


Louro, acompañado polo subdelegado do Goberno en Galicia, José Manuel Pose Mesura, foi recibido na Casa do Concello polo alcalde, Manuel Regos, e membros da corporación municipal.

O primeiro edil quixo agradecer a visita do Delegado facendo ademais fincapé no bo trato que sempre tivo para o municipio, destacando o seu papel en proxectos moi importantes para Ordes como o cuartel da Garda Civil, co que se espera contar próximamente, entre outros.

.
En primer termo, Xesús Pedreira, Manuel Regos e Antón Louro.
 "Obras de vital importancia para Ordes"
Por outra banda, Regos insistiu na importancia das obras incluidas no fondo estatal que asegurou “son de vital importancia para o desenvolvemento do municipio e o benestar dos nosos veciños, tendo en conta que se trata de melloras no saneamento e abastecemento de auga de diferentes zonas, adecuacións en alumeados públicos, acondicionamento de instalacións municipais e dotación de novos servizos nas parroquias”.

Trala recepción no Concello, a comitiva realizou unha visita a dúas das obras incluidas no plan estatal, as fachadas dos baixos da Alameda e a adecuación e mellora da eficiencia enerxética no alumeado público da rúa Víctor González Faya. Ademais, aproveitaron a ocasión para visitar as novas instalacións coas que se conta agora nos baixos da Alameda, e que están a piques de rematarse.

Estas instalacións contan con diferentes locais nos que se instalará a biblioteca municipal, o Museo Xosé Xoxardo, unha sala de exposicións, un local de ensaio para os grupos do municipio, e demais oficinas.

Louro felicitou ao alcalde Regos polas obras levadas a cabo dende o Concello, que asegurou, servirán para dotar de máis e mellores servizos aos ordenses, así como puxo a Ordes como exemplo do bo desenvolvemento e do éxito que está a ter o Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local tanto en Galicia como no resto de España.

Obras incluidas no FEESL 2010
En canto á totalidade das obras enmarcadas dentro deste fondo estatal (FEESL 2010), o Concello de Ordes incluiu doce importantes proxectos para o municipio, cun importe total de máis de 1,3 millóns de euros. Son os seguintes:

1. Adecuación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público urbano na N-550 ao seu paso por Leira.

2. Adecuación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público urbano na rúa Canteira.

3. Adecuación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público urbano na rúa República Arxentina e rúa Víctor González Faya.

4. Saneamento na estación en Parada.

5. Saneamento e abastecemento na Carballeira, Cabeza de Lobo en Ardemil.

6. Saneamento e abastecemento en Vilariño na parroquia de Buscás.

7. Construcción dun depósito de auga potable en Ordes.

8. Construcción dunha pista polideportiva en Montaos.

9. Construcción dunha pista polideportiva en Poulo.

10. Construcción dunha pista polideportiva en Beán.

11. Bombeo de fecais no campo de fútbol municipal.

12. Fachada das dependencias municipais na Alameda de Ordes.

*

miércoles, 10 de noviembre de 2010

Encontro dixital con...José Luis Martínez Sanjurjo

O candidato do PP, José Luis Martínez Sanjurjo.
Este venres, en exclusiva para Ordessiete, o candidato popular á alcaldía de Ordes respostará ás nosas preguntas

Fainos chegar as túas preguntas a: blogsantiagosiete@gmail.com

O candidato popular á alcaldía de Ordes terá este venres un encontro dixital con Ordessiete no que respostará ás nosas preguntas e a todas aquelas que lles faga a cidadanía ordense a través do noso enderezo electrónico. Para iso, precisamos que todos aqueles que queiran facerlle preguntas ao candidato as fagan chegar con anterioridade ao venres 12 de novembro ás 15:00 h. ao seguinte enderezo: blogsantiagosiete@gmail.com. Acéptanse preguntas anónimas, pero non serán atendidas aquelas de carácter ofensivo ou sobre cuestións persoais ou familiares.

A que persoas levará na súa lista?

Parará as obras de ampliación da Casa do Concello se gaña a alcaldía?

De non acadar maioría absoluta, a quen prantexaría un pacto de gobernabilidade?

Que leiutura fai do transfuguismo o do movemento de concelleiros dunhas siglas a outras?

Que fará por Ordes que os demais candidatos non vaian ser capaces de facer?

Mándanos as túas preguntas a: blogsantiagosiete@gmail.com

*

martes, 9 de noviembre de 2010

Martínez Sanjurjo presenta este xoves oficialmente a súa candidatura á alcaldía


Será no restaurante El Túnel a partires das 20:30 horas e estará arropado por algúns dos máis destacados membros do actual PPdG

O enxeñeiro José Luis Martínez Sanjurjo, presentará oficialmente este xoves 11 de novembro ás 20:30 h. no restaurante El Túnel a súa candidatura á alcaldía de Ordes. O candidato estará acompañado por un número aínda non determinado de alcaldes e candidatos do PPdG da comarca, así coma por membros da executiva provincial e rexional do partido.

A falta de confirmación definitiva, prevese a presenza e intervención no acto a lo menos do presidente provincial do PPdG, Carlos Negreira, acompañado do secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Diego Calvo.

