miércoles, 22 de febrero de 2012

O PP de Ordes proporá incluir o polígono de Pardiñas no plan sectorial de áreas empresariais de Galicia

Os populares defenderán mañá unha moción no Pleno de mañá para que o Concello se apresure a formular unha alegación  antes do 5 de marzo

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes proporá no Pleno do mañá que o Concello formule unha alegación para incluir o denominado polígono de Pardiñas no  plan sectorial de ordenación das áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia.

A proposta do PP xurde logo de constatar que o Concello de Ordes, a xuízo dos populares, se esqueceu de solicitar á Xunta a inclusión do polígono de Pardiñas na programación plurianual de solo empresarial de Galicia, que o Goberno galego someteu a exposición pública para que os interesados podan formular alegacións antes do vindeiro 5 de marzo.

O denominado polígono de Pardiñas é unha supeficie de 1,6 km2 situada ao carón do acceso á autoestrada do Atlántico, contemplada como solo urbanizable de uso industrial na recente modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal, e cualificada como solo urbanizable delimimitado no avance do PXOM exposto en datas recentes.

Para o voceiro municipal do Partido Popular, José Luis Martínez Sanjurjo, resulta incomprensible que o Concello de  Ordes non teña solicitado a inclusión desta superficie na programación plurianual de solo empresarial da Xunta de Galicia, máxime cando o veciño concello de Cerceda presentou, e logrou incluir neste Plan, catro áreas de solo empresarial diferentes.

José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz do PP de Ordes.
Localización estratéxica
O Partido Popular de Ordes entende que o polígono de Pardiñas conta cunha localización estratéxica que lle permitiría competir con outras superficies empresariais, dado que está situado ao carón da autoestrada do Atlántico, preto da A-6, e cerca tamén e con boas comunicacións cos aeroportos da Coruña e Santiago, e cos portos exteriores en execución da Coruña e Ferrol, e equidistante respecto ás cidades da Coruña e Santiago de Compostela.

Martínez Sanjurjo considera fundamental que a Xunta inclúa este polígono empresarial no Plan sectorial de áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia  e entende que con esta medida se contribuiría a crear emprego e fixar poboación no Concello.

Martínez Sanjurjo agarda tamén que esta moción conte co apoio unánime da corporación municipal de Ordes para lograr que o polígono empresarial de Pardiñas sexa realidade no medio prazo.

*