viernes, 2 de marzo de 2012

Pedreira acusa a Indalecio Cabana de "mentir" no asunto do salvaescaleiras do CEIP Castelao

Indalecio Cabana, xefe territorial  de Educación da Xunta de Galicia. // Foto: Xunta de Galicia

O concelleiro socialista de Ordes asegura que "non é verdade", tal como asegura o xefe territorial de Educación da Xunta, que a instalación fora "consensuada" con representantes dos pais e nais e do Concello

A Agrupación Socialista de Ordes criticou hoxe que o xefe territorial de Educación utilice a mentira nos medios de comunicación para tentar xustificar a colocación ás agachadas do salvaescaleiras do CEIP Castelao, realizado durante as pasadas vacacións escolares do Entroido. O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, asegura que “a Xunta está mentindo á cidadanía cando declara que a instalación foi consensuada nunha reunión con representantes dos pais e do Concello, porque non houbo reunión nin comunicación algunha con Concello nin coa ANPA. Foi unha decisión e unha actuación unilateral da Xunta para colocar un aparello ás agachadas e sen ter en conta o sentir da comunidade educativa de Ordes”.

Xesús Pedreira Mirás.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro do PSdG-PSOE de Ordes 
“Durante a xornada de onte contactei persoalmente coa Asociación de Pais do CEIP Castelao e negaron que estiveran informados da instalación do salvaescaleiras. E no caso do Concello de Ordes, tanto o alcalde como a concelleira de Ensino confirmaron que non asistiron a reunión algunha nin recibiron aviso da Xefatura Territorial de Educación”

"O PSOE de Ordes seguirá defendendo a verdadeira opinión da comunidade educativa de Ordes, expresada no Consello Escolar de novembro de 2011 e refrendada co apoio do pleno do Concello de Ordes, para que a Xunta coloque un ascensor no colexio Castelao”

“Coas súas mentiras e coa súa forma de actuar ás agachadas, a Xunta demostra que os compromisos que tomou diante da dirección do Centro a finais de xaneiro non foron máis que unha estratexia para evitar a mobilización da comunidade educativa”.

*