*

A Mancomunidade recibe 278.000 euros da Xunta para o mantemento dos servizos sociais


O pleno acorda dirixirse á Secretaría Xeral de Emigración para solicitar un incremento da aportación autonómica ao programa de integración de inmigrantes e emigrantes retornados

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de recibir unha subvención de 278.000 euros da Consellería de Traballo e Benestar para o cofinanciamento da prestación dos servizos sociais aos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo). Uns servizos nos que a Mancomunidade de Ordes oferta unha novidade: un programa de intervención con discapacitados, que recibe unha axuda de 9.000 euros.

Estes 278.000 euros posibilitarán o cofinanciamento dos servizos sociais que reciben os municipios da Mancomunidade ordense. Servizos como:

- Programa de Educación en igualdade para fomentar a igualdade de xénero; o de Educación Familiar, educación viaria para nenos, recollida de xoguetes, programa de educación para o axeitado desenvolvemento familiar.

- Programa de Emprego, elaboración de censos empresariais e asesoramento/orientación sobre a busca de traballo)

- Programa de Prevención e Consumo de Drogas, que inclúe a prestación dos servizos de información, orientación e asesoramento nesta problemática.

- Programa de asesoramento xurídico, dirixido especialmente a inmigrantes e inmigrantes retornados.

- Programa de Educación Temperá (que inclúe actuacións para mellorar o desenvolvemento cognitivo, afectivo e de linguaxe de nenos de 0 a 6 anos e rapaces con discapacidade)

- Programa de Apoio á Persoa, que inclúe asistencia e asesoramento a persoas maiores de 60 anos con demanda psicolóxica.

- Programa de Axuda a Domicilio, que beneficia directamente a uns setenta veciños e veciñas de Frades, Oroso e Ordes.

Integración de inmigrantes
Así mesmo, o pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes recibiu tamén confirmación da concesión dunha axuda de 2.666 euros da Secretaría Xeral de Emigración para o programa de integración de inmigrantes e emigrantes retornados, que leva funcionando con éxito na comarca ordense os últimos tres anos. Unha axuda moi alonxada dos 15.000 euros recibidos nas anualidades anteriores, polo que os alcaldes da comarca de Ordes acordaron unanimemente solicitarlle á Secretaría Xeral de Emigración unha revisión do expediente ou a sinatura dun convenio de colaboración para poder manter este importante servizo nunha comarca que conta cun censo de máis de 1.150 estranxeiros de case medio cento de nacionalidades distintas.

A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asistiron asistiron cinco alcaldes da comarca de Ordes: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso) e Xosé Dafonte Varela (Trazo); así como o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Manuel Astray Mariño. O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, excusou a última hora a súa presenza por motivos de traballo.

Foto: Momento do pleno da Mancomunidade de Ordes de hoxe.

*

Deu comenzo en Beán ás xornadas formativas de educación para a sostibilidade

Mañá celebraranse as charlas en Poulo e Parada, e o xoves no Centro Comarcal e na Escola Pública de Montaos

O Concello de Ordes deu comenzo esta mañá a unha serie de xornadas de educación para a sostibilidade dirixidas aos veciños e veciñas do municipio. Unhas xornadas organizadas dende a concellería de Medio Ambiente, en colaboración coa concellería de Obras e Urbanismo e co financiamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

Os primeiros en participar nestas xornadas, que están enmarcadas no programa de educación para a sostibilidade vinculado ao PXOM, foron os veciños de Beán que esta mañá foron partícipes da primeira das charlas informativas na que participou o edil de Medio Ambiente, Xesús Pedreira.

De cara ás próximas citas programadas polas parroquias, mañá mércores terán lugar as charlas no Centro Social de Poulo ás 10:00 horas e ás 16:00 horas na escola pública de Parada. Xa para o xoves día 11 de novembro, realizaranse ás 10:00 horas no Centro Comarcal de Ordes e ás 16:00 horas na Escola Pública de Santa Cruz de Montaos.

Recollida de propostas para o PXOM 
Os departamentos de Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Ordes tamén celebrarán unha xornada de recollida de propostas para o PXOM na casa consistorial de Ordes o vindeiro venres 12 de novembro durante todo o día. Con esta iniciativa outórgase un novo medio de expresión aos veciños, facilitando a entrega das súas propostas para ser consideradas no plan de ordenación.
Outra das actividades incluidas dentro deste programa consistirá, o sábado 13 de novembro, ás 10:00 horas, na realización de itinerarios guiados para mostrar os distintos tipos de uso do solo no municipio, como o rústico, urbano ou de especial protección.

Por último, o 15 de novembro, ás 17:00 horas, terá lugar unha mesa redonda no Centro Comarcal de Ordes, co fin de resolver dúbidas que quedaron pendentes nas anteriores xornadas formativas.

As frases de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
“O programa contempla a posta en marcha de foros de debate para fomentar a participación dos asistentes, animando á poboación a xerar distintas propostas que se terán en conta á hora da revisión do planeamento, beneficiando así tanto ás persoas que os leven a cabo como ao Concello de Ordes"

"As xornadas fan fincapé en determinados puntos como o medio natural, a xestión do territorio, mobilidade sustentable, urbanismo e paisaxe, xestión integral da auga ou actividades que provoquen impacto ambiental no territorio”.

*

En marcha o curso sobre mobilización de pacientes dirixido aos coidadores

As clases, que deron comenzo onte, prolongaranse ata o 15 de novembro no Centro Comarcal

O Concello de Ordes deu onte por inaugurado un curso que leva por título Mobilización de Pacientes e Prevención de Lesións. Trátase dun curso no que se prestará especial atención aos principais riscos posturais e ergonómicos aos que están expostos os coidadores que se encargan da mobilización de enfermos ou persoas con dificultades motoras, así como nos consellos preventivos que axudarán a evitar os trastornos músculo-esqueléticos ligados á mesma.


