viernes, 17 de febrero de 2012

Os socialistas de Ordes exísenlle á Deputación o inicio "de inmediato" das obras no Recreo

A rúa do Recreo ao seu paso polo parque municipal infantil Félix Rodríguez de la Fuente.

Xesús Pedreira denuncia o "pésimo estado" de conservación desta travesía, "cun sinfín de socavóns que dificultan o tránsito dos vehículos”

O Partido Socialista de Ordes esixiu hoxe o "inicio inmediato" das obras de mellora na rúa do Recreo e nos 1,8 primeiros quilómetros da travesía DP-5903, paralizadas pola Deputación da Coruña dende outubro de 2010. O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, explica que “esta importante travesía ordense está nun pésimo estado de conservación, cun sinfín de socavóns que dificultan o tránsito dos vehículos e cun abandono evidente no seu mantemento, que en moitas ocasións tivo que asumir o propio Concello de Ordes”.

O voceiro socialista presentará unha moción no pleno municipal do vindeiro 23 de febreiro para que se esixa á Deputación da Coruña que se inicien as obras nesta travesía da DP-5903 de Ordes a Portodemouros por Pontechonia, dende o quilómetro cero ata o quilómetro 1,8. Pedreira insiste na importancia de acometer estas obras “o máis pronto posible, xa que non hai excusa ningunha para que esta importante obra para os veciños estivese xa executada, ademais do aforro económico que suporá para o Concello de Ordes, que non terá que seguir asumindo parte do mantemento”.

Xestións 2008-2010
As xestións para o arranxo desta importante travesía urbán de Ordes vén xa de moi lonxe, concretamente de febreiro de 2008, data na que o responsable de Obras da Deputación visitaba a vila de Ordes para comprobar o estado da rúa do Recreo. Finalmente, en xuño de 2009 a Deputación comunicaba ao Concello a inclusión desta obra na terceira fase do Plan de Travesías 2009, por un importe de 429.406 euros, se ben a propia Deputación a pospuxo para unha ulterior aprobación aducindo que non existía crédito axeitado e suficiente. 


Finalmente, en outubro de 2010 foi contratada e adxudicada a obra á empresa Leonardo Miguélez, aínda que foi por un importe moito menor (167.633,02 euros), xa que só inclúe o levantado, reposición e pintado do firme desta travesía.

Ademais desta iniciativa plenaria, Antonio Leira, coordinador comarcal do PSdeG-PSOE e deputado provincial, comprometeus a trasladar tamén as inquietudes dos veciños e veciñas de Ordes á Deputación Provincial, esixindo o inicio inmediato dunhas obras polas que levan case catro anos agardando.

Xesús Pedreira Mirás.
Seguridade en Buscás
O concelleiro socialista tamén solicitará no pleno municipal que se comunique á Garda Civil de Tráfico e á Policía Municipal os riscos para a seguridade viaria que supoñen os camións que aparcan no desvío que vai cara a parroquia de Buscás. Así, na estrada AC-524 existe unha vía de entrada que comunica o último tramo da rolda leste coa estrada que vai cara Buscás. 


Xesús Pedreira explica que “este vial está en moitas ocasións ocupado por camións e trailers que entorpecen a circulación e incluso poden producir accidentes, polo que entendemos que as autoridades deben ter notificación deste risco para a seguridade viaria”. Así mesmo, Pedreira pedirá tamén o arranxo dunha pista en Gouzón (Leira), que se atopa en tan malas condicións que dificulta o acceso tanto do camión de recollida do lixo como dos veciños da zona.

*