lunes, 18 de julio de 2011

Todo listo para a XIX Feira de cans de Caza de Mesón do Vento

O domingo 31 de xullo será o día grande con exposición e exhibición de cans e degustación gratuíta de caza nos establecementos hosteleiros da zona


Un ano máis Ordes terá como protagonistas aos cans de caza coa celebración da xa tradicional Feira de Cans de Caza que vai xa pola súa décimo novena edición e que organiza o Concello coa colaboración da Asociación Feira de Cans Amigos de Ardemil. Nesta ocasión a feira terá lugar os vindeiros días 30 e 31 de xullo no recinto feiral de Mesón do Vento.

En canto ao programa festivo, o sábado 30 celebrarase o VII campionato de rastro na modalidade de xabarín, así como a final do campionato de caza de perdiz con can.

O domingo, día grande
O día grande será o domingo 31 no que se celebrará a feira de cans de caza con exposición de camadas no recinto feiral. Ademais tamén haberá una exhibición de cans de mostra da campiona de España de San Huberto, Ana Isabel Arbiol. Entregaranse tamén grandes premios aos mellores cans e aos gañadores dos campionatos do sábado. Ademais, tamén na xornada do domingo, os establecementos hosteleiros da zona ofrecerán una degustación gratuíta de caza.

Para os que queiran participar, as inscricións e reservas de gaiolas poden facerse no teléfono 689550728.

jueves, 14 de julio de 2011

Prepárate para doar sangue o luns e martes

A Unidade Móbil do Centro de Tranfusión de Galicia estará detrás da Casa do Concello os vindeiros días 18 e 19 de xullo

Galicia necesitará 500 doazóns diarias durante este verán 2011


O Concello de Ordes e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) impulsan unha iniciativa que ten como obxectivo promover a participación dos veciños nas campañas de doazón de sangue e, deste xeito garantir o correcto desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos, que van precisar preto de 30.000 doazóns de sangue nos meses de verán para cubrir todas as necesidades.

As persoas que desexen participar poderán acudir á unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia que estará instalada detrás da Casa do Concello de Ordes os vindeiros días luns 18 e martes 19 de xullo. O horario de atención será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.

Compartir a nosa saúde
Mediante esta iniciativa que se está a desenvolver este verán preténdese mellorar a información sobre este acto altruísta, para que a participación solidaria dos veciños de Ordes chegue aos hospitais co obxectivo de compartir a nosa saúde e salvar vidas.

O pasado ano 2010 houbo 841 doazóns no municipio ordense, polo que o alcalde Manuel Regos anima aos veciños a que nesta ocasión se incremente a participación para que Ordes continúe sendo un dos concellos máis solidarios de Galicia.

*

miércoles, 13 de julio de 2011

Manuel Regos, presidente por unanimidade

Os membros do pleno da Mancomunidade con Manuel Regos de presidente, no centro.

O alcalde de Ordes asume a presidencia da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes

Regos: "Para os concellos nestes momentos é fundamental mancomunar servizos para superar a situación de crise económica xeral”

O pleno constituínte da Mancomunidade de Municipios de Ordes celebrado esta mañá acordou por unanimidade nomear a Manuel Regos Boquete como novo presidente da entidade e aos sete alcaldes da comarca como membros de pleno dereito do pleno, tal e como se acordou nos plenos municipais dos seus respectivos concellos. Deste xeito, o pleno da Mancomunidade queda composto por: Manuel Regos Boquete (presidente e alcalde de Ordes), Xosé García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo).

Manuel Regos toma así o relevo de Miguel Prado Patiño, quen anunciara durante a súa toma de posesión como alcalde de Frades que renunciaba a calqueroutro cargo que non fose a alcaldía fradense. Un nomeamento que é efectivo dende hoxe e polos próximos catro anos.

Mancomunar servizos
Manuel Regos agradeceu o apoio e a confianza amosados polos alcaldes da comarca de Ordes e asegurou que “para os concellos nestes momentos é fundamental mancomunar servizos para superar a situación de crise económica xeral”. Por iso, Regos Boquete anuncia xa unha reunión o vindeiro mes de setembro “para traballar en temas concretos e poder levar a cabo medidas importantes mancomunadas”.

