viernes, 24 de febrero de 2012

A corporación municipal, disposta a rescatar á movida de Ordes

Momento do pleno da corporación municipal do Concello de Ordes celebrado onte nos baixos da Alameda.
Tamén se aprobou a cesión do baixo ubicado a carón do centro da terceira idade como local para usos sociais

O festival Brincadeira foi suspendido polo seu alto custo: 500.000 euros en catro anos

A corporación municipal do Concello de Ordes celebrou onte o seu pleno ordinario de mes de febreiro. O encargado de abrila tras a aprobación da acta da sesión anterior foi o voceiro do PSdG-PSOE, Xesús Pedreira. Os socialistas exisiron o inicio das obras de mellora na rúa do Recreo e nos 1,8 quilómetros da travesía DP-5903 de Ordes a Portodemouros, paralizadas pola Deputación da Coruña dende o pasado 2010. A pesares do compromiso da Deputación de incluila na terceira fase do Plan de Travesías 2008 por un importe cercano aos 430.000 euros e de pospoñela ata o 2010 por algo máis de 167.000 euros,  a día de hoxe todavía está sen executar. 

Pedreira tamén destacou a importancia por motivos de seguridade de impedir o estacionamento de vehículos e camións no desvío que vai cara a parroquia de Buscás pola estrada AC-524, concretamente na entrada que comunica o último tramo  da rolda leste coa estrada que vai cara a citada localidade. A proposta foi aprobada por unanimidade se ben Ana Álvarez (CideGa), tildou de "oportunista" a súa presentación xa que “de todos é sabido que esta obra vai comenzar para a vindeiro mes”. A este respecto os populares aseguraron que o motivo de non facelo antes foi debido a un informe técnico que aconsellaba facelo nunha época con máis horas de luz solar e menor risco de xiadas e precipitacións. Outro dos puntos solicitados polos socialistas foi o arranxo dunha pista en Gouzón, na parroquia de Leira, e que entre outros inconvines dificulta o acceso do camión do lixo.

Día da Muller Traballadora
Seguindo coas propostas dos socialistas e en relación da celebración o vindeiro 8 de marzo do Día Internacional da Muller Traballladora, tamén por unanimidade se aprobou a declaración institucional que propón o impulso da igualdade social, da presenza das mulleres no mercado laboral, o apoio das  iniciativas de mulleres emprendedoras e a loita contra a violencia de xénero entre outros aspectos. Neste punto, o grupo municipal do BNG solicitou engadir a dita moción o compromiso por parte do Concello de rexeitar a derogación da Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reproductiva e da interrupción voluntaria do embarazo. A proposta foi aprobada a pesar dos votos en contra de PP e CideGa.

Centro comarcal
O BNG tamén solicitou instarlle á Xunta de Galicia  a cesión do inmoble do centro comarcal para usos sociais e como local de xuventude. A concelleira do BNG, Montserrat Rei, salientou que “as instalacións existentes no centro comarcal levan moito tempo inutilizadas e resultarían moi axeitadas para a dotación dun local social xuvenil amplo e convenientemente equipado, sen apenas custo para as arcas municipais”  Segundo a concelleira, “xa hai un ano que máis de mil sinaturas de pais e nais reclamaban un local para a mocidade en Ordes, mais a día de hoxe segue sen atenderse esta petición”.

A proposta foi finalmente rexeitada polos demáis grupos tal e como se acordara nunha xuntanza recente, debido o desembolso económico que isto suporía para as arcas municipais tal e como indica un informe elaborado polo interventor municipal. Por elo decidiuse utilizar o baixo contiguo ó local da terceira idade para tales uso. A decisión supón, para Rei, “unha falta de sensibilidade total e absoluta coas necesidades dos veciños de Ordes por parte dos partidos da dereita”.

Coas abstencións do grupo de Goberno e a concelleira de CideGa, a negativa do grupo municipal popular,  os nacionalistas tampouco viron prosperar a súa moción en contra da reforma laboral recentemente aprobada polo Goberno central, a cal aseguran que “está feita para contentar ás grandes empresas e que traerá máis inestabilidade ó mercado de traballo, deixando en situación de desigualdade aos traballadores en relación cos empresarios”. Castro salientou que o PP está a gobernar para as grandes empresas e os bancos como o demostra que “mentres sube os impostos saos asalariados, recortar servizos sociais como os da Lei de dependencia, abarata o despido e rebaixa salarios, aproba unha reforma financiera que abre a vía para que os bancos reciban 52.000 millóns de euros”. A este respecto a voceira de UxO, Silvia Marín, xustificou a abstención do seu partido argumentando que “é preciso deixarlle un tempo á nova lei para ver como se desenvolve e se é realmente efectiva”. Gonzalo Castro reincidiu nas críticas manifestando que “a dereita ordense únese para defender á banca e ao poder ecionómico con este recorte de dereitos dos traballadores”.

A movida
A última moción por parte do BNG referiuse á creación dunha mesa de traballo con representantes de cada partido e dos hosteleiros para reactivar o ocio nocturno na vila. Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, defendeu a moción na que se propoñía que se acordase a creación e impulso dunha comisión con participación de todos os grupos políticos con presenza na corporación e dos representantes dos hosteleiros, para aprobar un plan de reactivación do sector do ocio nocturno en Ordes. Castro fixo fincapé no “importante apoio do Concello que precisa este sector, sobre todo no tocante á elaboración de campañas de promoción do ocio nocturno en Ordes, que deben basear a estratexia de captación de visitantes na aposta pola calidade, a diversificación de ofertas de ocio e a programación de eventos”.

