miércoles, 1 de febrero de 2012

Desaconsellan a instalación dun salvaescaleiras no CEIP Castelao

Xesús Pedreira: "A solución pasaría por instalar un ascensor adaptado"

A Agrupación Socialista de Ordes denunciou esta mañá a existencia de dous informes técnicos que desaconsellan por motivos de seguridade a reinstalación do salvaescaleiras do CEIP Castelao, que causou un accidente moi grave en setembro de 2011 e que estivo a piques de costarlle a vida a un alumno do centro. Os documentos aconsellan a instalación dun ascensor adaptado para solventar os problemas de movilidade no centro escolar. Uns informes realizados a instancias do rogo presentado polo concelleiro socialista Xesús Pedreira no pleno municipal celebrado o pasado 26 de xaneiro e que “recollen o sentir da comunidade educativa do CEIP Castelao”.

“Os informes técnicos, elaborados pola arquitecta técnica municipal e por un arquitecto externo, coinciden en sinalar que a solución máis aconsellable dende un punto de vista técnico é a colocación dun ascensor adaptado e a retirada do salvaescaleiras existente por motivos de seguridade”, explica Xesús Pedreira. O concelleiro socialista pídelle á Consellería de Educación que “se non quere escoitar as xustas demandas da comunidade educativa e do Pleno Municipal de Ordes, cando menos faga caso dos informes técnicos desfavorables e obre en consecuencia”.

Xesús Pedreira lembra que a instalación dun ascensor no CEIP Castelao é un proxecto que procede da época do bipartito na Xunta e que conta co apoio tanto do Consello Escolar como dos pais e nais do centro escolar. 

Xesús Pedreira.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro do PSdG-PSOE de Ordes
“Este ascensor podría ser empregado non só polo alumno que sufriu ese desgraciado accidente, senón tamén por calquera alumno que presente algún tipo de diversidade funcional

“Colocar un ascensor solucionaría o problema de maneira real e evitaría malgastar os cartos de todos nun aparato que non vai ser empregado por ninguén, xa que que o único neno que o empregaba non o quere utilizar dado o medo extremo que ten e polas secuelas psicolóxicas que lle quedaron a raíz das lesións que tivo”

*