“Hoxe falamos en xeral”, explica o novo presidente da Mancomunidade de Ordes, “pero quedou patente que todos os alcaldes estamos dispostos a mancomunar servizos para que sexan máis rentables e operativos. Estamos falando dunha das mancomunidades máis antigas que existen e o que pretendemos é seguir ofrecendo servizos a menor coste polo ben de todos os nosos veciños e veciñas”.

Neste sentido, Regos Boquete agradece especialmente “o compromiso e a disposición amosada hoxe por todos os alcaldes da comarca de Ordes, que están dispostos a intentar que todo isto se leve adiante e a mancomunar o maior número de servizos posible para superar estes tempos de crise”. Uns servizos que se determinarán na vindeira reunión plenaria da Mancomunidade de Municipios de Ordes, que terá lugar en setembro.

Traslado da sede
O pleno constituínte de hoxe tivo lugar nos baixos da Alameda de Ordes, que se converterá na sede de todos os servizos que ofrece a Mancomunidade de Municipios de Ordes e que actualmente estaban espallados por varios inmobles como o Concello de Ordes ou o centro comarcal ordense. Manuel Regos Boquete explica que “dentro da reforma de espazos que estamos levando a cabo en Ordes co gallo da posta en servizo da ampliación da Casa do Concello, imos destinar todos os servizos e persoal da Mancomunidade aos baixos da Alameda para que teñan un espazo común de traballo e gañen en operatividade”.

O traslado ás novas dependencias nos baixos da Alameda de Ordes terá lugar ao longo das vindeiras semanas, xa que aló será preciso aloxar non só as dependencias administrativas da Mancomunidade, senón tamén o servizo de atención psicolóxica ou o propio Centro de Información á Muller.

*

O Concello celebra mañá unha charla sobre alcol e conducción

Enmarcada dentro do programa Faro de prevención do alcoholismo, terá lugar o ás 19:30 horas na Casa da Cultura


O Concello de Ordes ten previsto celebrar mañá xoves unha charla enmarcada dentro do programa Faro de prevención do alcol, un programa municipal que vai xa pola súa segunda edición.

Nesta ocasión a charla tratará sobre alcol e conducción e terá lugar ás 19:30 horas na Casa da Cultura do municipio. O encargado de impartir a charla será José Ignacio Vázquez Rodríguez, psicólogo experto en drogodependencias.

Alcol e menores
A esta charla sumarase outra máis que terá lugar o vindeiro 21 de xullo e que neste caso versará sobre a Lei de prevención do consumo de bebidas alcólicas en menores de idade. Charla que tamén impartirá José Ignacio Vázquez Rodríguez, psicólogo experto en drogodependencias, e que se celebrará ás 19:30 horas na Casa da Cultura.

Estas charlas están dirixidas á poboación en xeral, e especialmente a colectivos afectados ou en risco de estalo, familias e profesionais que traballan no ámbito desta problemática. 

Os interesados en recibir máis información poden facelo no departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes ou chamando ao teléfono 981680002.

*

martes, 12 de julio de 2011

Castro denuncia o veto de Regos á emisión do último pleno por Radio Ordes

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes / Arq.

Castro: "O alcalde pretendeu ocultar aos veciños que tivo que retirar do pleno os soldos do Goberno pola presentación dunha enmenda do BNG"


O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, acusou esta semana ao alcalde Manuel Regos, “de ordear a non emisión do pleno de organización celebrado o pasado martes”.

Segundo o concelleiro nacionalista, “coa falta de emisión por parte da radio municipal do último pleno, o alcalde pretendeu ocultar aos veciños e veciñas de Ordes que se viu na obriga de retirar do pleno a súa proposta de dedicacións para o goberno municipal, debido á presentación dunha emenda polo BNG, que propoñía a aprobación só da dedicación exclusiva do alcalde, e que contaba co respaldo de todos os grupos políticos da oposición”.

Castro lembrou que esta emenda dos nacionalistas que propoñía a  aprobación só da dedicación exclusiva do alcalde reducía significativamente a proposta do alcalde, que constaba de dúas dedicacións exclusivas, unha para o alcalde, cunha contía de 43.000 euros anuais e outra para o concelleiro de Obras e Urbanismo, cunha contía de 29.000 euros anuais, así como unha dedicación parcial, cunha contía de 16.220 euros anuais.

