domingo, 14 de octubre de 2012

Sánchez Bugallo: "Crearemos becas contrato para os noso xóvenes, suprimiremos o copago farmacéutico e gravaremos as grandes fortunas"

O exalcalde compostelán, Sánchez Bugallo, onte no mitin central do PSdG-PSOE en Ordes.
Os socialistas consideran que Núñez Feijóo "fracasou" no seu mandato ao "non cumplir co que prometeu antes de chegar á Xunta"

Xesús Pedreira: "Grazas a Pachi Vázquez, Ordes ten hoxe un paseo fluvial" 

O PSdG-PSOE celebrou na noite de onte no restaurante El Túnel o seu mitin central da campaña electoral das eleccións autonómicas do 21 de outubro. Ante preto de 150 persoas, o encontro contou coas intervencións do secretario da Agrupación socialista de Ordes, Xesús Pedreira, do  exalcalde de Santiago de Compostela e candidato ao Parlamento de Galicia, Xosé A. Sánchez Bugallo, e da deputada do PSOE co Congreso Soraya Rodríguez


Xesús Pedreira lembrou o convenio de Sogama con Ordes durante o Goberno socialista na Xunta de Galicia.

Pedreira: "Feijóo non viu nin unha soa vez a Ordes"
Loga dunha breve presentación, Pedreira quixo lembrar ao asistentes a aportación do agora candidato socialista á Xunta de Galicia, Pachi Vázquez, ao concello de Ordes. "Grazas a Pachi Vázquez, por aquel entonces conselleiro de Medio Ambiente, hoxe temos en Ordes o paseo fluvial. Grazas a Pachi Vázquez tivemos un convenio anual de cen mil euros anuais con Sogama", afirmaba o socialista. 

Podes ver o video do mitin premando baixo estas liñas.



Tamén insistiu Pedreira en que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "non ten preocupación algunha polo que nos acontece aos ordenses", porque Feijóo "non viu nin unha soa vez a Ordes durante todo o seu mandato. So agora o fará, e solo será para pedir que o voten e marchar para non volver", criticou o socialista.


Entre os asistentes, en primeira fila a segunda pola esquerda, a candidata ao Parlamento Paula Castiñeira.

Bugallo: "Feijóo dixo que remataría co paro en 45 días"
O exalcalde compostelán comezou a súa exposición lembrando a figura de Xerardo Estévez, alcalde compostelán que coma el "foi capaz de construir unha cidade con amplas zonas verdes, garderías, dotacións e equipamentos, un modelo de cidade solidaria. Son as cidades segregadas as que nunca contaron cun alcalde socialista", asegurou Bugallo. 

Ante o "desánimo" que "un medio de comunicación" -en referencia a La Voz de Galicia- quere causar nos votantes progresistas dándolles a entender que "non vaian a votar, que total, xa está todo perdido...", Sánchez Bugallo lembrou moitos precedentes nos que os datos das enquisas non se axustaron logo á realidade do día das furnas. "Non hai lugar para o desánimo nos socialistas", decía, convencido de que a sociedade galega "non confiará" novamente nun candidato como Núñez Feijóo e o seu partido, o PP, que "non foi quen de cumprir co seu programa electoral". 


Alcaldes e concelleiros do PSOE da nosa comarca tamén asistiron ao mitin socialista.

"Noventa novos parados cada día"
"Durante a campaña do 2009, Feijóo decía que nada máis chegar á Presidencia poría en marcha un plan especial contra o paro, e que a partir do 45º día remataría co paro en Galicia". A realidade case tres anos despois, asegurou o socialista "é que o paro non deixou de aumentar durante o seu mandato. Noventa parados cada día. Hai 50.000 mozos e mozas en paro, a metade deles son universitarios, 55 deles marcha cada día da nosa terra en busca de oportunidades fora", afirmaba Sánchez Bugallo.

Tamén Sánchez Bugallo expuso aos asistentes o "ano de nove meses" que conseguiu que"fraudulentamente", a Xunta de Galicia logrou equilibrar o deficit do ano 2011. "Foi o señor José Antonio Orza, conselleiro dezaseis anos con Fraga e máis de vinte como deputado polo PP, e hoxe conselleiro do Consello de Contas de Galicia, quen descubriu e denunciou como Feijóo logrou supostamente equilibrar o deficit do ano 2010, e foi non aceptando facturas logo do mes de setembro, e que todas as facturas do último trimestre do ano entraran xa en xaneiro". Así, con este "ano de nove meses" foi como Feijóo "pretendeu facernos crer que cumpriu o déficit, cando en realidad o que fixo foi ocultar 400 millóns de euros en débedas do ano 2010".


Momento da exposición da deputada socialista Soraya Rodríguez.

Axuda aos emprendedores
O candidato ao Parlamento asegurou que un Goberno socialista na Xunta de Galicia combatiría á crise económica impulsando políticas de axuda aos emprededores e á creación de empresas. "O novo Goberno socialista creará becas contrato de 500 euros ao mes durante un ano para impulsar a contratación dos nosos xóvenes. Suprimiremos o copago farmacéutico e garantiremos a gratuidade dos libros de texto. Cremos tamén que os que máis gañan deben asumir unha maior parte na redistribución da riqueza, por iso impulsaremos un recargo para aqueles que gañan máis de 10.000 euros ao mes", remataba o exalcalde socialista.

Por último, a deputada vallisoletana Soraya Rodríguez, pechaba o acto expoñendo as súas críticas á política de Mariano Rajoy, que considerou de "suicida". Alertaba a socialista de que o Fondo Monetario Internacional ven de confirmar que as medidas postas en marcha polo Goberno de Rajoy conducirán a España "cara á recesión". O FMI, recoñeceu a deputada socialista, "sitúa á economía española como a segunda do mundo, logo de Grecia, con peor evolución no 2014". 


Soraya Rodríguez considera que as medidas de Mariano Rajoy levarán a España cara á recesión económica.

Soraya Rodríguez: "Os contratos de Pemex non existen"
 Lembrou tamén Rodríguez que cando os socialistas abandonaron o Goberno de España, a prima de risco estaba en torno a 150, e que agora pasa dos 450 puntos, "logo de sobrepasar os 600 puntos fai poucas semanas". Tamén lembrou que 300.000 millóns de euros abandoaron España durante o Goberno de Mariano Rajoy. De cara ás eleccións autonómicas galegas, anunciou que o contrato da petroleira mexicana Pemex para a construción de dous hoteis flotantes "non existen".  

Por último, os tres paricipantes pediron o voto para o Partido Socialista co obxectivo de "pararlle os pés" ao Partido Popular na súa política de "acoso ás clases traballadoras" do noso país.