As clases, que deron comenzo onte pola tarde e nas que participan unha vintena de ordenses, prolongaranse ata o próximo 15 de novembro, tendo lugar de 16:00 a 19:30 horas no Centro Comarcal de Ordes.

Foto: Momento do curso coa presenza do concelleiro de Sanidade de Ordes, Xesús Pedreira.
 
*

Sábado de magosto na Alameda!

Haberá castañas gratis para todos e gaitas de Os Viqueiras

O Concello de Ordes organiza o próximo sábado día 13 de novembro o tradicional magosto popular para veciños e visitantes do municipio. Un magosto que dará comenzo a partir das 17:00 horas e que terá lugar na Alameda de Ordes. Non faltará a diversión nin tampouco a boa música que terá como protagonista á Asociación Grupo de Gaitas Os Viqueiras.

A frase de José Ramón Váquez Raña, concelleiro de Cultura e Deportes de Ordes
“Animo tanto a veciños e veciñas como a visitantes do municipio a que se sumen a esta iniciativa que ademais de servir de entretemento para todos, conmemorará unha das festas gastronómicas máis típicas desta época do ano, o magosto, con castañas para todos e música para disfrutar da xornada”

*

lunes, 8 de noviembre de 2010

De caminata polos roteiros ordenses

Unha vintena de veciños participaron nunha xornada de sendeirismo por San Paio e Outeiro

Unha vintena de ordenses participaron o pasado sábado na primeira das camiñatas organizadas a través do programa Voluntariado Verde polos roteiros do municipio que terán lugar os sábados de novembro.

Nesta ocasión a andaina fíxose polo roteiro de San Paio e Outeiro, recentemente inaugurado e que pasa polas parroquias de Buscás e Poulo. De cara a próximas citas os sábados día 13 e día 27 de novembro realizarase o roteiro do río Mercurín, e o día 20 repetirase o de San Paio e Outeiro.

Todas aquelas persoas interesadas en participar poden facelo de forma totalmente gratuíta debendo inscribirse antes do xoves anterior á celebración de cada roteiro no departamento de Medio Ambiente do Concello de Ordes, chamando ao teléfono 981 680002.

*

Tes algo que aportar ao PXOM de Ordes? Faino agora

Ordes acolle unhas xornadas formativas nas que haberá sesións formativas, recollida de propostas veciñais  para o PXOM e itinerarios guiados para coñecer os tipos de uso de solos do municipio

Para máis información chamar ao Departamento de Medio Ambiente do Concello (981 680002)

O Concello de Ordes organiza dende a súa Concellería de Medio Ambiente, en colaboración coa Concellería de Obras e Urbanismo e co financiamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, unha serie de xornadas de educación para a sostibilidade.

Estas actividades, que comezan o martes día 9 de novembro na Casa Rectoral da parroquia de Beán ás 10 horas e continúan ás 16 horas no recinto feiral do Mesón do Vento, están enmarcadas no programa de educación para a sostibilidade vinculado ao PXOM.

As xornadas formativas continuarán ao longo do mes de novembro en Ordes: o 10 de novembro, ás 10 horas no Centro Social de Poulo e ás 16 horas na escola pública de Parada; o 11 de novembro, ás 10 horas no Centro Comarcal de Ordes e ás 16 horas na Escola Pública de Santa Cruz de Montaos.

Novo medio de expresión dos veciños
Os departamentos de Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Ordes tamén celebrarán unha xornada de recollida de propostas para o PXOM na casa consistorial de Ordes o vindeiro 12 de novembro durante todo o día. Con esta iniciativa outórgase un novo medio de expresión aos veciños, facilitando a entrega das súas propostas para ser consideradas no plan de ordenación.

O sábado 13 de novembro, ás 10 horas, realizaranse itinerarios guiados para mostrar os distintos tipos de uso do solo como o rústico, urbano ou de especial protección, dentro do concello. Ademais, o 15 de novembro, ás 17 horas, terá lugar unha mesa redonda no Centro Comarcal de Ordes, co fin de resolver dúbidas que quedaron pendentes nas anteriores xornadas formativas.

As frases de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
“O programa contempla a posta en marcha de foros de debate para fomentar a participación dos asistentes, animando á poboación a xerar distintas propostas que se terán en conta á hora da revisión do planeamento, beneficiando así tanto ás persoas que os leven a cabo como ao Concello de Ordes"
 
"As presentes xornadas farán fincapé en determinados puntos como o medio natural, a xestión do territorio, mobilidade sustentable, urbanismo e paisaxe, xestión integral da auga ou actividades que provoquen impacto ambiental no territorio”

*

martes, 2 de noviembre de 2010

Ofrenda floral ante o cabaleiro laureado de Ordes

O cemiterio acolleu un ano máis a homenaxe ao 'Soldado Lois'

O Concello de Ordes, en colaboración coa Infantería de Marina do Tercio Norte do Arsenal de Ferrol celebrou, un ano máis no municipio, os actos de homenaxe ao Cabaleiro Laureado Manuel Lois García, 'Soldado Lois'.