O portavoz do BNG considerou que “a actitude do alcalde ordeando a non retransmisión do Pleno pola radio municipal constitue un desprecio e unha burla aos veciños de Ordes, e unha mostra do seu talante despótico e antidemocrático, ao privar aos veciños e veciñas de Ordes dunha información especialmente relevante”.

As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“De forma intolerábel, o alcalde pretendeu evitar que os portavoces municipais se enterasen da non retransmisión do Pleno, xa que os técnicos encargados da emisión da radio municipal estaban presentes no pleno e instalaron todos os micrófonos para a súa emisión, que foron utilizados polos portavoces municipais con total normalidadedurante o Pleno, cando o certo é que en lugar do pleno pola radio municipal estaba a emitirse unha gravación musical”.

"Emplazamos ao goberno de Ordes a realizar unha reflexión e entender que o diálogo e o consenso deben presidir a vida política de Ordes, porque así o quixeron os seus veciños e veciñas, e o BNG sempre participará responsablemente do dialogo e dos consensos en beneficio dos veciños e veciñas de Ordes” 

*

Preto dunha vintena de nenos participan xa no curso de vela


A Deputación fixo entrega ao Concello de Ordes dunha embarcación tipo Omega para a promoción da vela 

Preto dunha vintena de rapaces e rapazas de toda a comarca comenzaron hoxe un curso de vela no embalse de Vilagudín. Un curso enmarcado dentro da campaña de vela que promove a Deputación da Coruña.

O curso que deu comenzo hoxe prolongarase ata o vindeiro día 15 deste mes. Os participantes recibirán clases sobre este deporte náutico con actividades de iniciación aos conceptos teóricos da navegación a vela, iniciación ao coñecemento básico dos nós mariños e a realización de prácticas de navegación a vela.

Ao acto de inicio deste curso asistiron os edís do Concello de Ordes, Silvia Marín, José Ramón Vázquez Raña e Roberto Iglesias que recibiron unha embarcación tipo Omega que fixo entrega a Deputación ao Concello para a promoción da vela no municipio.

*

sábado, 9 de julio de 2011

Parada, en festas

Desempregadas ordenses participan nun curso de atención sociosanitaria


Promovido polo Concello, o curso celébrase no Mercado Agrario Comarcal de Mesón do Vento ata o vindeiro mes de novembro


O Concello de Ordes deu comenzo esta semana a un curso dirixido a desempregados do municipio. Nesta ocasión trátase dun curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio que se está a celebrar no Mercado Agrario Comarcal de Mesón do Vento e que está subvencionado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Certificado de profesionalidade
En total son 15 as persoas desempregadas que están a participar neste curso, todas elas mulleres. O curso consta de 628 horas lectivas e prácticas non laborais e desenvolverase ata o vindeiro 22 de novembro de 2011. Outro dos puntos importantes deste curso é que dá acceso directo ao certificado de profesionalidade que será obrigatorio para traballar na empresa privada e na pública a partir de 2012.

*

miércoles, 6 de julio de 2011

A Mancomunidade oferta un curso de habilidades sociais para persoas con discapacidade

Pretende potenciar a súa autonomía e terá lugar todos os días laborais entre setembro e febreiro, en horario de 09:30 a 13:30 horas


A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de abrir o prazo de solicitude para o Curso de Habilidades Sociais para Persoas con Discapacidade da comarca ordense. Un curso no que poderán participar 25 persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% e que pertenzan aos municipios de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia ou Trazo.

O curso, totalmente gratuíto, impartirase entre o 1 de setembro de 2011 e o último día de febreiro de 2012 nunha aula adaptada situada no Mesón do Vento. As clases terán lugar de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:30 horas.

Maior autonomía
Con este curso, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes pretende potenciar a autonomía das persoas con discapacidade. Para iso, están programadas distintas actividades e obradoiros como: alfabetización de adultos, motricidade, obradoiros de traballos manuais e reciclaxe, clases de cociña e tarefas do fogar, obradoiros de atención e memoria, etc.

