jueves, 2 de febrero de 2012

Castro aposta polo adianto do horario como unha solución á Movida de Ordes

O portavoz nacionalista tamén busca impulsar unha "marca propia" do noso ocio nocturno

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, anunciou hoxe que o seu grupo presentará unha moción no pleno deste mes de febreiro onde proporán que se“acorde o impulso dunha comisión con participación de todos os grupos políticos con presenza na Corporación e dos representantes dos hosteleiros, para aprobar un plan de reactivación do sector do ocio nocturno en Ordes”.
O portavoz do BNG manifestou que “asistimos a unha situación de crise evidente dun sector que chegou a ter unha grande importancia económica para o noso concello, mais que ainda segue e conservar intacto un gran potencial a explotar”.

Castro salientou que “Ordes atópase práticamente a medio camiño entre A Coruña e Santiago, e posue establecementos de primeiro nível, coa emblemática discoteca LP45 á cabeza, isto constitue un potencial que hai que aproveitar, para iso é necesario modernizar a oferta, reiventarse e facer unha aposta clara pola calidade”.

Para o portavoz do BNG “a comisión que se constitua para aprobar este plan de reactivación da Movida Ordense, estudará as ventaxas comparativas deste sector en Ordes con respecto aos concellos que compiten directamente co noso, poñendo en valor as mesmas, para lograr diferenciar a oferta do ocio nocturno de Ordes, creando unha marca propia, fácilmente diferenciable, da movida ordense”.

Gonzalo Castro fixo fincapé no “importante apoio do Concello que precisa este sector, sobre todo no tocante á elaboración de campañas de promoción do ocio nocturno en Ordes, que deben basear a estratexia de captación de visitantes na aposta pola calidade, a diversificación de ofertas de ocio e a programación de eventos”.

Gonzalo Castro, do BNG de Ordes.
Clausura de locais
Con respecto á problemática derivada dos expedientes de clausura abertos a once locais ordenses, Gonzalo Castro salientou “a necesidade de facilitar por parte do Concello, desde o respecto á legalidade, a adecuación da actividade deses locais á normativa vixente”.

Así mesmo defendeu que “o sector necesita unha ordenación que permita rematar co solapamento de horarios entre os distintos tipos de locais: cafeterías, pubs e discotecas, para o que sería necesario o impulso dunha oferta de eventos  atractivos que pudiesen provocar o adianto do horario de comezo do ocio nocturno en Ordes, que na actualidade comeza a altas horas da madrugada, obrigando aos distintos locais a concentrar as súas horas de apertura no mesmo intervalo horario”.

*