A proposta foi aprobada por unanimidade despois de que os nacionalistas aceptaran que foxe a comisión escollida quen especificara as condicións e os tempos nos que se deberían executar ditas medidas adoptadas.  A maioría dos partidos destacaron a importancia de que o sector se manteña unido e que superen as diferencias que hoxe en día os manteñen enfrentados.

O alcalde Manuel Regos aproveitou a ocasión para explicar a polémica das licenzas de tablaos flamencos e cafés concertos que recentemente supuxo a intervención do Valedor do Pobo. Según Regos o Concello concedeu as licencias en base a uns informes técnicos e unha actividade, a cal non se levou a cabo posteriormente. Todo indica a que foron as difencias e disputas entre algúns hosteleiros as que propiciaron a intervención do Valedor do Pobo, saltando por riba da intermediación municipal. Dada a situación, o Concello mantivo recentemente unha xuntanza cos empresarios da zona exisíndolle a regularización das licenzas según a actividade que desenvolvan nun prazo máximo de vinte días. Neste sentido, dende as dependencias municipais estanse a facilitar os trámites e a ofrecer de xeito inmediato o asesoramento requerido.

Polígono de Pardiñas
No que respecta á moción presentada polo grupo municipal popular na que se solicita a inclusión do polígono de Pardiñas no plan sectorial de áreas empresariais de Galicia, ésta foi rexeitada cos votos en contra do grupo de Goberno e PSdG-PSOE. Segundo os populares, esta solicitude foi "esquecida" polo Goberno municipal, e que outros concellos veciños "sí fixeron os deberes e solicitaron en prazo a inclusión das súas previsións de solo empresarial", asegurou o seu portavoz, José Luis Martínez Sanjurjo. "No caso de Cerceda, por exemplo", recoñeceu este, "o seu Concello solicitou e acadou incluir no plan sectorial ata catro áreas diferentes cunha superficie bruta de 2,6 quilómetros cadrados".

O equipo de goberno solicitou a súa retirada debido a que actualmente o equipo técnico do goberno está redactando as alegacións  ao proxecto, cuxo prazo remata a  principios do vindeiro mes. En opinión de Martínez Sanjurjo, “define á perfección cales son as auténticas prioridades do Goberno de Regos e dos que foron os seus aliados”. O popular rematou dicindo que “resulta revelador que o mesmo día que o alcalde admitiu que o Concello gastou en catro anos 500.000 euros no Festival Brincadeira, o Concello mire cara outro lado en lugar de apostar por  consensuar coa oposición o interés xeral de acadar o aval da Xunta para dotar a Ordes dun polígono empresarial que poda contribuir ao desenvolvemento económico da localidade e o seu entorno”. 

O Partido Popular de Ordes entende que o polígono de Pardiñas conta cunha localización estratéxica que lle permitiría competir con outras superficies empresariais, dado que está situado ao carón da Autoestrada do Atlántico (AP-9), preto da A-6, e cerca tamén e con boas comunicacións cos aeroportos de Lavacolla e Alvedro, e cos portos exteriores en execución da Coruña e Ferrol, e equidistante respecto ás cidades da Coruña e Santiago de Compostela.

No apartado de rogos, entre outros Xesús Pedreira solicitou a retirada de restos de material de construcción nun punto da localidade de Guindiboo, así como a instalación dun punto de luz e a mellora dun tubo de desagüe. Tamén a concesión de titularidade pública nos terreos colindantes ó lavadoiro de Framiñán, na zona de Buscás. Todos eles foron tomados en consideración.

Festival Brincadeira
Castro solicitou unha explicación do por qué o Concello de Ordes non albergará este ano a celebración do festival Brincadeira. O portavoz do BNG salientou que “resulta lamentábel que, agora que o Festival Brincadeira conseguiu convertirse nunha referencia a nível estatal, como o atestigua o éxito da súa última edición, que contou cun cartel con grupos de primeiro nível e coa asistencia de perto de 20.000 persoas, das que un tercio eran de fora de Galiza, teña que irse do noso concello pola desidia e a incapacidade de alcalde”.

Dende o equipo de goberno informaron que ó longo dos últimos catro anos o Concello ten contribuido con 500.000 euros para a posta en marcha desta iniciativa e que debido a crise económica este ano a axuda reduciuse nun 70%, motivo polo que a productora Iceberg audiovisual decidiu escoller outro emplazamento. Ante a posibilidade de solicitar unha axuda económica ós sectores máis afectados por esta decisión, Manuel Regos indicou que esa iniciativa debería levala a cabo a productora e non o Concello. 

Respecto á Gala contra o Cancro, Castro acusou ao alcalde de “mentir aos veciños cando reiterou durante anos que a gala saialle gratís ao Concello de Ordes e agora anuncia que non se pode seguir celebrando debido a razóns económicas”. Aínda todo, o Goberno municipal manifestou que espera poder retomar en futuras edicións a celebración destes festivais.


No turno do Partido Popular destacaron os rogos en relación ós picos de tensión no suministro eléctrico da zona da Espinica, a limpeza das gradas no pavillón Castelao II en Ordes e a revisión do apagado do alumeado público por motivos de aforro entre Mesón do Vento e Brea

*