| O tramo está transitado por veciños e peregrinos camiño a Compostela. |
O Partido
Popular de Ordes anunciou esta tarde que defenderá no pleno municipal previsto para o próximo xoves 29 unha
moción na que insta ao Concello de Ordes a incrementar a seguridade vial no
tramo de pista en curva que discorre polo lugar de Vilariño, en Buscás, onde a
escasa visibilidade, a falta de sinalización e a ausencia de beirarrúa está a provocar
frecuentes accidentes, o último dos cales se produciu en outubro.
Os veciños
de Vilariño, asegurn os populares, impotentes ante a sucesión de accidentes neste punto e
desesperados pola nula resposta que o Concello ofrece fronte a esta situación,
trasladaron os feitos ao portavoz municipal do PP de Ordes, José
Luis Martínez Sanjurjo, quen reclamará unha solución no vindeiro pleno.
| Tramos de baixa visibilidade en Vilariño (Buscás), denunciados polo PP de Ordes. |
Perigo para
veciños e peregrinos
Por esta
curva discorre ademais o trazado do Camiño Inglés de peregrinación a Santiago,
polo que o risco non é só para os veciños e conductores que utilizan esta
estrada, senón tamén para os numerosos peregrinos que transitan esta senda para
dirixirse a Compostela.
A ausencia
de visibilidade vese acentuada, ademais, pola ubicación dunha marquesiña que
limita o campo de visión dos veciños que se incorporan á estrada cos seus
vehículos.
Demandas
Para superar
estas carencias e tratar de reducir a sinistralidade neste punto, o Partido
Popular reclama ao Concello de Ordes a que instale sinais de perigo por curva
perigosa e de limitación da velocidade a un máximo de 50 km/h no tramo de curva;
que coloque bandas rugosas permanentes nas inmediacións das dúas interseccións
de maneira que os vehículos se vexan obrigados a reducir a velocidade; e que se
mellore a visibilidade colocando cadanseu espello nas dúas interseccións para
garantir a incorporación segura dos vehículos á estrada.
Ademais, o
Partido Popular estima necesario estudiar a posibilidade de reubicar a marquesiña
que reduce a visibilidade nunha das interseccións e instalar gardarraís no
vértice exterior da curva, con espazo suficiente para facilitar o acceso ás
fincas de labor.
Para
mellorar a seguridade dos peóns que camiñan por esta zona –peregrinos, que
descoñecen a perigosidade do tramo, en moitos casos-, o Partido Popular insta
ao Concello a construír unha beirarrúa elevada sobre o nivel de asfalto,
aproveitando o sobreancho a base de saburra xa existente na zona.
![]() |
| José Luis Martínez Sanjurjo, do PP. |
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal
do PP de Ordes
"O que está a acontecer en Vilariño non é máis que
un exemplo da situación de abandono na que o Concello de Ordes mantén as
diferentes infraestructuras do municipio, en especial as do ámbito rural,
mentres derrocha cartos a manchea en obras de discutible utilidade e nula
demanda social, como a ampliación da Casa Consistorial ou da Cidade Deportiva"
*