Os actos, que estiveron presididos polo alcalde, Manuel Regos e o Coronel- Comandante do Tercio Norte, Ramón Piñeiro, deron comenzo coa celebración dunha misa de campaña no cemiterio de Ordes.

Trala misa fíxose unha ofrenda floral ante a tumba do 'Soldado Lois', ao que seguiu un concerto da Banda de Música da Infantería de Marina do Tercio Norte no auditorio da Casa da Cultura ordense.


Centos de veciños participaron na homenaxe
Nos actos participaron, ademais dos membros da Infantería de Marina do Tercio Norte do Arsenal de Ferrol, membros da corporación municipal do Concello de Ordes e da Garda Civil, centos de veciños e veciñas que se quixeron sumar así á homenaxe ao 'Soldado Lois'.

Anteriormente a estes actos, nunha recepción no Concello ás autoridades, o Coronel- Comandante do Tercio Norte quixo destacar a figura deste soldado ordense, así como a súa hazaña a bordo do buque Cruceiro Baleares en 1937 que o levou a ser condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando.

*

domingo, 31 de octubre de 2010

Ordes acollerá un ano máis a homenaxe ao Soldado Lois

Os actos que organiza o Concello en colaboración coa Infantería de Marina do Tercio Norte do Arsenal de Ferrol, terán lugar mañá 1 de novembro

O Concello de Ordes, en colaboración coa Infantería de Marina do Tercio Norte do Arsenal de Ferrol organiza, un ano máis, os actos de homenaxe ao Cabaleiro Laureado D. Manuel Lois García, Soldado Lois, que terán lugar mañá dia 1 de novembro.


Os actos darán comenzo a partir das 11:00 horas cunha Misa no antigo cemiterio de Ordes, para continuar coa tradicional ofrenda floral ante a tumba do Soldado Lois.

Ademais, a partir das 12:00 horas, a Banda de Música da Infantería de Marina do Tercio Norte ofrecerá un concerto e despois celebrarase unha comida de confraternidade.

*

Manuel Fraga da o 'visto bó' á candidatura de Martínez Sanjurjo á alcaldía de Ordes


O senador animou ao candidato ordense a "redobrar esforzos" de cara a acadar unha maioría absoluta que garanta a "gobernabilidade municipal" en Ordes

Os candidatos do Partido Popular ás alcaldías de Ordes, Oroso e Mesía mantiveron esta semana unha reunión co ex Presidente da Xunta de Galicia e actual senador, Manuel Fraga Iribarne, na que este os animou a redobrar esforzos para lograr a maioría absoluta nestes territorios, co obxectivo de garantir a gobernabilidade municipal e mellorar a xestión ofrecida aos veciños.

No encontro tomaron parte o candidato do PPdeG á alcaldía de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; a presidenta local, portavoz municipal e candidata do PPdeG á alcaldía de Oroso, María José Mira; e o candidato do PPdeG á alcaldía de Mesía, Severino Álvarez Monteserín. Asistiu, ademais, un nutrido grupo de dirixentes e militantes do PPdeG destes tres concellos.

"Posibilidades reais de éxito eleitoral"
Tanto Manuel Fraga como os candidatos, coincidiron en valorar as posibilidades reais de éxito eleitoral do PPdeG nos vindeiros comicios municipais. Do mesmo xeito, reiterouse a necesidade de desenvolver un traballo constante para ilusionar á maioría dos electores, partindo de plantexamentos baseados na seriedade, o rigor e a oferta dun programa electoral crible, coherente e acaído ás necesidades dos habitantes de cada un dos concellos.

Foto: De esquerda a dereita, María José Mira, candidata en Oroso; Manuel Fraga Iribarne; Severino Álvarez Monteserín, candidato en Mesía; e José Luis Martínez Sanjurjo, candidato en Ordes.
*

Voluntariado Verde convídanos a percorrer con eles os roteiros de Ordes

Terán lugar os sábados de novembro en horario de mañá

O Concello de Ordes, dende o programa de Voluntariado Verde organiza para este outono un ciclo de camiñatas polos distintos roteiros da vila que os seus voluntarios estiveron sinalizando e acondicionando este verán. Os percorridos levaranse a cabo tódolos sábados de novembro en horario de mañá.
Todos aquelas persoas interesadas en participar poden facelo de forma totalmente gratuíta chamando ó número de teléfono do concello 981 680002, no Departamento de Medio Ambiente.

A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
"O noso Concello conta cun número crecente de roteiros e sendas adaptadas e habilitadas para a práctica de sendeirismo na natureza para tódalas franxas de idade. Contando con estes recursos, resulta de grande interese fomentar uns hábitos de vida máis dinámicos coidando ó mesmo tempo destas rutas por medio do emprego constante"

*

A comisión para a violencia de xénero xa comezou a traballar

Participan representantes do Concello, Corpos e Forzas de Seguridade, xulgados, centro de saúde, CIM,  servizos sociais e Subdelegación do Goberno

O Concello de Ordes, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, pon en marcha novos mecanismos para consolidar o Protocolo de Actuación para a Atención Integral a Vítimas de Violencia de Xénero, elaborado no ano 2008 entre diferentes organismos.

