miércoles, 25 de enero de 2012

Os socialistas reclaman o "arranxo inmediato" da estrada Ordes-Cerceda


Pedreira propón que o vial, que sofre un grave deterioro polo paso de tráfico pesado, pase a ser de titularidade autonómica por exceder o ámbito local


O Partido Socialista de Ordes presentou esta mañá as iniciativas que presenta no Concello, na Deputación da Coruña e no Parlamento de Galicia para reivindicar o inmediato arranxo da estrada entre o polígono industrial de Merelle e o límite con Cerceda. O vial, aseguran os socialistas, presenta un grave deterioro e unha elevada perigosidade para vehículos e peóns debido ao tráfico excesivo que soporta a diario, sobre todo as deceas de camións que se dirixen a diario ao vertedoiro da Areosa (Cerceda).

Os socialistas solicítanlle á Xunta de Galicia que realice as xestións necesarias para a sinatura inmediata do convenio do Plan Miner que permita comezar a executar, nun prazo máximo de dous meses, a ampliación e mellora da estrada. Desde hai case dous anos, o proxecto está pendente de sinatura entre o Concello, a Xunta e o Ministerio de Industria. As obras están orzamentadas en máis de 2,8 millóns de euros.

Ademais, os socialistas propoñen que a Xunta de Galicia asuma a titularidade da estrada, ao considerar que o nivel e o tipo de tráfico que circula por ela excede o ámbito local. O portavoz socialista de Ordes, Xesús Pedreira, explica que “o Concello non debería ter que asumir os gastos por desperfectos nos vehículos que circulan por unha estrada que xa tiña que ter sido arranxada”. No caso de que a Xunta non estea disposta a asumir a titularidade, os socialistas pedirán no pleno municipal que se prohíba a circulación de todo tráfico pesado maior de 5,5 toneladas, agás aquel ao que o Concello de Ordes autorice expresamente.


Moitísimo tráfico
A parlamentaria autonómica Silvia Fraga, que ademais é usuaria habitual desta estrada, explicou que “é un perigo circular por ela porque ten moitísimo tránsito ao ser a unión natural entre Ordes e Cerceda e unir os polígonos de Merelle e do Acevedo”. De feito, durante 2011 producíronse numerosas saídas de vía, colisións, diversos danos en vehículos e, desgraciadamente, dous atropelos graves co resultado de catro vítimas mortais. Por eso, argumenta que a Xunta “ten que implicarse porque o deterioro débese aos camións que van ao vertedoiro da Areosa, que pertence a Sogama, unha empresa que no 51% depende da Xunta”.

Xaquín Fernández Leiceaga, parlamentario tamén presente nesta comparecencia, incidiu en que “este tráfico é derivado de decisións da Xunta, pola ubicación de Sogama, e está afectándolle ás condicións de vida dos veciños”. De aí que sexa necesario “un tratamento excepcional” coa estrada porque “esta comarca está asumindo unha función de servizo público para o conxunto de Galicia, con consecuencias negativas como as desta estrada”.

Leira apela á coordinación
Antonio Leira, deputado provincial socialista, apelou ao discurso de toma de posesión do presidente da Deputación, Diego Calvo, no relativo á necesidade de acordo entre as Administracións para unificar posturas á hora de definir e asumir as súas competencias. Neste sentido, Leira defendeu que “se o tráfico que deteriora esta estrada é dunha empresa relacionada coa Xunta e se a Deputación ten como un dos seus fins ofrecerlle asistencia aos Concellos, teñen que sentar e asumir cadaquén as súas competencias, fixar criterios”. “O que non pode ser –engadiu Leira- é que o Concello de Ordes sexa o que teña que asumir todo este deterioro e todos estes atrancos”.

Mellora de ensanche
Os traballos de mellora e ensanche desta estrada, de 8,275 quilómetros de lonxitude, teñen un prazo de execución de 24 meses e atravesan os lugares da Portela, Pedre, O Cruceiro, Bailia e Vilasenín, pertencentes ás parroquias ordenses de Mercurín e Leira. Na actualidade, o ancho medio desta estrada é de 7 metros, dos que só seis son aproveitables para o tráfico rodado. O novo proxecto contempla ampliar esta estrada ata acadar un ancho total da plataforma de dez metros, con beiravías de metro e medio a cada lado. Unha nova anchura á que habería que engadir sendas cunetas dun metro de ancho cada unha.

Así mesmo, o proxecto contempla a mellora do firme da estrada, que pasará a ter unha categoría especial para soportar tráfico pesado, e varias actuacións nas cunetas para favorecer a evacuación do auga e impedir o seu taponamento pola maleza

*