viernes, 16 de noviembre de 2012

O BNG de Ordes reclama medidas contra os desafuizamentos


Castro: “A banca, que ten recibido miles de millóns de diñeiro público para sanear as consecuencias das súas aventuras inmobiliarias, en cambio é intransixente nas sumarias execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras sen contemplacións”

O BNG de Ordes ven de presentar unha moción no Concello de Ordes para instar á Xunta de Galicia a que demande do Goberno de España que proceda á modificación da lei hipotecaria, que teña carácter retroactivo, para dar solución ao grave drama social dos desafiuzamentos e para instar ao alcalde á creación dunha comisión especial para atender casos de desafiuzamentos, composta por responsábeis dos Servizos Sociais municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos. 
Estudando a posibilidade de axudas ao aluguer, axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación.

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG, afirmou na presentación desta iniciativa que “entre xaneiro e xuño deste ano a xustiza ten autorizado en Galiza o desafiuzamento de máis de 3.000 vivendas ou negocios por non poderlle pagar ao banco, e téñense iniciado máis de 48.000 procesos de execución que pretenden o mesmo destino, en todo o Estado. En total, desde o principio da crise en 2007, son máis de 9.000 expedientes que afectan a familias galegas que conteñen auténticas traxedias humanas e incluso suicidios, no caso do Estado”.
Reunións PP-PSOE
Castro salientou que “as reunións agora entre PP e PSOE non poden ocultar que, en reiteradas ocasións desde marzo de 2011, os dous partidos opuxéronse ás alternativas subscritas polo BNG no Congreso dos Deputados. De nada valen lamentos e panos quentes a un problema que exixe medidas contundentes, modificacións na lexislación hipotecaria e solucións claras e firmes”.

Acordos propostos polo BNG
Os acordos propostos polo BNG na moción, concretanse en instar á Xunta e ao  Goberno Central ao seguinte:
1.- ENTREGA DA VIVENDA. Contemplar a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda, garantizando o aluguer social da mesma vivenda sobre todo cando existan menores ou persoas dependentes.
2.- VIVENDA HABITUAL. Estabelecer un réxime especial no caso da execución de préstamos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais.
3.- MORATORIAS. Contemplar moratorias para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas difíciles como a perda de emprego ou o peche dun negocio.
4.- ALUGUER. Estabelecer a posibilidade de poder converter a hipoteca nun aluguer.
5.- PARALIZACIÓN DE EXECUCIÓNS. Estudar un procedemento concursal específico para permitir a paralización de certas execucións.
6.- TAXACIÓNS. Modificar o réxime de taxación e aumentar a porcentaxe de adxudicación ao acredor, actualmente no 60% do valor de  taxación.
7.- FONDO ECONÓMICO. Habilitar un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos e evitar o desamparo das persoas e as familias que se atopan en situacións económicas extremas.
8.- ASESORAMENTO. Creación dunha Oficina de Asesoramento para Familias amenazadas polos desafiuzamentos.
9.- BOLSA DE VIVENDA SOCIAL. Creación dunha Bolsa de Vivenda Social, exixindo das entidades bancarias e de aforro que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social ou venda a prezo taxado.

Medidas respecto a Ordes
No tocante a medidas a adoptar desde o Concello de Ordes, o BNG instar á Alcaldía a adopción das seguintes medidas:
1.- COMISIÓN DE TRABALLO. Creación dunha comisión especial para atender casos de desafiuzamentos, composta por responsábeis dos Servizos Sociais municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos. Estudando a posibilidade de axudas ao aluguer, axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación.
2.- BANCA.- Interesar das entidades bancarias e de aforro información sobre posíbeis desafiuzamentos que afecten a familias do concello, a paralización dos que estean en marcha e a súa colaboración coa comisión municipal creada para casos de desafiuzamento.
-     No suposto de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello proceder, na medida que sexa posíbel e non prexudique aos veciños e veciñas, a prescindir dos servizos que as mesmas poidan prestar ao Concello.

Gonzalo Castro Prado.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“A banca, que ten recibido miles de millóns de diñeiro público para sanear as consecuencias das súas aventuras inmobiliarias, non quere adoptar medidas voluntarias para resolver este problema"
 "Nestes momentos de crise, a banca non concede créditos á cidadanía nin ao empresariado autónomo, pequeno ou mediano, pero en cambio son intransixente nas sumarias execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras sen contemplacións”

“O BNG comparte ao igual que outros sectores sociais, e mesmo a xudicatura, a demanda de medidas lexislativas e sociais para impedir este desaforo. Medidas para atender os casos máis dramáticos, para evitar o desamparo das persoas e familias en situación económica extrema”
*