Así, esta semana celebrábase unha reunión na Casa do Concello de Ordes, na que estiveron presentes o alcalde, Manuel Regos, o concelleiro de Servizos Sociais e Terceira Idade, José Manuel Tobío, e representantes de diferentes institucións implicadas no protocolo como corpos e forzas de seguridade, xulgados, centro de saúde, servizos sociais, o Centro de Información á Muller do Concello de Ordes e a Subdelegación do Goberno. Unha reunión na que se tratou o tema específico da atención ás mulleres inmigrantes vítimas de violencia de xénero e a trata de persoas con fins de explotación sexual, así como se acordou a creación dunha comisión para a violencia de xénero.

Esta comisión, que se reunirá de maneira trimestral, constará ademais de diferentes grupos de traballo que estarán compostos por representantes dos diferentes organismos dependendo da temática a tratar en cada momento.

Xornada formativa no centro comarcal
Por outra banda, e como complemento e reforzo a esta actividade e ao protocolo, o pasado venres  celebrouse no Centro Comarcal de Ordes unha xornada formativa que estivo dirixida ao personal das institucións implicadas, co fin de que coñeceran todas as novidades e información acerca desta problemática, centrándose sobre todo, nas mulleres inmigrantes vítimas de violencia de xénero e a trata de persoas con fins de explotación sexual.

Outra das actuacións que completarán este conxunto de iniciativas, será a elaboración de dípticos, dirixidos especialmente a mulleres inmigrantes vítimas de violencia de xénero. Uns dípticos que se editarán en varios idiomas, castelán, inglés, francés e árabe, e nos que se recollerán diferentes cuestións como o que é a violencia de xénero, tipos de maltrato, a onde se pode acudir no caso de ser unha vítima, dereitos e axudas das que se dispón como vítima e outras cuestións de especial interese para estas mulleres.

A frase de Xosé Manuel Tobío, concelleiro de Servizos Sociais e Terceira Idade de Ordes
“Esperamos que o esforzo compartido dos organismos públicos na loita contra a violencia de xénero e a atención ás vítimas contribúa, na medida do posible, a diminuir esta lacra social”

Foto: Reunión da comisión para a violencia de xénero do Concello de Ordes esta semana na Casa do Concello.

*

sábado, 30 de octubre de 2010

Ardemil acolle este sábado a celebración da I Festa da Esfolla

Os asistentes poderán participar na esfolla do maínzo a partir das 11 da mañá, e disfrutar de música, actuacións especiais e degustación gratuíta de callos e churrasco durante o xantar

A parroquia de Ardemil será a encargada de poñer este sábado o tinte festivo ao municipio. Así, a xornada acollerá a celebración da I Festa da Esfolla, organizada por un grupo de veciños.

A partir da mañá darase o pistoletazo de saída ás actividades programadas con motivo desta festa. Unhas actividades que terán lugar nunha nave ubicada no lugar da Cruz, (enfrente ao Bar Porto, aproximadamente a 2 km. da N-550), onde a partir das 11 horas terá lugar a esfolla do maínzo, actividade tan tradicional e habitual no agro galego, e na que, tal e como explicaron dende a organización, poderá participar todo aquel que visite a festa e estea interesado.

Pero non só haberá traballo nesta festa, e a partir das 14:00 horas a música será a protagonista coa celebración da sesión vermú que correrá a cargo da orquestra Estrella Mar, agrupación que será tamén a que porá a nota musical na verbena nocturna. Como boa festa que se precie tampouco faltará a boa gastronomía, e á hora do xantar haberá callos e churrasco gratuítos para todo aquel que queira.

Dende a organización, animan tanto a veciños como a visitantes do municipio a que se acheguen este sábado a Ardemil para disfrutar dunha xornada adicada á tradición, podendo disfrutar ademais da boa música e a gastronomía.

*

miércoles, 27 de octubre de 2010

Éxito dunha nova edición das Xornadas Micolóxicas


Foron organizadas pola Asociación Cultural Tarandeira

Pedreira: “O coñecemento micolóxico contribúe directamente a que se mellore a xestión dos nosos montes"

O Concello de Ordes colaborou un ano máis nas Xornadas Micolóxicas, celebradas a pasada fin de semana, e que estiveron organizadas pola Asociación Cultural Tarandeira. Estas xornadas, que celebraron a súa séptima edición, constaron como ven sendo habitual, dun gran compoñente práctico e dinámico, nas que ademais da base teórica, realizáronse prácticas de recoñecemento de especies no transcurso das saídas ao monte. Este ano a charla introductoria á micoloxía correu a cargo do biólogo Martín Souto.

O principal obxectivo desta proposta é ensinar aos participantes cales son as principais especies de cogumelos que medran no monte e conciencialos da importancia do aproveitamento sostible da productividade micolóxica.

A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente de Ordes
“O coñecemento micolóxico contribúe directamente a que se mellore a xestión dos nosos montes, xa que o propietario afeccionado e concienciado procura a realización das correctas técnicas silvícolas (podas, rozas do mato e limpeza do soutobosque, plantación de árbores micorrizados,...) para desfrutar deste recurso".

*

A Escola de Mercurín acollerá o venres unha reunión cos propietarios da parcelaria Mercurín- Lesta II

Nela darase información sobre o proxecto das novas fincas de reemprazo e entregaranse as fichas de atribucións de cada propietario

A Escola de Mercurín acollerá o próximo venres 29 de outubro a partir das 10:00 horas unha reunión convocada pola Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural dirixida aos propietarios da zona de concentración parcelaria de Mercurín- Lesta II.