As persoas interesadas en participar poden anotarse nos Concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia ou Trazo antes do 28 de xullo. As prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición ata completar as 25 prazas. Posteriormente elaborarase unha lista de espera por se houbese algunha baixa imprevista.

*

martes, 5 de julio de 2011

O alcalde retira as mocións das dedicacións exclusivas e dos soldos

Momento do pleno municipal de esta tarde que rexistrou unha alta participación de veciños.
Non se sabe aínda se o alcalde cobrará ou non e canto, pero si que os concelleiros cobrarán 150 euros por cada asistencia ao pleno

Silvia Marín xa é a primeira tenente de alcalde

En apenas 45 minutos despachouse o primeiro pleno da corporación municipal saída das eleccións do 22 de maio. Un pleno que tivo como protagonista ás mocións retiradas polo alcalde Manuel Regos e que en consecuencia non foron debatidas. Así, non se coñece polo de agora nin o número de dedicacións exclusivas nin os soldos que estes concelleiros poideran ter.  

Plenos: xoves ás 20:00 horas
O primeiro dos puntos aprobados foi o de fixar a periodicidade das sesións do pleno, sesións que se acordou celebrar os últimos xoves de cada mes ás 20:00 horas, trala aprobación por unanimidade dunha enmenda presentada polo PP, xa que a proposta da alcaldía propoñíaos para os martes ás 19:30 horas aínda que finalmente todos os grupos apoiaron a proposta popular.

Catro comisións informativas
Tamén se aprobou a creación de catro comisións informativas, unha de Contas e Facenda, outra de Urbanismo, Obras e outros, unha terceira de Persoal, Servizos, Réxime Interior, Seguridade Cidadá, Tráfico, Medio Ambiente e Medio Rural; e por último a comisión de Educación, Discapacidade, Cultura, Xuventude, Deportes, Servizos Sociais, Terceira Idade, Sanidade, Turismo, Industria e Comercio, comisións que estarán integradas cada unha por catro membros de UxO, tres do PP, un do BNG e outro do grupo mixto, que estará formado polo edil do PSdeG- PSOE e a concelleira de CideGa. 

O consello da radio municipal estará tamén composto por dous representantes de UxO, un do PP, un do BNG e outro do grupo mixto.

Órganos colexiados
O pleno aprobou tamén o nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados, nomeando á concelleira Silvia Marín como representante nos diferentes centros educativos do municipio, e como vogal da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes ao alcalde, Manuel Regos Boquete.

Asistencia a plenos: 150 euros
Por outra banda acordouse tamén que os concelleiros que non exerzan os seus cargos en réxime de dedicación exclusiva nin dedicación parcial percibirán asistencias pola asistencia ás sesións dos órganos colexiados da Corporación. Así por asistencia aos plenos percibirán 150 euros, pola asistencia á xunta de goberno 190 euros, pola asistencia a comisións informativas 105 euros, e por último outros 105 euros pola asistencia a sesións do consello da radio municipal.

Tenencias de alcaldía
En canto ao nomeamento de tenentes de alcalde, noméanse cinco, a primeira tenente de alcalde será a concelleira Silvia Marín, o segundo Roberto González, o terceiro José Ramón Vázquez Raña, o cuarto José Luis Gómez Candal e o quinto, Roberto Iglesias.

Da orde do día retiráronse dous puntos, o punto relativo á determinación dos cargos que conleven dedicación exclusiva ou parcial e das retribucións dos mesmos; e o relativo á delegación de atribucións do pleno na xunta de goberno local, por falta de acordo. Sobre a primeira moción, que fora presentada polo grupo municipal do BNG, propoñíase só a aprobación de unha dedicación exclusiva para o alcalde de Ordes. Esta emenda dos nacionalistas reduce significativamente a proposta do Goberno Municipal, que constaba de dúas dedicacións exclusivas, unha para o alcalde, cunha contía de 43.000 euros anuais e outra para o concelleiro de obras e urbanismo, cunha contía de 29.000 euros anuais, así como unha dedicación parcial, cunha contía de 16.220 euros anuais.


O portavoz nacionalista, Gonzalo Castro, xustificou a presentación desta proposta manifestando que “desde o BNG consideramos que o Concello de Ordes precisa dun alcalde que se dedique en exclusiva as tarefas de goberno, e do mesmo xeito, atendendo á situación económica, defendemos que se conxele a súa retribución no presente exercicio económico”. 

*




Esta tarde hai pleno extraordinario da corporación

Se debatirá sobre dedicacións exclusivas e a organización das concellerías do goberno

Esta tarde a partires das 19:30 horas terá lugar un pleno extraordinario da corporación municipal co obxectivo de regular a organización do Concello, periodicidade dos plenos, dedicacións absolutas e parciais e outros aspectos de interés.

A asistencia aos plenos municipais na Casa do Concello é libre.

*

A Escola Municipal de Música pechou o curso coa celebración dun festival na Casa da Cultura


Os músicos mostraron todo o aprendido durante o curso 

A Escola Municipal de Música de Ordes pechou un novo curso o pasado venres. Un peche que estivo protagonizado, como vén sendo habitual cada ano, pola celebración dun festival de fin de curso.

O festival tivo lugar o pasado venres na Casa da Cultura ordense, e nel todos os asistentes pudieron disfrutar das actuacións dos alumnos e alumnas da Escola de Música que mostraron desta maneira todo o aprendido durante o curso.

*

O Concello promove un novo ciclo de charlas de prevención do consumo do alcol

Enmarcada no programa Faro, terán lugar os vindeiros 7, 14 e 21 de xullo na Casa da Cultura

O Concello de Ordes organiza un novo ciclo de charlas informativas enmarcadas dentro do programa Faro de prevención no consumo de alcol. Unhas charlas que terán lugar os vindeiros 7, 14 e 21 de xullo e que están dirixidas á poboación en xeral, e especialmente a colectivos afectados ou en risco de estalo, familias e profesionais que traballan no ámbito desta problemática.

Concretamente, a charla do vindeiro xoves día 7 titulada “Que podo facer cando sei que alguén ten problemas de alcol?”, terá lugar ás 11 horas no auditorio da Casa da Cultura e estará impartida por Brígida Arnáiz Carnota, traballadora social da Unidade de Tratamento de Alcoholismo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Alcol e coche
A charla do día 14 de xullo, baixo o título “Alcohol e conducción”, terá lugar ás 19:30 horas sendo o conferenciante José Ignacio Vázquez Rodríguez, psicólogo experto en drogodependencias, que será tamén o encargado de impartir a derradeira das charlas o día 21 de xullo, no mesmo lugar e hora e que versará sobre a Lei de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

Os interesados en recibir máis información poden facelo no departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes ou chamando ao 981680002.

*

Ordes acolle dende onte e ata o vindeiro venres o primeiro Campus de Atletismo


Está organizado polos concellos de Ordes e Cerceda e conta coa colaboración do Clube de Atletismo Ordes e o Clube Atlética A Silva

O acto de clausura contará cunha miniolimpíada


Unha trintena de rapaces e rapazas participan dende onte e ata o vindeiro venres 8 de xullo no primeiro Campus de Atletismo que organizan os concellos de Ordes e Cerceda coa colaboración do Clube de Atletismo de Ordes e o Clube Atlética A Silva.

Un campus que se está a desenvolver nas pistas de atletismo de Ordes situadas na cidade deportiva de Vista Alegre. Durante estes días os participantes realizarán carreiras de velocidade, lanzamento de xabalina, disco, peso e xogos de multilanzamentos, saltos de lonxitude e altura, carreiras de resistencia, carreiras de relevos, e como broche final do campus o venres celebrarase unha miniolimpíada con entrega de medallas.

O campus, que pretende achegar aos máis novos ao mundo do atletismo, desenvólvese todas as mañás en horario de 11:00 a 13:00 horas.

*

Entregados os diplomas do cursos de ESO para adultos


Participaron 24 alumnos que poderán acceder ao graduado ESO

O pasado venres día 1 de xullo o Concello de Ordes celebrou o acto de clausura do curso de ESO para adultos celebrado no municipio durante este curso escolar.

Un acto no que se fixo entrega dos diplomas acreditativos aos participantes, e ao que asistiron os edís do goberno local ordense, Silvia Marín, Lucía Iglesias e Roberto Iglesias Calviño.