O obxectivo da reunión é informar aos propietarios sobre o proxecto das novas fincas de reemprazo e ademais, procederase á entrega das fichas de atribucións de cada propietario. Tras esta reunión, está previsto que os planos da concentración parcelaria estean expostos na Escola de Mercurín e no centro social de Lesta.

Xa o pasado luns o Concello de Ordes acolleu a celebración do pleno da Xunta local desta concentración parcelaria, no que se tratou o informe do proxecto de camiños e o informe do proxecto da concentración.

Esta concentración parcelaria conta con preto de 800 propietarios.

O pleno da por zanxada a polémica da escola infantil ao non existir nin unha soa queixa formal

Silvia Marín remite a situación a rencillas persoais do cociñeiro coa empresa

O Concello solicitará á Xunt que non suspenda o servizo do Noitebús

O pleno do Concello de Ordes reuniuse na mañá de onte para celebrar a sesión ordinaria do mes de outubro. Un debate no que, entre outras cuestións, tratouse e deuse por zanxado o tema do servizo de comedor na escola infantil municipal.

A concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín, ante unha moción do BNG e preguntas do PP quixo aclarar diferentes cuestións ante as acusacións aparecidas estes días nos medios de comunicación relativas a un mal servizo no comedor do centro, e que asegurou só responden a que se queira sacar algún tipo de rendemento político ao respecto, “en política non debe valer todo e este tema está por riba de todo isto dada a importancia que ten”.

Pola súa banda, o portavoz nacionalista Gonzalo Castro criticou “que o alcalde e o PP apoiasen a privatización dun servizo público esencial, como é a escola infantil, co argumento de que as arcas municipais non podían asumir o seu custo de 90.000 euros anuais, mentres se está destragando millóns de euros de diñeiro público en obras faraónicas e non prioritarias”.

Así, a edila ordense quixo deixar claras unha serie de cuestións e insistiu en que se trata de rencillas persoais do cociñeiro coa empresa ao negarse este a facer unha serie de funcións que tiña que levar a cabo por convenio, cuestión polo que a empresa prescindiu do seu servizo.

O rexistro do Concello non recibiu nin unha soa queixa
Marín quixo ademais deixar claro que no Concello non existe ningunha queixa do actual servizo de comedor, e incluso leu un escrito da representante dos pais e nais da Escola Infantil no que esta asegura non ter recibido tampouco ningunha queixa, queixas das que tampouco hai coñecemento por parte da empresa concesionaria do servizo.

Por outra banda insistiu en que os menús que se proporcionan no comedor do centro seguen a estar avalados polos “menús saudables” da Xunta de Galicia e supervisados ademais por unha nutricionista.

Aclarou ademais a concelleira que foi a propia empresa concesionaria do servizo a que, ó día seguinte de aparecer esta problemática nos medios de comunicación, solicitou voluntariamente a realización dunha auditoría da escola á Consellería de Sanidade co fin de aclarar e dar tranquilidade ás familias ao respecto deste tema. Unha tranquilidade que ademais xa lle foi transmitida onte ás familias nunha reunión convocada pola concelleira, á que acudiron 58 familias, e na que tampouco se recibiu ningunha queixa en relación a este servizo.

Finalmente Silvia Marín insistiu en que aínda que hai unha concesión a unha empresa, a titularidade da escola segue sendo municipal, e “a nosa función é velar polo bo funcionamento da mesma e polos intereses dos nenos e nenas e as súas familias, función que estamos e seguiremos a desempeñar”.

POS 2011
Por outra banda o pleno ordense tamén aprobou as obras a incluir no POS 2011 que consistirán no saneamento e abastecemento da rúa da Canteira, a 1ª fase de saneamento e abastecemento da Rúa Laranxal e Rúa do Piñeiro e a 1ª fase das beirarrúas no Casal.

Ante este punto o BNG presentou unha enmenda solicitando que se substituísen esas obras polas de ampliación da Rolda Leste ata Cano de Leira. Unha cuestión que non foi aprobada polo grupo de goberno, e que motivou as criticas dos nacionalistas que consideraban esta obra fundamental “para evitar o caos circulatorio e a inseguridade vial que se xenerará no Polígono”, segundo manifestou o concelleiro do BNG Ramiro Recouso.

O pleno do Concello de Ordes tamén aprobou esta mañá a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras correspondentes ao Imposto de Bens Inmobles, o Imposto de Actividades Económicas, o Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, o Imposto de Construccións, Instalacións e Obras, a taxa pola recollida de lixo e a taxa por suministro de auga e sumidoiros, que se incrementarán en relación á suba do IPC.

Ante as críticas da oposición, o alcalde, Manuel Regos, insistiu en que o incremento é baixo e se trata dunha cuestión necesaria, estando todavía Ordes por debaixo da media a nivel nacional nesta cuestión.

Decreto do Carbón
Por outra banda, aprobouse por unanimidade unha moción proposta polo grupo de goberno en relación ao decreto do carbón, tal e como se comprometera o alcalde Manuel Regos, o pasado mércores cos representantes do comité de empresa de Meirama que visitaron o Concello.

Gonzalo Castro salientou que “desde o BNG lamentamos o dobre discurso que empregan o PP e o PSOE, que din defender unha cousa en Galiza, mentres votan en contra dunha iniciativa presentada polo BNG no Congreso dos Deputados en defensa dos postos de traballo das centrais galegas”.

O concelleiro de Comercio e Industria do Concello de Ordes, José Manuel Tobío, que foi o encargado de expoñer esta moción ao resto da Corporación, mostrou a súa satisfacción porque finalmente se aprobase por unanimidade, destacando a importancia de ir todos xuntos nesta cuestión. A través desta moción o pleno do Concello de Ordes propón o mantemento do emprego directo nas instalacións termoeléctricas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nos ciclos combinados radicados en Galicia; o mantemento da industria auxiliar dependente de ditas instalacións; o mantemento do nivel de actividade e competitividade necesario das instalacións co fin de darlle robustez e fiabilidade ao sistema eléctrico español; que se teñan en conta as peculiaridades da Comunidade Autónoma galega e as repercusións socioeconómicas negativas que a entrada en vigor do Real Decreto 134/2010 terían para As Pontes, Cerceda e as súas comarcas; e que se compense ás respectivas empresas por dispoñibilidade garantindo un mínimo de horas anuais co fin de manter o emprego e a actividade económica.

Tamén que se inste ao Ministerio de Industria para que reciba aos representantes dos Comités de Empresa das Centrais Térmicas de Meirama e de As Pontes; instar ao goberno galego a que solicite ao goberno do Estado a modificación dos contidos básicos do Decreto do Carbón, aos efectos de adaptalo ao desenvolvemento dunha estratexia enerxética, económica e medioambiental sostible e ás especificidades das distintas comarcas mineiras, tendo en conta a singularidade das comarcas galegas; e por último, dar traslado deste acordo ao Ministro de Industria e ao presidente da Xunta de Galicia.

Por último, o pleno ordense aprobou tamén dúas mocións presentadas polo BNG, unha na que se solicita á Xunta que non se suprima o servizo de Noitebús, e outra relativa á defensa da sanidade pública.
Castro manifestou que “o servizo de Noitebús resultante sumamente importante, ao facilitar o desprazamento dos xóvenes durante á fin de semana aos lugares de ocio, como é o caso do concello de Ordes, evitando siniestros e víctimas mortais en accidentes de tráfico”.  

*

martes, 26 de octubre de 2010

Orde do día do pleno municipal de mañá martes 27 de outubro de 2010

Importante conferencia para coñecer e evitar o derrame cerebral

O 29 de outubro o salón de actos do Museo do Traxe Juanjo Liñares acollerá unha nova charla dos Venres Saudables

O vindeiro venres 29 de outubro de 2010, coincidindo co Día Mundial do Ictus, terá lugar a primeira destas charlas sobre o "Coidado a persoas con derrame cerebral" no auditorio do Museo do Traxe Juanjo Liñares ás 20:30 horas, charla que correrá a cargo de Xesús Caamaño Caramés, enfermeiro de neuroloxía do C.H.U.S. e profesor asociado á Escola Universitaria de Enfermería.

Dentro desta nova etapa de Venres Saudables impartirase un ciclo de conferencias que teñen como obxectivos principais detectar grupos de poboación vulnerables e valorar críticamente situacións e conductas de risco para a saúde, decidindo os medios persoais máis axeitados para evitalas.

Curso para coidado de enfermos crónicos
Por outra banda o Concello de Ordes organiza un "curso de atención psicosocial a enfermos crónicos" do 22 ao 29 de novembro no Centro Comarcal de Ordes en horario de tarde, de 16.00 a 19.30 horas, de luns a venres.

Este curso está adaptado para a poboación xeral sen experiencia/coñecementos previos do tema, para coidadores informais que poidan aplicar os contidos no seu coidado diario e para persoas que desexen aplicar os contidos de xeito profesional (traballadores de centros de día, centros residenciais...)

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse no Departamento de Sanidade e Medio Ambiente, no 2º andar do Concello ata completar as 20 prazas ofertadas. Terán preferencia aquelas persoas que teñan ao seu coidado algún enfermo crónico.

Podes coñecer máis desta enfermidade a través deste video da Sociedade Española de Neuroloxía:



A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Sanidade de Ordes
"Trátase dun novo ciclo de charlas onde ademais de informar á poboación sobre temas de interese con respecto á saúde tamén se ofrece un foro de participación onde resolver dúbidas ou intercambiar experiencias"

*

"O Concello de Ordes non existe para o PP"

Ana Pontón e Gonzalo Castro, esta mañá en rolda de prensa informativa.
Así o denunciou esta mañá  Gonzalo Castro ate os medios de comunicación

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, e a deputada nacionalista Ana Pontón, compareceron esta mañá ate os medios de comunicación en Santiago de Compostela para denunciar a situación de Ordes nos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio 2011. Castro afirmou que “o Concello de Ordes non existe para o Goberno do PP, ao quedar excluído dos Orzamentos da Xunta de Galiza.”


Gonzalo Castro lembrou que “no tocante aos servizos sociais non se atende a vella demanda dun Centro de Día para o noso Concello, un concello onde preto de 3.000 veciños superan os 65 anos”. En canto ás infraestruturas salientou que “o goberno do PP volve a esquecerse da execución das obras de mellora e ampliación da estrada Ordes-Cerceda, unha obra que acumula un elevado retraso”. Por outra banda, o nacionalista destacou a “importancia que tería para Ordes que se contemplase a ampliación da Ronda Leste, para dotala dunha saída alternativa á do Polígono Industrial e evitar o caos circulatorio e a inseguridade vial que se xenerará nese punto”.