Neste curso, a través do que se preparou a todos os participantes para a obtención do graduado en ESO, participaron 24 alumnos.

*

sábado, 2 de julio de 2011

Ampliado o prazo de inscrición para o curso de monitor de tempo libre

O prazo permanecerá aberto ata o 8 de xullo na Oficina de Información Xuvenil (OMIX) do Concello


O Concello de Ordes promove un curso de monitor de tempo libre que terá lugar durante os vindeiros meses de verán. Trátase dun curso de carácter intensivo que se celebrará dende o 11 de xullo ao 6 de setembro de luns a venres en horario de 09:00 a 14 horas.

O curso, homologado pola Xunta de Galicia, constará de 200 horas teóricas e 150 horas prácticas. O prezo de inscrición é de 150 euros ao que se suman dúas mensualidades de 50 euros.

Ata o 8 de xullo
O prazo para inscribirse ampliouse, polo que todos aqueles que estean interesados en participar poderán realizar a súa inscrición ata o vindeiro 8 de xullo na Oficina de Información Xuvenil- OMIX de Ordes, situada na planta baixa da Casa do Concello. Tamén se pode recibir máis información chamando ao teléfono 981680002.

* 

Rematado o curso de manipulación de alimentos


Participaron preto dunha vintena de veciños na charla informativa de tres horas 


Ordes acolleu onte 30 de xuño a celebración dun curso de manipulador de alimentos. Un curso no que participaron 19 alumnos e que tivo lugar de 16:00 a 19:00 horas na sala de conferencias do Punto de Encontro de Ordes, situado nos baixos da Alameda.

O curso consistiu nunha charla informativa de tres horas presenciais nas que se trataron aspectos prácticos sobre a seguridade alimentaria, a manipulación de alimentos e as normas mínimas a cumprir na industria alimentaria.

Industria alimentaria 
Trátase dun curso obrigatorio para todas aquelas persoas que traballen no sector da industria alimentaria: panadeiros, camareiros, cociñeiros, dependentes de conxelados, charcuterías, persoal de supermercados, repartidores, traballadores de queixerías, persoal de guarderías, comedores de colexios, persoal de residencia de anciáns,  e outros, de aí a súa importancia de cara a conseguir un traballo.

*

A escola de verán xa deu comezo ás súas actividades


Un cento de nenos ordenses comenzaron esta mañá cunha nova edición da escola organizada polo Concello

Trátase de actividades para as mañás de vacacións dos escolares que teñen como obxectivo facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias ordenses


Un cento de nenos ordenses deron comenzo esta mañá a unha nova edición da Escola de Verán posta en marcha polo Concello. Unha iniciativa que consiste en actividades nas que as familias deixan aos seus pequenos durante as mañás das vacacións escolares. Estas actividades buscan que os pequenos vexan, descubran e participen do entorno no que viven durante as vacacións mentres a súa familia traballa ou descansa.

Esta iniciativa, posta en marcha polo Concello de Ordes xa en anteriores edicións e outras épocas vacacionais, ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e, ao mesmo tempo, conseguir que os nenos se divirtan con xogos, manualidades, visitas á piscina, obradoiros, etcétera, e convivan e fagan amizade con outros rapaces do municipio.


Quendas de 15 días
O programa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en quendas de 15 días cada unha podendo participar nunha, en dúas, en tres ou nas catro quendas das que se compón o programa. As actividades teñen lugar de 09:00 a 14:00 horas.

*

jueves, 30 de junio de 2011

Radio Ordes entrevista a Virginia de OT 2009

La 'triunfita' mimada de Risto Mejide y ganadora del popular concurso, sin secretos para el 'Entre lusco e fusco' de Miguel Lueiro

A Casa da Cultura acolle mañá o festival de fin de curso da Escola Municipal de Música

Terá lugar a partires das 19:30 horas


A música será a protagonista mañá venres coa celebración do festival de fin de curso da Escola Municipal de Música. Un festival que terá lugar no auditorio da Casa da Cultura a partir das 19:30 horas.

Como vén sendo habitual cada fin de curso, os alumnos da escola demostrarán a todos os asistentes o aprendido durante estos meses nos que se achegaron un pouco máis ao mundo da música, e en definitiva, á práctica de diferentes instrumentos.

*