Concentracións parcelarias
Finalmente Gonzalo Castro salientou o esquecemento dun sector agrogandeiro, “un sector produtivo estratéxico para o noso Concello”, neste sentido lembrou que “a Xunta non dotou as partidas necesarias para impulsar o remate das concentracións parcelarias que se atopan abertas en Ordes”.

Pola súa banda, a deputada Ana Pontón denunciou que estes son uns orzamentos sen estratexia para saír da crise e que non atenden ao principal problema dos galegos e galegas que é o paro senón máis ben todo o contrario, xa que prevén un incremento do número de persoas desempregadas en Galicia no 2011. Isto segundo Pontón, “é a evidencia máis palpable do fracaso de Núñez Feijoo para facerlle fronte á crise económica” ao que engadiu: “Lembrámoslle que el se presentou ás eleccións co compromiso de rematar coa crise en 45 días e desde que chegou o único que temos é o agravamento da crise e o empeoramento do emprego dos galegos e galegas”.

Destacou tamén a deputada que estamos a asistir a un recorte moi grave das políticas sociais algo que queda claro neste orzamentos xa que contempla 476 millóns menos de euros neste eido que terán como resultado o deterioro de servizos públicos clave como o ensino e a sanidade.

*

O Concello acolleu esta mañá o pleno da Xunta Local da parcelaria Mercurín- Lesta II

O próximo día 29 repartiranse os boletíns e a disposición de planos da concentración na Escola de Mercurín

O Concello acolleu esta mañá a celebración do pleno da Xunta local da concentración parcelaria da zona Mercurín- Lesta II, no que se tratou o informe do proxecto de camiños e o informe do proxecto da concentración parcelaria. Trala reunión, anunciouse que o próximo día 29 levarase a cabo o reparto de boletíns e a disposición de planos na Escola de Mercurín.

Ademais os planos desta concentración parcelaria estarán expostos na Escola de Mercurín e no centro social de Lesta. Aproximadamente unha semana despois do reparto dos boletíns, os técnicos acudirán tanto a Mercurín como a Lesta para informar do estudio de adxudicación.

Alegacións, por rexistro
En canto ás alegacións, deberanse realizar por rexistro, ben no Concello ou nas oficinas administrativas da Xunta en Ordes, ou ben na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural en A Coruña.

Esta concentración parcelaria conta con preto de 800 propietarios.

*

O Samaín chega a biblioteca municipal


Terá lugar o próximo venres día 29 de outubro a partir das 17 horas

Ollo ao novo horario do recinto: de 08:30 a 14:30 e 15:30 a 20:00 h. e sábados de 10:00 a 14:00 h.  

Un ano máis, a Biblioteca Municipal do Concello de Ordes ten todo preparado para celebrar unha xornada adicada aos máis pequenos da casa con motivo da celebración do Samaín.

Esta actividade terá lugar o próximo venres 29 de outubro a partir das 17:00 horas nas instalacións da biblioteca. Durante a tarde, os nenos e nenas participantes e os seus pais ou acompañantes, poderán participar en diferentes talleres de manualidades coa decoración de calabazas e outros adornos típicos desta época do ano.

Ademais tamén haberá unha exposición de fondos relativos á temática escollida como protagonista para esta xornada, e se aproveitará a ocasión para presentar a todos os participantes as novedades en literatura infantil coas que conta o centro para esta nova tempada.

Con esta iniciativa, tal e como explicaron dende a biblioteca, ademais de conmemorar unha festividade como é o Samaín, contribúese tamén ao fomento da lectura facendo que os máis pequenos da casa teñan un contacto directo cos libros, convertíndoos nun elemento familiar para eles, ademais de fomentar tamén as actividades entre pais e fillos ao tratarse dunha actividade na que poderán participar tanto uns coma outros.

Sesión de contacontos
Por outra banda, a Biblioteca Municipal do Concello de Ordes, prepara outra serie de actividades para o curso. Así e de cara a principios do mes de novembro, (a data todavía está por confirmar), está previsto que se celebre unha sesión de contacontos que contará coa participación dun personaxe moi coñecido xa polos pequenos e pequenas ordenses.

Todo este conxunto de actividades que leva a cabo durante o curso a biblioteca ordense, así como o gran fondo bibliográfico co que conta, fan que se teña convertido nun dos centros máis importantes de toda a comarca. Concretamente, conta con máis de 15.000 exemplares, ao que se suma tamén material audiovisual, e máis dun milleiro de socios.

Novo horario
A Biblioteca Municipal do Concello de Ordes cambiará o seu horario de apertura a partir da próxima semana. Así o novo horario será o seguinte, de luns a venres estará aberta de 08:30 a 14: 30 horas e de 15:30 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.

*

domingo, 24 de octubre de 2010

O Concello organiza un curso para desempregadas de atención a persoas dependentes

As inscricións para o curso, que dará comenzo o próximo 27 de outubro, deberán realizarse no Centro de Información á Muller de Ordes

O Concello de Ordes organiza un curso de atención a persoas dependentes, un curso dirixido a mulleres desempregadas e que está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

As clases darán comenzo o próximo mércores 27 de outubro e prolongaranse ata o 13 de novembro, sendo o horario das mesmas de luns a sábados de 08:00 a 15:00 horas.

Todas aquelas mulleres que estean interesadas en participar deberán realizar a súa inscrición e poderán recibir máis información no Centro de Información á Muller de Ordes (CIM Ordes), situado na planta baixa da Casa do Concello.

*